Despois de ter revisado e analizado as ferramentas GIS de escritorio, neste artigo tocaba facer un repaso polas diversas ferramentas libres que existen no ámbito dos Sistemas de Información Xeográfica que nos permiten poñer en marcha un xeoportal web.

As posibilidades son varias, dende a opción de obter unha mesma todas as pezas necesarias para poñelo en marcha e facer os desenvolvementos pertinentes para integralas ao noso gusto e coas funcionalidades que desexemos, ata as posibilidades que hai hoxe en día que fan unha boa parte de todo ese traballo por nós reutilizando os compoñentes precisos e nos dan unha serie de funcionalidades máis ou menos estándares e que serven para a maior parte dos casos de uso e que tamén, grazas a que son software libre, nos permiten ampliar estas facendo os desenvolvementos pertinentes, pero tendo xa unha boa parte do traballo feito.

Neste artigo analizaremos brevemente unhas cantas alternativas libres para crear un xeoportal, pero antes diso, imos definir o que é un xeoportal:

Un xeoportal é un sitio web ao que se accede a través de internet á información xeográfica co obxecto de visualizar ou editar estes datos, facer análises ou estudos con eles…

Hoxe en día e debido ao fomento dos datos abertos existen unha morea de xeoportais como por exemplo portais con información sobre o estado do tráfico con incidencias xeoposicionadas, portais con información sobre urbanismo, coma por exemplo o PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal), portais de turismo con información sobre atraccións, restaurantes, aloxamentos e información útil, inventarios de infraestruturas…

Unha das motivacións pola que comezaron a xurdir os xeoportais é a Lei 14/2010, de 5 de xullo, sobre as infraestructuras e os servicios de información xeográfica en España, coñecida como LISIGE. Esta é unha lei do estado español que transpón a Directiva Inspire (Infrastructure for Spatial Information in Europe).
Esta norma dinos que todas as administracións do estado deben ter as infraestructuras xeográficas dispoñibles a través do xeoportal da IDEE (Infraestructura de Datos Espaciales de España) o que está fomentando a creación de xeoportais das distintas administracións onde se poida acceder a todos os datos espaciais para dispoñer publicamente destes.

Outro asunto a destacar sobre o acceso aos datos espaciais son os estándares abertos, nomeadamente os da OGC (Open Geospatial Consortium), que garante a interoperatibilidade da información, unha causa pola que o software libre sempre apostou e que as solucións baseadas en software libre garanten.

gvSIG Online

gvSIG Online é un software libre con licenza AGPL que nos dota dunha plataforma integral para a implantación de Infraestrutura de Datos Espaciais e así xestionar dun xeito máis eficiente os datos espaciais empresariais a que nos permite facer un despregue de sistemas de información xeográfica na nube, xerar mapas con aplicacións 2D e 3D para a xeración de xeoportais. Dende o punto de vista tecnolóxico ten como compoñentes principais:

  • Django, que é un framework de desenvolemento web para Python.
  • Geoserver é un servidor de datos xeoespaciais.
  • PostgreSQL é un sistema xestor de bases de datos.
  • PostGIS é un módulo para PostgreSQL que engade a capacidade de traballar con obxectos espaciais.
  • OpenLayers é unha biblioteca en JavaScript que permite tratar con mapas e información espacial.
  • Apache Tomcat é un servidor de aplicacións Java EE.

Se analizamos as funcionalidades de gvSIG, destacamos:

  • Posibilidade de configuración de capas a publicar.
  • Definición da simboloxía como os marcadores, a lenda e as etiquetas das capas.
  • Xestión de usuario e grupos con permisos específicos.
  • Configuración de servizos, tanto propios como OGC externos.
  • Cumprimento coa interoperatibilidade do acceso aos datos seguindo os estándares como o de aceso a mapas WMS, a obxectos xeográficos WFS, mapas teselados WMTS e coberturas WCS.
  • Todos os portais creados con gvSIG Online son “responsive”, podendo visualizarse dende calquera tipo de dispositivo.

