gvSIG e QGIS, os programas libres hexemónicos no mundo dos sistemas de información xeográfica.

Aínda que existe máis software SIX no mundo do software libre, os dous grandes proxectos que se gañaron practicamente todo o mercado son gvSIG e QGIS. Ambos teñen unha comunidade bastante grande e activa que fixeron e fan evolucionar estes dous proxectos, cabe destacar como diferencia entre as dúas aplicacións que gvSIG naceu grazas á Generalitat Valenciana que iniciou o proxecto en 2004 mentres que QGIS naceu grazas a unha persoa (Gary Sherman), que iniciou o proxecto en 2002 e posteriormente pasou á incubadora de OSGeo. Eses foron os inicios dos dous proxectos e na actualidade ambos están rexidos pola comunidade contando ambos con diversas empresas e entidades que colaboran co seu desenvolvemento de forma activa.

Debido ás súas orixes e a estar en español dende o primeiro momento o gvSIG ten unha maior presenza en lugares de fala hispana, mentres que QGIS tivo maior impacto na comunidade de fala inglesa. Sen embargo, actualmente, tanto gvSIG como QGIS están ambos traducidos ao galego e ao castelán, aínda que segue a notarse isto e existe bastante documentación e material de aprendizaxe en castelán para gvSIG, mentres que para QGIS seguen a predominar este material en inglés.

Sobre á súa interface gráfica, gvSIG ten unha interface máis particular e propia mentres que QGIS ten unha interface e navegabilidade máis similar a outros programas do estilo e ten unha maior integración nos escritorios para GNU/Linux ademais de que en QGIS tamén se poidan personalizar os menús. Se falamos sobre as plataformas soportadas, GNU/Linux, Windows e MAC OS X son os sistemas operativos de escritorio que soportan ambos programas, QGIS adicionalmente tamén soporta FreeBSD. En canto á licenza, ambos están liberados con licenzas GPL. O gvSIG emprega a versión 3 desta licenza, mentres que QGIS ten a versión 2 da GPL.

Se falamos das funcionalidades, practicamente todo o que se pode facer con un tamén se pode facer co outro, pero en algúns casos se realizan de forma distintas, con outro nome, en menús distintos, etc.
Algunhas das funcionalidades que se poden desfrutar con calquera dos dous programas son a visualización e superposición de datos xeográficos tanto en formato vectorial coma en imaxe en diversas proxeccións, permitindo acceder a datos, tanto de ficheiros en local coma accedendo a fatos remotos de fontes de datos estándares da OGC coma accedendo directamente a unha base de datos espacial. Creación, edición e xestión de datos xeográficos con diversas ferramentas, tanto simples coma outra ferramentas que implican procesamento espacial como por exemplo GRASS ou GDAL. Composición de mapas empregando interfaces gráficas.
Se pensas que as funcionalidades que existen en ambos programas non son suficientes e tes necesidades especiais, en ambos proxectos se soportan engadidos ou plugins, polo que son facilmente extensibles. Neste sentido, destaca QGIS cos máis de 800 complementos que conta no seu repositorio oficial de complementos fronte os máis de 100 que existen para gvSIG.

Se falamos sobre o funcionamento en si do proxecto. gvSIG, ademais de ser o proxecto, tamén é unha asociación na que participan empresas e profesionais que ofrecen servizos e solucións como o de soporte e consultoría, e que a maiores de ofrecer estes servizos aos seus clientes tamén realizan achegas ao desenvolvemento do proxecto, estas contribucións son fonte fundamental de colaboracións a gvSIG. Mentres que en QGIS, aínda que existe tamén unha asociación que rexe o proxecto, a participación nesta é máis ben de xente da comunidade de desenvolvedores e colaboradores do proxecto dos distintos grupos locais que hai espallados por todo o mundo, que a maiores de ter o poder de votación no proxecto poden optar a ter recursos para financiar certos desenvolvementos interesantes para o entorno no que están. As contribucións a QGIS son máis numerosas as da comunidade en si que as das empresas que ofrecen solucións baseadas en QGIS, aínda que estas tamén son importantes e de feito tamén teñen na web un lista de empresas que ofrecen soporte de QGIS.

Tanto dende gvSIG como dende QGIS buscan seguir involucrando posibles colaboradores para os seus proxectos. Unha boa forma de comezar a involucrarse é participar nas listas de correo. Podes ver as listas de correo de gvSIG que hai dende aquí, e as de QGIS están dispoñibles aquí, que están en inglés, aínda que existe unha non oficial en castelán aquí, sobre isto cabe destacar que debido ao seu orixe en gvSIG hai unha lista en español e outra en inglés, aínda que a que posúe maior tráfico é a de fala hispana. Todas estas listas de correo, non só serven para involucrarse nos proxectos, senón que tamén serven para pedir axuda e consello sobre problemas que se teñan co uso destes programas.

