Liberar datos baixo licenzas abertas por parte das administracións é un acto de transparencia e sen dúbida unha vantaxe para toda a cidadanía, que non só nos permite como cidadanía acceder aos datos que foron xerados ou recopilados con diñeiro público, senón que tamén permite a calquera explotar os mesmos para ofrecer servizos.

Durante a entrega número un do Podcast de Mancomún, Rafael Gayoso da asociación MeLiSa fala sobre datos abertos debido ao seu relatorio sobre CKAN na Xornada de Software Libre Científico celebrada no pasado abril.

Lexislación europea de reutilización de datos

As vantaxes dos datos abertos son ben coñecidas pola administración europea, por iso existen diversas directivas que pretenden fomentar a liberación de datos por parte de administración, como por exemplo a directiva INSPIRE sobre a que falamos en Mancomún con anterioridade ou mesmo a directiva PSI (Public Sector Information), tamén coñecida como directiva RISP(Reutilización da Información do Sector Público).

A directiva 2003/98/EC ou PSI é unha directiva europea que fornece un marco común europeo de regulación que favoreza a reutilización de datos do sector público de toda a Unión Europea. Entrou en vigor no ano 2003 e foi emendada no 2013 e en xaneiro deste ano.

Nesta última revisión estableceuse que os contidos do sector público deberá estar accesible de forma gratuíta para toda a cidadanía con unha especial atención a conxuntos de datos de alto valor, como poden ser os estatísticos ou os datos xeográficos, dentro destes datos tamén se inclúen datos de investigacións financiados con fondos públicos, polo que esta nova emenda da lexislación garante aínda máis o acceso e a liberdade dos datos pagados pola cidadanía europea cos seus impostos.

Novas liberacións de datos

Unha recente liberación de datos veu da parte do ente municipal de Madrid e trátase de datos de tipo meteorolóxico fornecidos por unha rede de sensores despregados pola Universidade Autónoma de Madrid que se ponde consultar mediante un mapa e tamén se poden descargar os datos en cru, todo isto dende o Portal Web da Calidade do Aire dependente da Concellaría de Medio Ambiente.

Outros datos que están sendo liberados por varias administracións son os datos lídar, que ven do inglés LIDAR (Light Detection and Ranging), unha tecnoloxía que utilizar a capacidade da luz láser para medir distancias e para realizar unha medición masiva apoiadas en algún tipo de localización como pode ser o GPS e poder realizar unha reconstrución dixital de obxectos, edificios ou territorio. É moi empregada en diversas áreas como poden ser a topografía, xeoloxía, arquitectura ou a arqueoloxía.

Algunhas das administracións que están liberando estes datos son a Axencia de Medio Ambiente do Reino Unido, que capturou datos durante 19 anos mediante os que realizou un modelo do terreo para realizar estudos de prevención de inundacións. Máis información sobre esta liberación a nesta ligazón.

Outro caso recente e máis próximo é o do IGN (Insituto Geográfico Nacional) de España, que en maio publicou un servizo de visualización do modelo de elevación xerado mediante lídar mediante o cal entre outras cousas de utilidade se pode consultar a altura dos edificios, o servizo está dispoñible nesta ligazón e os datos poden descargarse na páxina do centro de descargas.

Pin It on Pinterest

Share This