Hoxe estreamos unha serie de artigos tecnolóxicos nos que nos centraremos na ferramenta Zabbix, que está dispoñible no Centro Demostrador TIC Virtual para a súa proba e avaliación por parte das empresas galegas, e do que xa publicamos un artigo de casos de éxito en semanas anteriores.

Neste serial faremos unha análise acerca dos puntos fortes e as particularidades desta ferramenta de monitorización remota de servidores empezando polo seu enfoque ITIL, parándonos tamén nos detalles de deseño do seu sistema, a súa política de seguridade e as súas particularidades en contornas de alta dispoñibilidade. Con esta serie de artigos pretendemos facilitar a compresión do funcionamento e prestacións que ofrece esta ferramenta e poñela á vosa disposición. Estes artigos profundan nos detalles técnicos desta ferramenta na que entidades do noso tecido empresarial están xa na actualidade a basear as súas infraestruturas de supervisión TIC. Así mesmo existen empresas da nosa rexión que basean parte ou toda a súa liña de negocio na prestación de servizos baseados en Zabbix, dende a implantación e o soporte ata a adaptación avanzada do servizo.

Zabbix foi creado no ano 1998. Logo de tres anos de desenvolvemento chegaría a liberación do seu código baixo a licenza GNU General Public License (GPL) versión 2, no ano 2001. O seu autor, Alexei Vladishev, creouno coa visión da construción dun Sistema de Monitorización de Redes. Cando se traballa conforme ITIL é importante o manexo da súa propia linguaxe así como dos conceptos que se manexan. O éxito dunha ferramenta na súa incorporación nun modelo de goberno IT depende en gran medida de que esta se adapte o máis posible ás operativas definidas na IT da organización. Así pois o sistema de supervisión non só debe dar resposta ás necesidades intrínsecas de supervisión dos equipos da infraestrutura IT senón que tamén debe dar esa resposta nos termos e a linguaxe establecida polo goberno IT.

Zabbix bebe directamente de conceptos fundamentais do conxunto de boas prácticas e fundamentos para xestión dos servizos da información que se coñece como ITIL. Zabbix está explicitamente enfocado a este tipo de escenarios onde o goberno dos servizos de IT réxese por un conxunto estandarizado de operativas de común aplicación por todas as organizacións do sector da información.

Panel de control

O panel de control de Zabbix adáptase plenamente a ITIL. Conceptos como os SLA, auditoría de accións, o control de acceso á información, catalogación, provisión e inventariado, escalado de incidencias e composición dos Elementos de Configuración do IT son manexados de xeito nativo por Zabbix. Isto permite que a ferramenta se poida incorporar doadamente en calquera entorno onde xa se estean aplicando prácticas ITIL xa que o transvase e implementación das novas operativas sobre a nova ferramenta adoitarán a ser facilmente adoptadas por parte dos operadores da plataforma de IT.

Colas

Un exemplo práctico moi esclarecedor pode ser a xestión de alertas e as colas de notificación. En Zabbix pódese definir perfectamente os niveis e métodos de escalada das alertas e segundo o tempo dende o inicio do problema. Así, pódense establecer diferentes tipos de comunicacións para as alertas (SMS, correo electrónico, mensaxeira instantánea etc) e establecer as preferencias entre uns e outros segundo o persoal involucrado: Avisos no móbil só para emerxencias, correos para erros menores, notificacións ao responsable de área en caso de que o problema persista durante un tempo establecido etc.

Monitorización all-in-one

É probable que a base do éxito de Zabbix estea construída a partir da capacidade que ten este software para a integración e soporte de distintos protocolos de xestión e supervisión remota. Protocolos como SNMP, IPMI, JMX, Web, POP, IMAP, HTTP, SSH, Telnet, HTTP etc todos eles teñen cabida dun modo nativo en Zabbix.

Mapa de rede en Zabbix

O usuario pode caer na conta de que nos atopamos fronte a unha ferramenta capaz de centralizar toda a operativa de xestión e supervisión do parque de dispositivos IT dunha organización dunha forma integral e coherente. E é que Zabbix é quen de supervisar todo o stack IT da compañía dende os pequenos dispositivos de rede, ata a propia monitorización de aplicacións Web, pasando por sofisticados pasivos de rede como switches, routers e firewalls, aplicacións JAVA2EE, e mesmo a xestión física dos servidores con interface IPMI, converténdose nun verdadeiro todo nun.

Solución profesional

A supervisión e control dos servidores e equipos de rede que temos nunha organización é unha das actividades máis importantes para o bo funcionamento da infraestrutura tecnolóxica. Zabbix é quen de ofrecer unha solución profesional completamente Open Source, coa capacidade para xestionar e medir o rendemento e a dispoñibilidade dos servidores, equipos, aplicacións e bases de datos. Máis aínda, ofrece características avanzadas de supervisión, xestión de alertas e visualización da información, que incluso, algunhas das mellores aplicacións comerciais deste tipo non ofrecen.

Como ferramenta de software libre dedicada á monitorización, permite supervisar e rexistrar o estado de varios servizos nunha rede de ordenadores, servidores ou hardware da propia rede. Entre as súas características, destacan a capacidade de verificar a dispoñibilidade de recursos, o nivel de resposta dos servizos IT coma, por exemplo, aplicacións web ou o correo electrónico, a visualización de datos estatísticos como o histórico de uso de CPU, uso de disco ou o tráfico de rede, e a supervisión e soporte a través de múltiples protocolos como SNMP, TCP, ICMP ou SSH e Telnet.

En resume, Zabbix é un dos competidores máis serios no sector dos Sistemas profesionais de monitorización e supervisión IT e o é sendo un produto construído en código aberto con outras tecnoloxías coma Zenoss Core, Cabot, Pandora FMS, Munin, Icinga, collectd e Nagios. Basta cunha rápida consulta das tendencias en Google sobre estas ferramentas para ver claramente a evolución crecente de Zabbix como referente do mercado en detrimento dos antigos referentes.

E con isto imos rematado por hoxe coa introdución a Zabbix como ferramenta de supervisión IT orientada a ITIL. A semana que vén continuaremos falando de Zabbix centrándonos na súa arquitectura e profundando nas súas características como software de monitorización.

Pin It on Pinterest

Share This