Xoves, 16 Marzo 2017

Plan de software libre 2017

PDF

O plan de acción en software libre 2017 mantén como eixos principais de actuación:

  • Fomento de solucións tecnolóxicas baseadas en software libre no sector empresarial.
  • Achegamento do software libre ao conxunto da sociedade.
  • Fomento da reutilización do software na administración pública.

No ámbito empresarial, as actuacións centraranse en potenciar a oferta de solucións tecnolóxicas de calidade dirixidas ás empresas, para favorecer a súa mellora en eficacia e competitividade, primando por suposto as tecnoloxías libres. Como se vén realizando nos últimos anos, estas actuacións desenvolveranse a través do Centro Demostrador TIC como elemento vertebrador das actuacións da Amtega relacionadas co fomento das TIC en xeral e co software libre en particular, dirixidas ao empresariado. Durante o 2017 incrementarase a oferta do Centro Demostrador TIC Virtual con dúas novas aplicacións á disposición das empresas. Ademais, en consonancia coas demandas do sector empresarial, continuarase coa oferta de demostracións e formación en software libre, así como asesoramento particularizado ás pemes en canto a solucións libres adaptadas ás súas necesidades, a través do MapaTIC.gal. Destacar así mesmo a elaboración dun boletín periódico de software libre para empresas que se difundirá a través do portal mancomun.gal.

No ámbito da alfabetización e capacitación avanzada da cidadanía destacar as actuacións que se promoverán a través da Rede CeMIT, a colaboración coas Asociacións de Usuarios de Software Libre de Galicia, e no ámbito educativo as actuacións realizadas a través do proxecto Abalar, e aquelas en colaboración co CIXUG no eido universitario.
Seguiranse a prestar os servizos implantados nos últimos anos en materia de asesoramento na implantación de software libre e seguirase facendo tamén fincapé na difusión tanto para empresas como para a cidadanía.

No eixo de actuación da propia administración pública, a Amtega continuará avanzando no plan de migración do posto do empregado público a ofimática libre, que se prevé que desenvolva a súa última fase durante o ano 2017; manterá o seu compromiso de publicación e liberación de dúas novas solucións de software desenvolvidas pola Xunta de Galicia; e continuará coa súa aposta pola reutilización de software e contidos, impulsando entre os responsables TIC o coñecemento de casos de éxito doutras administracións públicas e por outra parte fomentando o coñecemento dos casos de éxito propios, fóra da nosa comunidade a través do Catálogo do CTT e de Joinup, o portal europeo da reutilización.
A Xunta de Galicia seguirá a ser referencia e exemplo de políticas de eficiencia e bo uso de tecnoloxías libres grazas á implantación de solucións de software libre na súa infraestrutura tecnolóxica coa consecución de aforro e mellora de produtividade, publicando o software que se desenvolve internamente como software libre de cara a fomentar a súa reutilización, establecendo relacións con outras administración e entidades estatais e europeas para colaborar en materia de software libre.
Finalmente, continuarase coa prestación de servizos implantados nos últimos anos en materia de asesoramento na implantación de software libre, formación en tecnoloxías libres aos empregados públicos e a promoción do uso de estándares abertos en todos os novos desenvolvementos.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal