O sábado 9 de marzo no Ágora da Coruña terá lugar o primeiro encontro da nova sesión de Coruña Hacks.

Coruña Hacks é unha iniciativa que comezou no ano 2017 e organizan Árticos (Asociación Arteixo TIC), Coruña Developers, GDG Coruña (Grupo de Desenvolvedores de Google da Coruña) e GPUL (Asociación Universitaria Grupo de Programadores e Usuarios de Linux). Os obxectivos que persegue esta son dinamizar a comunidade de software libre da comarca da Coruña realizando hackatons nos que se desenvolvan solucións a problemas reais que afecten a persoas, asociacións ou diversas entidades da zona e que isto teña un impacto positivo na sociedade.

Ao igual que no último Coruña Hacks, esta nova edición conta cos días das sesións xa fixados de antemán:

  • Sábado 9 de marzo de 10:00 a 20:00.
  • Sábado 13 de abril de 10:00 a 20:00.
  • Sábado 11 de maio de 10:00 a 19:00 e posteriormente a gala de entrega de premios.

Durante a primeira sesión continuarase coa tormenta de ideas de proxectos libres a realizar ou para colaborar con eles. Posteriormente entre os asistentes escolleranse os proxectos nos que se van traballar durante os tres meses que durará o hackaton. Despois de teren escollido os proxectos, a xente repartirase en grupos para traballar nos distintos proxectos. Como cumio do Coruña Hacks, ao remate da última sesión presentaranse os avances levado a cabo polos distintos grupos e haberá premios para os que o xurado considere mellores.

Coruña miniHacks

O Coruña Hacks deste ano trae como novidade o Coruña miniHacks, unha actividade pensada para a rapazada máis nova (entre 8 e 16 anos), onde os participantes interesados na programación formarán equipos e poderán desenvolver aplicacións, xogos, etc empregando Scratch, ou no caso no que algún equipo queira tamén poderán empregar outras linguaxes de programación ou plataformas libres como Python, Arduino… Na primeira sesión tamén haberá unha pequena introdución a Scratch para o público que non teña coñecementos previos na materia e na última sesión haberá uns galardóns aos proxectos nos que se premiarán a orixinalidade e o traballo en equipo. As sesións de Coruña miniHacks terá o seguinte horario:

  • Sábado 9 de marzo de 11:00 a 14:00
  • Sábado 13 de abril de 11:00 a 14:00
  • Sábado 11 de maio de 16:00 a 19:00 máis a entrega de premios.

Para máis información e para a inscrición pode visitarse a páxina de meetup de Coruña Hacks e a páxina do Coruña miniHacks.

Pin It on Pinterest

Share This