O sábado día 11 de maio terá lugar a terceira e derradeira sesión da actual etapa de Coruña Hacks no Centro Ágora de 10:00 a 20:00 horas.

Coruña Hacks é unha iniciativa que comezou hai dous anos e organizan Árticos (Asociación Arteixo TIC), Coruña Developers, GDG Coruña (Grupo de Desenvolvedores de Google da Coruña) e GPUL (Asociación Universitaria Grupo de Programadores e Usuarios de Linux). Os obxectivos que persegue esta son dinamizar a comunidade de software libre da comarca da Coruña realizando hackatóns nos que se desenvolvan solucións a problemas reais que afecten a persoas, asociacións ou diversas entidades da zona e que isto teña un impacto positivo na sociedade.

Como anunciamos previamente no portal de Mancomún, a nova etapa de Coruña Hacks comezou o 6 de marzo, que se presentou cun formato de tres sesións coa datas fixadas e que rematan este sábado no que nesta ocasión contouse con un espazo para a rapazada como é o Coruña mini Hacks.

Durante a primeira xornada realizáronse a presentación de ideas e proxectos a levar a cabo, posteriormente, escolléronse 3 dos proxectos inicialmente propostos e os participantes foron agrupándose en torno aos proxectos seleccionados para traballar neles durante as sesións dos hackatóns.

Na segunda xornada, xa cos proxectos definidos e os grupos de traballo consolidados, estes continuaron traballando nos proxectos escollidos e que terán as últimas horas de traballo neste sábado. Os participantes terán que preparar a súa candidatura para os premios que se concederán aos proxectos. Ademais, tamén é unha boa ocasión para todas as persoas que puideran estar interesadas na participación dalgún dos proxectos que concorren no evento poidan coñecer e traballar nos proxectos ao abeiro do Coruña Hacks.

Proxectos do Coruña Hacks

  • OpenSmartFitness: Unha plataforma libre para recoller e xestionar a información persoal sobre o exercicio físico realizado a través de sensores tamén libres como unha pulseira ou un velocímetro para a bici. Forxa do proxecto.
  • subastasAEAT: Unha aplicación para buscar no BOE as diversas subastas que realiza a AEAT e poder facer algún procesamento interesante sobre estes datos. Forxa do proxecto.
  • Web e infraestructura de Coruña Developers: Trátase dunha páxina web que aglutine a comunidade tecnolóxica, libre e makers da Coruña e comarca con un calendario que aglutine todos os eventos relacionados. Forxa do proxecto.

Nesta última sesión, avaliarase o traballo realizado durante as tres sesións do hackaton e serán entregados premios aos proxectos que teñan demostrado ser merecedores; para tar avaliación cada equipo realizará unha presentación do proxecto e contarán todo o traballo realizado durante as sesións.

Coruña mini Hacks

Esta edición de Coruña Hacks trouxo como novidade unha versión do evento para a mocidade entre 8 e 16 anos onde se forman grupos e aprenden a programar e desenvolver xogos e aplicacións utilizando principalmente Scratch, pero quedando aberto a outras linguaxes e plataformas como Python ou Arduino. A diferenza das outras sesións a deste sábado 11 de Maio terá lugar de 16:00 a 19:00 seguido da gala de presentación e premios.

Pin It on Pinterest

Share This