Este xoves 15 de marzo na Facultade de Informática da Coruña a Asociación Universitaria Grupo de de Programadores e Usuarios de Linux, coñecida como GPUL, continúa a súa serie de conferencias, talleres e charlas “GPUL Labs“, que xa anunciamos na nova e na cal teñen lugar eventos diversos ao longo do ano arredor de tecnoloxías libres punteiras, onde se dan cita, profesionais do sector, profesores, estudantes e afeccionados ás tecnoloxías para difundir software, hardware e coñecemento libre.

Esta semana o evento da serie corre a cargo de Arantxa Serantes, cunha charla titulada EMAPIC en el contexto de las SPATIAL HUMANITIES & pGIS, na que nos falará de proxectos de humanidades espaciais centrándose na ferramenta Emapic, que é unha ferramenta de software libre iniciada no cartoLAB da UDC e nos permite incorporar representacións xeográficas das emocións, propostas, demandas ou calquera tipo de opinións, podendo chegar a ser un instrumento de análise no campo das “Spatial Humanities” e “Smart Cities” sobre todo no eido da participación cidadá.

Dende GPUL, lembran que aínda teñen oco para relatores e relatoras que queiran participar dunha forma máis activa dos GPUL Labs e impartir unha conferencia, un obradoiro, unha charla ou similares.
Se es unha empresa pode interesarche participar no programa de patrocinadores desta edición dos GPUL Labs.

Pin It on Pinterest

Share This