A oferta de datos abertos do Goberno de Navarra homologouse a nivel europeo para garantir a interoperabilidade das licenzas de reutilización dos datos e fomentar a súa copia e divulgación pública, así como ofrecer cobertura legal a quen poida reutilizar os datos, adoptando a licenza Creative Commons BY 4.0.
Da mesma forma que fixo a Comisión Europea a finais de marzo adoptando a licenza CC BY 4.0 para publicar textos, vídeos, imaxes e documentos na web, o Goberno de Navarra únese así á corrente de administracións de todos os niveis que adoptan fórmulas abertas para a reutilización de contidos.


O uso da licenza Creative Commons BY evita barreiras á hora de acceder á información. Estas licenzas son cada vez máis coñecidas e usadas tanto por administracións como por creadores e cidadanía.
Co uso das Creative Commons, eliminamos moitos problemas legais e barreiras á hora de usar texto e contidos accesibles na internet.
Esta adaptación supón tamén un apoio indirecto á publicación de datos e recursos abertos, e preténdese que impulse a aposta corporativa do Goberno de Navarra promovida polo Departamento de Presidencia, Función Pública, Interior e Xustiza, a través de medios como Open Data e a Infraestrutura de Datos Espaciais de Navarra, así como a Cartoteca e Fototeca e o seu servizo de descarga FTP, do Departamento de Desenvolvemento Económico.
Iso permite que se poidan copiar, distribuír e divulgar publicamente, que poidan servir como base a obras derivadas como resultado da súa análise ou estudo, que poidan utilizarse con fins comerciais ou non comerciais, e que se poidan modificar, transformar e adaptar, sempre que se fagan públicos os cambios.

Coñecendo as licenzas Creative Commons


Creative Commons é unha organización que ten como obxectivo promover o acceso e o intercambio de cultura. Unha das súas maiores contribucións á comunidade da cultura libre é o desenvolvemento dun compendio de licenzas para contidos, as que proporcionan un instrumento legal para todas aquelas persoas e institucións que desexen protexer as súas obras mediante unha licenza que facilite a súa distribución.
Considérase que son licenzas fáciles de entender, xa que simplemente cun  logo transmiten a idea esencial de que todos os usos estean permitidos coa única condición de citar ao propietario dos dereitos de autor cunha expresión determinada, en lugar dos longos textos pouco entendibles que acompañan a outras licenzas.

Tipos de Creative Commons

– CC 0 (Dominio público): Un contido baixo esta licenza pode ser empregado para calquera propósito, adaptalo e compartilo, sen necesidade de facer referencia á súa autoría nin ningunha outra restrición.
– CC BY (Atribución): Unha obra con esta licenza pódese utilizar para calquera propósito, adaptar a obra e compartila sempre e cando se recoñeza a autoría orixinal da mesma.
– CC BY-SA (Atribución-CompartirIgual): Os contidos licenciados mediante esta licenza poden usarse para calquera propósito, adaptalos e compartilos realizando o recoñecemento da autoría orixinal e tamén tendo a restrición de que se teñen que compartir empregando a mesma licenza.

Existen catro licenzas máis de Creative Commons, como poden ser CC BY-ND, CC BY-NC, CC BY-NC-SA ou CC BY-NC-ND, pero estas teñen unha serie de características que fan que non sexan consideradas libres. Dende a páxina web de Creative Commons pódese ler o texto completo das licenzas tanto en galego como en castelán.

Diferenzas entre a versión 3.0 e 4.0 de CC BY

A versión 4.0 permite a súa aplicación a nivel internacional, sen ter que adaptar textos á lexislación vixente de cada país.

Máis información

Pin It on Pinterest

Share This