No mundo global no que vivimos hoxe en día, as solucións de videconferencia estanse a converter pouco a pouco nun deses software indispensables, case como o navegador ou un paquete de ofimática. Ben sexa polas necesidades de comunicación con clientes ou futuros clientes ou, aínda que lentamente pero pouco a pouco avanzando, con outros compañeiros debido ao teletraballo, o certo é que estas ferramentas son xa unha necesidade que hai que sumar á caixa tecnolóxica que hoxe en día precisa calquera empresa.

No lado do software libre temos xa bastantes opcións entre as que elixir, e neste artigo imos falar de tres delas. As vantaxes principais que estas ferramentas, polo feito de ser software libre, poden ofrecer contra outras solucións privativas, están sobre todo relacionadas coa seguridade, o cifrado dos datos das conversas, e sobre todo a vantaxe de poder ser instaladas en servidores propios, de maneira que poidamos ter o total control sobre as comunicacións da empresa e a privacidade das mesmas.

Aínda así, non deixamos fora neste análise, a aquelas empresas que polas súas características non dispoñan da infraestrutura tecnolóxica para facer unha instalación propia, e presentaremos tamén solucións que poden ser empregadas como servizo externo. Así, as tres ferramentas elixidas para esta comparativa e sobre as que falaremos a continuación son: Ring, Jitsi e Spreed/NextCloud.

Características a resaltar na análise

Ao tratarse de sistemas de software libre é indispensable analizar como son as súas comunidades, como de activas son, se sacan novas versións con frecuencia, o tipo de licenciamento…

Por outra banda, no aspecto de características, fixámonos nos servizos extra que ofrecen, tendo en conta que todas serven para o mesmo, comunicarse a través de vídeo e son, queriamos ver que outras funcionalidades podían ofrecer, como compartir a pantalla, integración con calendarios, chat… tamén nos fixamos se están dispoñibles para varias plataformas, non só de escritorio senón tamén para dispositivos móbiles. Por último, analizamos tamén se ofrecen a posibilidade de ser instalados un servidor propio.

A análise

A continuación detallamos a análise feita para cada unha das alternativas.

 

Ring é un sistema de videoconferencia de software libre, que dende o ano 2016 se converteu en parte do proxecto GNU, o que fala xa do seu ADN de software libre.

Comunidade

É desenvolvido por una empresa canadense, Savoir-faire Linux, quen se encarga tamén do seu mantemento, xunto con numerosos contribuidores da comunidade. Como parte do proxecto GNU está licenciado coa GPL, o que garante que seguirá a ser software libre, e que calquera mellora teña que ser sempre publicada coa mesma licenza.

Funcionalidades

Destaca polo seu funcionamento como sistema de videoconferencia puro, con múltiples participantes, aínda que tamén nos permite compartir vídeos, en múltiples formatos, poder conectar varias cámaras diferentes e emitir dende elas ao mesmo tempo, ou compartir imaxes. Inclúe tamén un sistema de mensaxeira instantánea entre os participantes da chamada.

Plataformas soportadas

Está dispoñible para GNU/Linux, Windows e Mac OSX entre os dispositivos de escritorio e para Android entre os dispositivos móbiles.

Servizos e instalación propia

Dentro das diferentes solucións que analizamos neste artigo, esta é a máis parecida á coñecida alternativa privativa Skype, xa que o seu modo de funcionamento é moi similar, é dicir, hai sempre que instalar a aplicación para poder facer unha videconferencia con un ou varios dos nosos contactos. A primeira vez que se arranca so é necesario elixir un nome de usuario e compartilo con quen queiramos comunicarnos.

 

Jitsi é un sistema de videoconferencia moi popular, en parte grazas á súa sinxeleza e a ter un servizo en liña que o permite utilizar directamente dende o navegador web, sen ter que instalar nada.

Comunidade

Jitsi naceu como proxecto persoal dun estudante universitario, e pouco a pouco foi crecendo con diferentes colaboracións. Ese mesmo estudante chegou a crear unha empresa arredor deste produto, na que contratou aos maiores contribuidores da comunidade. A día de hoxe é un proxecto moi activo, que inclúe diferentes ferramentas. O proxecto principal ten ata 49 contribuidores distintos nestes momentos e segue un ritmo de actualizacións moi elevado, publicándose varias novas versións cada mes.