A Asociación gvSIG ofrece tres tipos de servizos de implantación: SaaS (Software as a Service), que inclúe o aloxamento, mantemento e administración da plataforma; instalación e posta en marcha nos servidores do cliente ou instalación e posta en marcha nos servidores do cliente con un servizo de mantemento e administración da plataforma. Unha vez implantada e configurada unha instalación de gvSIG Online, un usuario sen coñecementos de administración de sistemas nin de desenvolvemento pode preparar os datos espaciais que precise, levantar o xeoportal ou xeoportais que desexe crear e os servizos que desexe ofrecer seguindo uns pasos sinxelos e mediante a interface web de administración.

GeoNode

GeoNode é un sistema de xestión de contidos xeoesapacial, licenciado con GPLv3, baixo o paraugas da OSGeo o cal nos permite, despregar e xestionar portal de datos espaciais de xeito sinxelo, permitindo aos usuarios crear, visualizar, modificar de forma colaborativa datos xeográficos e mapas facilmente. Dende o punto de vista tecnolóxico componse fundamentalmente dos seguintes módulos libres:

  • Django
  • GeoServer
  • pycsw é un servidor de catalogo de datos espaciais.
  • OpenLayers
  • GeoExt é unha biblioteca que ao igual que OpenLayers tamén aporta axuda á hora de tratar con mapas e datos espaciais.
  • PostgreSQL
  • PostGIS

Como funcionalidades principais de cara aos usuarios, destacamos as seguintes:

  • Navegación e procura de información e servizos espaciais, tanto dende a interface como a través de unha API REST.
  • Importación e publicación de datos xeoespaciais empregando servizos federados de OGC mediante unha interface web.
  • Catálogo de metadatos.
  • Ferramentas de cartografía para deseñar e editar mapas de forma gráfica ao estilo dos GIS de escritorio.
  • Creación, edición e publicación de mapas tanto de forma pública como restrinxida a usuarios concretos.
  • Control de acceso tanto a nivel de mapas como de capas.
  • Integración con servizos de autenticación de terceiros.
  • Integración con CMS como WorPress e Drupal.
  • Integración con redes sociais como Twitter, Facebook, LinkeIn…
  • Cumprimento coa interoperatibilidade do acceso aos datos seguindo os estándares como o de aceso a mapas WMS, a obxectos xeográficos WFS e coberturas WCS.

O xeito de poñer en marcha un servizo baseado en GeoNode é ou ben mediante un fornecedor (na páxina de GeoNode hai unha lista http://geonode.org/providers/) ou ben descargando o software dende a web do proxecto e facendo a instalación e configuración do mesmo.

Boundless Server

Boundless Server é un sistema que nos permite publicar datos espaciais como servizos web desenvolvido pola empresa Boundless e está composto polos seguintes módulos:

  • GeoServer
  • PostgreSQL
  • PostGIS
  • Apache Tomcat
  • GeoWebCache é unha aplicación web que permite implementar cache de mapas teselados de distintas fontes OGC.
  • GeoGig é unha ferramenta de versionado de datos xeoespaciais.
  • Composer é unha ferramenta web de configuración de mapas.
  • WPS Builder é unha aplicación web gráfica que permite xerar procesos no servidor.

As funcionalidades principais desta ferramenta son:

  • Carga de datos espaciais de diversas fontes, tanto servizos OGC (WMS, WFS,
    WCS) como datos en ficheiros (KML, PDF, SVG, GML, GeoJSON, CSV).
  • Visualización e edición de datos espaciais.
  • Composición e publicación de mapas.
  • Personalización da simboloxía e estilo das capas de datos espaciais.
  • Boundless Server extensions, que son un compendio de extensións coas que se poden ampliar as funcionalidades e características básicas de Boundless Server.

A empresa Boundless ofrece a solución con soporte e formación e servizos de consultoría sobre a súa solución por se é necesario algunha funcionalidade a maiores.

Pin It on Pinterest

Share This