O sistema operativo universal, como se fai chamar, acaba de publicar unha nova versión estable, a número 10 e co nome en clave “Buster”, que como é tradición o nome da cada versión é unha personaxe das películas Toy Story.

En numerosos puntos de todo o mundo realizáronse festas para conmemorar o lanzamento desta versión, como foi o caso de Vigo. O acontecemento non é para menos, Debian é unha das distribucións máis veteranas de GNU/Linux (conta con máis de 25 anos) e pai de moitas outras como poden ser Ubuntu, Linux Mint, Kali… así mesmo, esta nova versión de Debian conta con versión para 10 arquitecturas distintas e con cerca de 60.000 paquetes binarios de software, sen dúbida manter ao día todo ese software supón un traballo que hai que recoñecer, moito máis tratándose dunha distribución comunitaria e sen unha empresa detrás, deixando á marxe patrocinios, doazóns, etc.

Debian 10 comezou a forxarse pouco despois do lanzamento de Debian 9 (17 de xuño de 2017) e contará con actualizacións de soporte que poderá chegar ata o ano 2024 grazas ao programa de soporte de longo prazo (LTS) da distribución.

Novidades de Debian 10

De entre todas as novidades de Debian Buster, dende Mancomún destacamos:

O uso do instalador Calamares nas versións en vivo podendo así realizar unha instalación máis accesible para principiantes sen necesidade de utilizar o instalador clásico de Debian na consola.

AppArmor usarase por defecto axudando na securización do sistema e forzando á implantación de políticas de seguridade máis robustas.

Mellora no soporte de UEFI con “Secure Boot”, o que permitirá interactuar con este sistema de arranque presente na meirande parte das computadoras sen ter que desactivar ese modo de arranque.

O núcleo do sistema operativo nesta versión será Linux 4.19, que é a versión máis recente con soporte a longo prazo, o que asegurará contar con actualizacións de seguridade ata dentro de cinco anos.

Python 3 será a versión por defecto desta versátil linguaxe de programación, aínda que Python 2.7 estará presente tamén, será necesario especificar que se quere usar esta, senón calquera software escrito con Python irá executar a versión 3.

A nova Bash 5.0 será a “shell” por defecto dos sistemas Debian 10, aínda que existen outras dispoñibles para instalar.

Novas versións das distintas contornas de escritorio que están dispoñibles en Debian como GNOME 3.30, KDE Plasma 5.14, Xfce 4.12 Cinnamon 3.9, Mate 1.20, LXQt 0,14 e LXDE 0.99.2.

Java 11, mediante a implementación OpenJDK 11, a cal nos traerá a posibilidade de execución e desenvolvemento de aplicacións co estándar máis renovado de Java.

O uso do firewall nftables como predeterminado, sendo máis doado de configurar por parte dos administradores e con mellor soporte de Ipv6.

Con Debian Buster tamén é posible por primeira vez instalar Debian Edu, ou Skolelinux, con unha imaxe propia para este sabor de Debian que conta con unha compilación de software enfocado ao uso educativo, fornecendo así un xeito sinxelo de instalar equipos informáticos en centros educativos tendo todo o necesario para unha educación con liberdade tecnolóxica.

Como obter Debian Buster?

Un xeito de conseguir Debian Buster é se xa se conta con unha instalación de Debian Stretch, procedendo coa actualización desta como indica a guía de instalación.

Se aínda non conta con ningunha versión de Debian instalada, ou se se prefire realizar unha instalación limpa haberá que descargar un medio de instalación dende a páxina oficial e proceder coa instalación.

E se antes de instalar se quere realizar unha proba en vivo tamén se pode facer descargando unha imaxe “live” dende esta ligazón.

Debian GNU/Hurd

Debian, vai máis alén de ser unha distribución de GNU/Linux e tamén se pode realizar unha instalación dun sistema operativo baseado no kernel Hurd de GNU, sendo este un kernel baseado na tecnoloxía de microkernels e de momento experimental e exclusivamente para argallar e aprender con el.

O equipo de desenvolvemento de Debian GNU/Hurd non quixeron ser menos e un día despois do lanzamento de Debian 10 tamén anunciaron a nova versión con este kernel.

Debian 11

O anuncio da nova versión estable de Debian tamén trae consigo un novo ciclo de traballo en Debian comezando en breve coa planificación da seguinte versión co nome “Bullseye” e que se prevé estea liberada aproximadamente dentro de dous anos.

Pin It on Pinterest

Share This