Funcionalidades

Como sistema de videoconferencia, Jitsi inclúe diferentes funcionalidades extras, aínda que máis ou menos habituais neste tipo de ferramentas, como a compartición de pantalla, un chat, compartir diferentes tipos de ficheiros etc… Tamén inclúe unha funcionalidade máis novidosa como é a opción de poder conectarse a unha videoconferencia en liña a través dunha chamada de teléfono nacional, sen necesidade de conexión a Internet, e que está dispoñible para varios países, entre eles España. Mais alá das propias funcionalidades que ofrece o proxecto principal, o ecosistema de Jitsi é moito máis extenso, xa que existen outros proxectos derivados da plataforma para facer outras cousas, así por exemplo conta con ferramentas para gravar ou servir en streaming conferencias, entre outras.

Plataformas soportadas

Jitsi é multiplataforma, xa que pode ser usado directamente dende o navegador web moderno en calquera sistema operativo. Ao mesmo tempo dispón tamén dunha aplicación de escritorio con soporte para GNU/Linux, Windows e Mac OSX e unha aplicación móbil para Android e iOS.

Servizos e instalación propia

Existe un servizo web que pode ser usado de balde, simplemente creando unha sala e compartindo a ligazón é posible manter unha videoconferencia. Por suposto tamén pode ser instalado nun servidor propio, o que permite ter un maior control sobre as comunicacións. O proceso de instalación é sinxelo e está ben documentado.

Spreed.me é un servizo en liña que permite facer videoconferencias, construído sobre WebRTC. Ademais do servizo online pode ser instalado nun servidor propio. Eles ofrecen unha spreebox, un dispositivo hardware que xa vén coa aplicación instalada, o que posibilita simplemente conectar o dispositivo e dispoñer dun servidor propio para videoconferencias.

NextCloud, o xestor de ficheiros na nube de software libre, emprega Spreed como sistema de videoconferencia, polo que se xa se usa NextCloud na empresa, xa se dispón dun sistema de videoconferencia grazas á integración de Spreed.

Comunidade

O punto central da comunidade de desenvolvemento de Spreed atópase en torno a github. Non hai unha pauta concreta de lanzamento de novas versións, aínda que non soen pasar máis dun par de meses entre elas, ás veces incluso menos, se ben é certo que non parece ter unha comunidade moi grande, xa que o número de contribuidores actuais no código fonte é de 11 persoas.

Funcionalidades

Como sistema de videoconferencia, Spreed, ofrece as funcionalidades habituais, chat, compartir pantalla, compartir varios tipos de ficheiros…

Onde radica a súa potencia é na integración con NextCloud, xa que ao empregalo de forma combinada abre novas posibilidades. A integración con esta outra ferramenta permite por exemplo compartir documentos ou presentacións e gardalos xa directamente na conta de NextCloud, ademais de empregar directamente o propio servizo de NextCloud para facer as videoconferencias, sen necesidade de dispoñer dun servizo extra.

Plataformas soportadas

Spreed é multiplataforma, se se emprega o servizo en liña, pode facerse dende o navegador web, dende diferentes sistemas operativos. Se se emprega como aplicación dende NextCloud, funciona tamén nos sistemas operativos habituais, xa que NextCloud os soporta. A nivel dispositivos móbiles existe unha aplicación para iOS, aínda que non así para Android. Para os usuarios de Android existe a posibilidade de empregar o servizo web dende o navegador Chrome de Android.

Servizos e instalación propia

Dende a propia páxina web de Spreed pode empregarse o servizo en liña, pero é unha ferramenta máis pensada para ser empregada nunha instalación propia ou ben a través dunha instalación de NextCloud. Se se quere ter todo empaquetado, hardware e software, existe a solución da Spreedbox, un dispositivo hardware que se pode mercar e que inclúe todo o necesario para ter un servidor propio con Spreed, soporte técnico incluído, e simplemente sacándoa da caixa e conectándoa á rede.

Pin It on Pinterest

Share This