Este xoves 22 de febreiro, na Facultade de Informática da Coruña a Asociación Universitaria Grupo de Programadores e Usuarios de Linux, coñecida como GPUL, inicia a serie de conferencias, talleres e charlas GPUL Labs, unha iniciativa que xurdiu hai un par de anos, da que xa falamos nesta nova e na cal teñen lugar eventos diversos ao longo do ano arredor de tecnoloxías libres punteiras, onde se dan cita profesionais do sector tecnolóxico, profesores, estudantes e afeccionados ás tecnoloxías para difundir o software, hardware e coñecemento libre.

Esta primeira actividade enmarcada nos GPUL Labs ten como título Guía de supervivencia para o desenvolvedor novato; onde Brais Arias e Pablo Castro darán un repaso ao que é o software libre, a como che pode axudar á túa carreira profesional mentres colaboras nun proxecto comunitario, así como unha serie de consellos para esas persoas que están iniciándose no mundo profesional das tecnoloxías da información ou a piques de facelo. Podes atopar máis información sobre esta actividade na páxina de meetup, así como apuntarte para non quedar sen praza.

Dende GPUL, lembran que aínda teñen oco para relatores e relatoras que queiran participar dunha forma máis activa dos GPUL Labs e impartir unha conferencia, un obradoiro, unha charla ou similares.
Se es unha empresa pode interesarche participar no programa de patrocinadores desta edición dos GPUL Labs.

Pin It on Pinterest

Share This