Xa está dispoñible a distribución Tails 4.0. Esta distribución é orixinaria de Irlanda e comezou hai 10 anos. Está centrada na privacidade e en garantir o anonimato das persoas que a utilicen.
Novidades de Tails 4.0
Esta nova versión chega sendo unha da que maiores cambios introduce a respecto da versión anterior. Tails 4.0 está baseada en Debian 10, liberada en xullo deste mesmo ano, polo que conta con todas a novidades da mesma. A maiores das novidades incorporadas na distribución base, esta versión de Tails conta coas seguintes novidades destacadas:
- Cambio do xestor de contrasinais KeePassX a KeePassXC por ser este un proxecto máis activo.
- Actualización a OnionShare 1.3.2, ferramenta para compartir ficheiros de xeito anónimas mediante o uso da rede Tor.
- Actualización a Tor Browser 9.0, o navegador que emprega a rede Tor para acceder á rede con privacidade e anonimato.
- Melloras xerais varias de usabilidade entre as que destacan as de Tails Greeter, o asistente de configuración inicial.
- Melloras no rendemento que optimizan o uso da memoria RAM e fan que a execución da distribución sexa máis rápida.
Poden verse todas as novidades no artigo sobre o seu lanzamento da páxina web do proxecto.
Proxecto Tails
O nome Tails en realidade son as siglas en inglés de “The Amnesic Incognito Live System“, que dan a entender que esta distribución proporcionará un sistema que no que non se gardarán datos e que nos deixará navegar en modo incógnito.
Trátase dun proxecto comunitario que está baseado en Debian, formado por software libre e que emprega a rede Tor como único sistema de comunicación con internet con ánimo de garantir o anonimato.
Outra das características de Tails é que se trata dunha distribución GNU/Linux “live”, é dicir, pensada para a execución mediante un medio extraíble e sen necesidade de instalación en ningún equipo.
Máis información sobre a distribución Tails así como a descarga de imaxes na súa páxina web.
