O 23 de maio saíu publicada no BOE a modificación da Lei 14/2010 sobre Infraestrutura e Servizos de Información Xeográfica de España, coñecida como LISIGE, que é a lei española que se encarga de traspoñer a Directiva Europea INSPIRE (Infrastructure for Spatial Information in Europe) 2007/2/CE.
Esta norma en resumo dinos que todas as administracións do estado deben ter as infraestruturas xeográficas dispoñibles a través do xeoportal da IDEE (Infraestrutura de Datos Espaciais de España).
Grazas a esta lexislación estase levando a cabo o desenvolvemento e implantación de portais de datos abertos con información espacial que todos podemos usar e consultar para os nosos proxectos, tanto empresas ou profesionais ou simplemente polo feito de ser cidadáns curiosos. Moitos destes portais empregan tecnoloxías libres como as que introducimos no artigo titulado GIS para xeoportais.
As modificacións desta lei publicadas en maio son poucas e o motivo é axustarse mellor á directiva INSPIRE como son:
Melloras nas definicións de termos como “terceiro” ou a ampliación da definición de IDE (Infraestrutura de Datos Espaciais).
Engadíronse dúas funcións novas para o Consello Superior Xeográfico relacionadas coas IDE. A primeira explicita que hai que garantir que se pon a disposición toda a información, incluídos códigos e clasificacións técnicas para o cumprimento das normas. E a segunda ten que ver coa coherencia dos datos comúns entre varios estados membros da UE e a descrición destes de común acordo.
Tamén se describen de xeito máis detallado as obrigacións das administracións públicas á hora de implantar a directiva nos prazos establecidos
Fonte: http://blog-idee.blogspot.com/2018/05/modificacion-de-la-lisige.html
