Dende a asociación Xeopesca infórmannos que organizan unha segunda sesión do Obradoiro de edición de audio con software libre. Trátase da continuación do anterior obradoiro celebrado o pasado 20 de maio, do que podemos ver un resumo fotográfico na web de Xeopesca.
Nesta sesión, repasaranse algúns dos conceptos vistos na sesión anterior e ampliaranse os contidos co obxectivo de aprender a editar calquera audio. Veranse as diferentes ferramentas para limpar o son, realizar axustes de rango dinámico, ecualización e exportación a diferentes formatos.
O obradoiro é de balde previa inscrición e pode participar calquera persoa maior de idade.
Celebrarase o vindeiro día 1 de xullo, en horario de mañá, de 9:30 a 14:30 no mesmo lugar que o anterior, o Centro Social de Caramoniña de Santiago de Compostela na Travesía Escultor Asorey.
Dende a organización indican que é preciso levar un portátil co seu cargador e uns cascos ou auriculares. Así mesmo cómpre levar instaladas as últimas versións de Audacity e VLC . Ademais tamén se pode levar calquera trebello de gravación de son, por se se queren resolver dúbidas ou compartir coñecementos cos demais.
Esta actividade forma parte das actividades que a asociación Xeopesca realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2017 da Xunta de Galicia.
