A Comisión Europea tomou a decisión de adoptar a licenza CC BY 4.0 (Creative Commons con Atribución) para a publicación de textos, vídeos, imaxes e documentos na súa web.

Esta decisión é un paso adiante cara a apertura de datos da administración europea, xa que deste xeito, toda persoa ou institución poderá empregar a información publicada na páxina web da mesma para calquera propósito, mesmo modificala e adaptala ás súas necesidades realizando o recoñecemento da autoría orixinal. O mesmo Comisario de Educación, Cultura, Xuventude e Deporte declarou que dende a institución europea se quere compartir o coñecemento da forma máis aberta e efectiva posible, motivo polo cal escolleron as licenzas Creative Commons.

Licenzas Creative Commons

Creative Commons é unha organización que ten como obxectivo promover o acceso e o intercambio de cultura. Unha das súas maiores contribucións á comunidade da cultura libre é o desenvolvemento dun compendio de licenzas para contidos, as que proporcionan un instrumento legal para todas aquelas persoas e institucións que desexen protexer as súas obras mediante unha licenza que facilite a súa distribución. As licenzas libres de Creative Commons son as seguintes:

  • CC 0 (Dominio público): Un contido baixo esta licenza pode ser empregado para calquera propósito, adaptalo e compartilo, sen necesidade de facer referencia á súa autoría nin ningunha outra restrición.
  • CC BY (Atribución): Unha obra con esta licenza pódese utilizar para calquera propósito, adaptar a obra e compartila sempre e cando se recoñeza a autoría orixinal da mesma.
  • CC BY-SA (Atribución-CompartirIgual): Os contidos licenciados mediante esta licenza poden usarse para calquera propósito, adaptalos e compartilos realizando o recoñecemento da autoría orixinal e tamén tendo a restrición de que se teñen que compartir empregando a mesma licenza.

Existen catro licenzas máis de Creative Commons, como poden ser CC BY-ND, CC BY-NC, CC BY-NC-SA ou CC BY-NC-ND, pero estas teñen unha serie de características que fan que non sexan consideradas libres. Dende a páxina web de Creative Commons pódese ler o texto completo das licenzas tanto en galego como en castelán.

Pin It on Pinterest

Share This