Os compañeiros da Asociación Universitaria GPUL (Grupo de Programadores e Usuarios de Linux) volven organizar este ano os GPUL Labs, unha iniciativa que naceu hai un par de anos, onde esta asociación cita a profesionais, estudantes, empresas e afeccionados ao software libre para dar a coñecer tecnoloxías libres punteiras, motivar e incentivar a que as persoas participen no software libre. Este evento terá o seu comezo a mediados de febreiro e durará no tempo ata o verán aproximadamente, tendo sesións con periodicidade máis ou menos fixa.

Dende a organización, están a buscar xa dende hai tempo a persoas que queiran impartir charlas, obradoiros, coloquios, etc enmarcadas neste evento, pero tamén buscan colaboradores dentro do mundo da empresa como patrocinador, podedes ver as vantaxes do programa na páxina de patrocinadores.

Enmarcadas neste macroevento, tamén houbo anos pasados unhas actividades chamadas hackatons. Debido ao seu éxito, este ano en GPUL, decidiron asociarse con Coruña Developers, Árticos e GDG Coruña e organizar Coruña Hacks. Unha actividade enfocada no ambiente un pouco máis profesional ou avanzado no que se pretende desenvolver proxectos reais en forma de software libre que resolvan un problema real e de forma continuada no tempo. Dentro deste evento terán cabida actividades tanto de desenvolvemento en si, coma charlas formativas en tecnoloxías libre e tamén actividades dinamizadoras e de “networking”, tales como analizar modelos de negocio validos para o software libre, asociacións que nos veñan contar as posibles carencias de software que teñan…
Podedes colaborar con este evento realizando propostas de proxectos a realizar. Se queredes ter máis información, podedes consultar a páxina de Coruña Hacks.

Pin It on Pinterest

Share This