Como complemento á visión do usuario, Avansig e iCarto achégannos a súa opinión ao respecto das funcionalidades, vantaxes e madurez de gvsig dende o punto de vista de empresas especializadas. Elas foron as empresas tecnolóxicas que acompañaron a Entyl e Audasa no seu proceso de mellora tecnolóxica grazas a gvSIG.

Madurez

Dende a súa experiencia gvSIG é unha ferramenta madura que cubre case o 95% dos casos de uso, deixando só fóra certas funcionalidades moi avanzadas de interese para usuarios moi expertos. Respecto da usabilidade Avansig afirma que “está un paso por debaixo de ArcGIS, que é a referencia neste ámbito de aplicacións". Pola súa banda dende iCarto creen que "O modelo colaborativo que aplicou dende os seus inicios, hai máis de 10 anos, xerou unha gran comunidade de desenvolvedores e usuarios, o que axudou a ir pulindo de xeito progresivo a ferramenta, acadando actualmente un bo nivel de fiabilidade. A maiores, as extensións e plugins que os diferentes colaboradores do proxecto foron desenvolvendo ao longo dos anos, contribuíron moito á mellora, aumentando considerablemente a súa funcionalidade."

O ámbito de potenciais usuarios de gvSIG é moi variable, dende niveis de usuario moi básicos ata traballos moi especializados. En particular, dende iCarto dinnos que "enfocamos o emprego dos SIG como ferramenta chave para dar valor á información, axudando enormemente á planificación territorial, así como á análise de información e á xestión de infraestruturas. O vector de clientes confórmao un abanico moi amplo, dende administracións adicadas á planificación e xestión de recursos, ata empresas ou organizacións máis especializadas na xestión.". Pola súa parte Avansig afirma que está dirixido a "Administracións e empresas do ámbito da enxeñería civil, o urbanismo, medioambiente, etc. que traballan coa compoñente espacial e que empregan as TIX para incrementar e mellorar os seus procesos e capacidade de xestión, aforrar custes e mellorar a súa competitividade".

Vantaxes

En canto ás vantaxes desta solución, Avansig destaca a súa "facilidade de extensión e personalización, así como gran cantidade de ferramentas e aplicacións", mentres que dende iCarto poñen máis en valor a comunidade de desenvolvedores e usuarios que ten este proxecto, "O proxecto gvSIG ten unha grande comunidade de desenvolvedores e usuarios que fan posible que o proxecto avance e evolucione de xeito moi rápido. Ese gran núcleo, xunto co gran traballo que se fai dende a asociación gvSIG para posicionar a ferramenta como líder do SIX libre, especialmente nos países hispano falantes, son as dúas principais vantaxes de gvSIG fronte a outras alternativas". No tocante ao aforro en licenzas que supón unha solución como esta, ambas empresas teñen claro que moito, xa que "os produtos privativos baseados en TIX estiveron moi vinculados a nichos de mercado moi concretos e especializados onde non existían alternativas libres fiables e se daban situacións de cuasi-monopolio" segundo comenta iCarto. En canto a cifras concretas, dende Avansig nos din o seguinte: "Por poñer un exemplo, unha licenza de ArcGIS custa aproximadamente uns 5.500€. No caso de ter máis licenzas (2-10), o custo estaría preto dos 5.000€ por licenza. No caso da administración estariamos a falar de centos de miles de euros". Ademais iCarto destaca que ten outras vantaxes adicionais sobre solucións privativas polo mero feito de ser libre como por exemplo: "Moitas empresas ofrecen e crean solucións, polo que o cliente non está atado a unha única empresa”, “Innovación e mellora continua. As melloras e evolucións tecnolóxicas realizadas polo ecosistema de empresas e organizacións vinculadas o proxecto gvSIG, pódense reaproveitar entre diferentes proxectos” ou a “Interoperabilidade: O uso de estándares no intercambio de información axudan a compatibilidade con outras ferramentas, aínda que estas non sexan de software libre."

