O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL) da Facultade de Informática da Universidade da Coruña retoma as actividades para a difusión e a promoción do software, hardware e a cultura libre en xeral. Desta volta o fai coa organización do segundo ‘Hackathiño’ de datos abertos que este ano se centrará en solucións para o fomento da mobilidade sostible. O evento tamén conta coa colaboración das asociacións Árticos e o GDG Coruña.

Ademais, conta este ano coa colaboración do Concello da Coruña, a través da área de Participación e Innovación Democrática, dirixida por Claudia Delso. En verbas da mesma concelleira: “estamos especialmente satisfeitas de que se teña escollido o tema da mobilidade sostible, como saben, un tema no que o goberno local da Coruña está absolutamente centrado e que constitúe unha das liñas de actuación principais”.

O evento celebrarase no centro municipal Ágora o vindeiro 7 outubro, será unha xornada aberta a cidadanía baseada nos datos abertos, na que, como na anterior edición, os asistentes a este encontro tratarán de aproveitar ou xerar datos en formato aberto e a tecnoloxía libre.

Os traballos xerados durante este evento serán publicados cunha licenza de carácter libre que permitirá a súa reutilización para calquera uso. Así, contribuironse iniciativas coma integración de datos de uso en tempo real dos servizos de BiciCoruña dentro do proxecto aberto, de carácter internacional, Citibik.es, de cidades accesibles e outros proxectos como OpenPet, para agrupar datos de protectoras de animais.

O prazo de inscrición xa está aberto e pode realizarse a través da web https://hackathino.gpul.org onde tamén se pode consultar a programación e actividades da xornada.

Hackathiño

O Hackathiño é un hackathon, pero máis da terra e que nesta edición vaise centrar en pequenos colectivos, asociacións, pemes, etc co obxectivo de animalos a liberar os seus datos e mostrarlles as cousas interesantes que se poden chegar a facer apostando polos datos abertos.

Desenvolvedores e colectivos propoñerán proxectos e traballarán en equipo durante unha fin de semana co fin de presentar o domingo pola tarde un pequeno prototipo funcional baseado en datos abertos.

A entrada é totalmente de balde e por suposto terase algún premio para os mellores proxectos e comida para tódolos asistentes que gozarán dun ambiente de innovación e no que pasar unha fin de semana aprendendo, facendo networking e por suposto, pasándoo moi ben.

Pin It on Pinterest

Share This