No ecosistema galego, debido á súa orixe española, é gvSIG o que ten unha maior presenza. Unha boa mostra desa presenza é que existen varias empresas que son colaboradoras da asociación gvSIG (Avansig, Enxenio, iCarto e Sixtema), relacionado con esta pertenza de empresas galegas, en Mancomún publicamos previamente unha entrevista a Avansig e iCarto na que se abordaban preguntas relacionadas sobre gvSIG e software libre. Aínda que ata o momento QGIS non ten un peso moi grande no entorno galego, está a gañar unha maior presenza e de feito, a nivel español a comunidade está tentando organizarse e montar un grupo de usuarios local, polo que proximamente pode ser que exista un grupo de usuarios español, como mostra deste crecente interese por QGIS no entorno temos a nova de que en marzo de 2019 na Coruña vai ter lugar o QGIS Hackmeeting e a UserConference de QGIS, que servirá para xuntar a comunidade de QGIS tanto de usuarios coma de desenvolvedores, difundir QGIS, tomar decisións sobre o proxecto, en definitiva, contribuír con QGIS.

En referencia ao versionado e á súa frecuencia de actualizacións gvSIG saca novas versións con novas funcionalidades aproximadamente cada ano, mentres que QGIS normalmente tiña 3 versións con novidades cada ano. Salvo este último ano, no que os desenvolvedores estiveron traballando na versión 3.0 que se liberou en febreiro de 2018 e que é a última versión que hai de QGIS, de momento en fase de estabilización, pero que xa está dispoñible para que os usuarios a proben. Esta versión introduciu cambios na API e nas bibliotecas nas que se basea QGIS, polo que ao usuario non supón un cambio moi grande, salvo que hai que portar os plugins de Python 2 a Python 3. En gvSIG, o último cambio de versión trascendente foi o das versións 1.x para 2.x,a nivel aparencia e para o usuario non variou demasiado, pero si que cambio a nivel de arquitectura que tivo como obxectivo mellorar a fiabilidade e a modularidade da aplicación e de cara aos desenvolvedores para facer gvSIG máis moderno e máis simple de manter e de desenvolver.

Outro software de xeoinformática libre

Alén de gvSIG e QGIS existen outras ferramentas GIS de escritorio libres, aínda que o certo é que en canto a número de usuarios e comunidade en xeral teñen moita menos influencia.

Unha destas ferramentas é GRASS GIS, unha das ferramentas GIS con maior recorrido, xa que o proxecto comezou en 1982 nun laboratorio de investigación do exército dos Estados Unidos de América. Van pola versión 7.4, está liberado baixo a licenza GPL v2 ou superior e é un proxecto oficial da OSGeo. GRASS é empregado por numerosas entidades gobernamentais e empresas. Dentro das funcionalidades destacadas están:
Análise de Raster, 3D-Raster, vectorial e puntual. Procesamento de imaxes, creación de mapas, soporte SQL…

Outra solución GIS para o escritorio é uDig. Trátase dunha ferramenta multiplataforma para Windows, MAC OS X e GNU/Linux implementada en Java e licenciado baixo a BSD modificada ou EPL 1.0. A empresa que desenvolve esta solución é Refrantions Research

Marble é outra das ferramentas GIS libre que hai, aínda que máis ben é un visor de globo terráqueo e mapas, que ten varias funcionalidades de visualización dende distintas fontes de mapas, calculo de rutas… É unha aplicación que forma parte do abano de software que desenvolve a comunidade KDE, polo tanto está desenvolvido con C++ e QT, está liberado baixo LGPL e está dispoñible para Windows, Mac OS X, GNU/Linux e Android e forma parte dos proxectos OSGeo.

Entrevistas relacionadas

A visión dunha solución libre como gvSIG polas empresas usuarias finais

A visión dunha solución libre como gvSIG polas empresas usuarias finais

Resumo

Nesta entrevista falamos con dúas empresas usuarias de gvSIG, Entyl Ingenieros S.L.L e Audasa, para coñecer a súa opinión respecto desta solución co obxectivo de afondar no coñecemento de gvsig dende unha visión práctica e máis aliñada coas dúbidas ou inquedanzas doutra empresa que estea valorando o seu uso.

Valoración da solución gvSIG por proveedores galegos: Avansig e iCarto

Valoración da solución gvSIG por proveedores galegos:  Avansig e iCarto

Resumo

Falamos con dous provedores galegos de gvSIG, Avansig e iCarto, para coñecer a súa opinión ao respecto das funcionalidades, vantaxes e madurez de gvsig dende o punto de vista de empresas especializadas.

Pin It on Pinterest

Share This