A oferta de Avansig e iCarto como provedores de gvSIG

Tanto Avansig como iCarto ofrecen servizos de desenvolvemento sobre gvSIG, ademais de análise e tratamento de información xeográfica. Ademais ambas empresas teñen liberado varias extensións para gvSIG, e no caso de iCarto algunhas foron mesmo incluídas como parte principal do proxecto: "como xa mencionamos ao longo da entrevista, mesmo algún deles foi incluído como parte principal de gvSIG polo seu éxito entre a comunidade de usuarios, como foi o caso de Navtable". Ambas empresas basean o seu modelo de negocio principalmente no software libre, representando no caso de Avansig o 80% da facturación ou no caso de iCarto o 100%, para quen representa a filosofía principal da empresa, xa que afirman que "A totalidade dos proxectos de iCarto teñen unha compoñente tecnolóxica moi alta, ben sexa polo emprego ou pola realización de desenvolvementos propios sobre Tecnoloxías de Información Xeográfica (TIX). iCarto, como parte da súa visión empresarial, emprega e desenvolve tecnoloxías e solucións baseadas en software libre".

Ambas están convencidas de que o feito de que gvSIG sexa software libre ten un peso bastante alto para os seus clientes. En palabras de Avansig "Moitas veces é a única forma de acceder a este tipo de aplicacións cun prezo asumible. Ademais as empresas valoran a independencia tecnolóxica que lles procura o factor de que sexa software libre e de código aberto". Pola súa parte iCarto cre que os clientes o que máis valoran é o aforro en licenzas e as posibilidades de personalización e adaptación ás súas necesidades e a integración con outras ferramentas. Considérano particularmente útil no eido da Cooperación: “No caso dos proxectos de Cooperación para o Desenvolvemento o emprego de software libre é fundamental, xa que favorece o empoderamento tecnolóxico, garantindo unha correcta transferencia tecnolóxica e fomentando o tecido local".

En canto á oferta de servizos e colaboración coa comunidade, Avansig indica que ten desenvolvido 3 produtos baseados en gvSIG, dos que polo momento só ten liberado algúns módulos. “Desenvolvemos gran cantidade de extensións para gvSIG, as cales forman parte dos nosos produtos. Liberamos algunhas destas extensións, como por exemplo CoreSIG, aínda que non liberamos aínda as aplicacións completas.”. No caso de iCarto ademais de liberar varios módulos están tamén moi involucrados na comunidade de gvSIG. Así nos indican que “temos desenvolvido e liberado varias solucións para o ámbito da xestión de infraestruturas viarias e outras no sector da Cooperación para o Desenvolvemento relacionadas coa planificación e xestión do recurso hídrico.” e ademais “temos unha alta participación na súa comunidade, con varias contribucións importantes ao proxecto, como a mellora do driver de PostgreSQL ou as ferramentas de CAD. Tamén temos participado nos órganos de xestión da comunidade formando parte do Board do proxecto e sendo socios da Asociación gvSIG.”

Valoración do ecosistema actual do Software Libre en Galicia

Finalmente como peche da entrevista aproveitamos para saber as opinións destas empresas sobre o ecosistema actual de software libre en Galicia. iCarto pertence a AGASOL, a Asociación Galega de Empresas de Software Libre porque, "cremos que é necesario que o sector empresarial do Software Libre en Galicia estea unido. Aínda que o Software Libre está a experimentar un auxe importante nestes últimos anos, falta aínda moita difusión entre o tecido empresarial, a cidadanía e mesmo na propia Administración. Neste sentido o traballo que se fai dende AGASOL é moi importante". Respecto do tecido empresarial TIC en Galicia ambas concordan en que "é un sector altamente competitivo", en palabras de Avansig e segundo iCarto "no caso das tecnoloxías de información xeográfica, que é o ámbito que máis coñecemos, as empresas e profesionais galegos teñen certo recoñecemento tanto a nivel estatal como internacional".

Entre as iniciativas que se deben potenciar por parte da administración destaca iCarto "a mellor iniciativa é dar exemplo", ao que engaden que "aínda que ultimamente están a verse algunhas iniciativas para o emprego de Software Libre por parte da administración, non hai unha aposta total. En termos de interoperabilidade hai moitos problemas, xa que non é posible a día de hoxe comunicarse ao 100% coa administración empregando Software Libre". Por parte de Avansig, na súa opinión a clave está na difusión: "Dar difusión ás solucións software libre existentes; promover accións de formación; organizar xornadas demostradoras sectoriais nas que se xunten potenciais clientes e provedores; e dar exemplo, facendo uso de solucións software libre".

Pin It on Pinterest

Share This