Para afondar no coñecemento de gvsig dende unha visión práctica e máis aliñada coas dúbidas ou inquedanzas doutra empresa que estea valorando a utilidade de dita solución, falamos con dúas empresas galegas que están actualmente a empregar esta solución, Entyl Ingenieros S.L.L e AUDASA.

No que respecta ás motivacións que levaron a estas dúas empresas a apostar por gvSIG foron principalmente a necesidade de manexar gran cantidade de información con compoñente territorial, sobre a que tiñan necesidades específicas de xestión. Así Entyl afirma que “gvSIG permitiunos actualizar a nosa metodoloxía de traballo en traballos de creación de inventarios cartográficos e en proxectos de análise territorial que implican a xestión e tratamento de grandes volumes de información” mentres que Audasa estaba inmersa nun proceso de modernización dos seus procesos de explotación da autoestrada: "No ano 2009, xurdiu a necesidade de optimizar algúns procesos na explotación da autoestrada: recollida de incidencias, actualización de inventarios, xeración de informes para a Administración, etc. baixo dúas premisas fundamentais, accesibilidade aos datos dende os centros operativos da autoestrada e facilidade de actualización dos mesmos.”

A adaptabilidade e a inexistencia de custe de licenza de adquisición foron aspectos determinantes á hora de decantarse por unha solución libre. Entyl dinos: "Valoramos o emprego de AutoCAD Map 3D e ArcGIS. O máis determinante para a elección foi que puidemos descargar e probar gvSIG libremente e ver que se adaptaba ás nosas necesidades. Ademais os aforros en custe de licenza nos permitiron contratar o desenvolvemento de ferramentas adaptadas ás nosas necesidades específicas". É dicir, non só tiraron proveito das solucións existentes en gvSIG, senón que contrataron, a unha empresa local, desenvolvementos específicos para adaptala ás súas necesidades específicas, concretamente ao provedor tecnolóxico Avansig. Entyl recoñece que grazas a estas adaptacións obtiveron unha redución de tempos en moitas tarefas e unha maior capacidade de análise da información”.

Pola súa parte Audasa pon en valor a importancia de contar con provedores próximos e a capacidade do software libre de xerar tecido empresarial local. Así nos conta que "Os aspectos determinantes á hora de tomar a decisión foron o tema do mantemento (licenzas), e a proximidade do laboratorio da Universidade e posteriormente da empresa ICARTO”. Igual que no caso de Entyl, tamén contrataron o desenvolvemento de módulos específicos para as súas necesidades, concretamente “... puxémonos en contacto coa Universidade da Coruña, máis concretamente co Laboratorio de Enxeñería Cartográfica (CartoLab). No ano 2010, empezou a desenvolverse o módulo inicial de expropiacións, hasta hoxe que levamos catro módulos máis (expropiacións, vialidade, inventario, uso e defensa, e expedientes) xa coa empresa ICARTO". Esta proximidade lles permitiu acompañar o procedemento de optimización dos seus procesos internos coa adaptación da nova ferramenta en paralelo. As vantaxes que destacan da solución final é que agora son quen de En xeral xeolocalizar calquera tipo de elemento, cuantificalo, e telo en conta para o seu correcto mantemento”.

Ambas empresas amósanse satisfeitas coas funcionalidades da solución adoptada, xa que cubriron perfectamente as súas necesidades ben como complemento a outras ferramentas ou ben substituíndo a ferramentas privativas como foi no caso de Entyl quen recoñece "Tradicionalmente empregamos AutoCAD para traballar con cartografía e follas de cálculo para o tratamento da información alfanumérica. ... Ao dispor dunha ferramenta que xestiona de forma integrada a información gráfica e alfanumérica conseguimos reducir tempos en tarefas que antes resultaban longas e custosas."

Ademais de amosarse satisfeitas, ambas concordan en recomendar o emprego de gvSIG a outras empresas, iso si, en palabras de Audasa, "analizando previamente as súas necesidades".

Pin It on Pinterest

Share This