Darktable 3.2.1 chega con cambios na interface

Luns, 17 Agosto 2020

Liberada a versión 3.2.1 de Darktable, editor fotográfico para o revelado dixital de imaxes en formato RAW.

Darktable

Darktable é un programa de revelado dixital, que permite a edición non destrutiva e o retoque de imaxes. Unha mesa de luz e un cuarto escuro virtual para os fotógrafos, onde xestionar os negativos dixitais nunha base de datos.

É unha aplicación de software libre (dispoñible baixo a licenza GPL), multiplataforma (GNU/Linux, Windows, Mac OS) e que conta cunha comunidade de usuarios extensa. A interface de Darktable está dispoñible en 21 idiomas, entre eles o español.

Darktable é unha ferramenta pensada para traballar cos formatos RAW (falamos en plural porque cada fabricante ten o seu propio formato RAW) e conseguir resultados máis profesionais á hora da edición das nosas fotografías, aínda que tamén poderemos traballar en Darktable con outros formatos como jpg ou tiff. Eso si, o resultado final exportarémolo a outro formato que non sexa o RAW de partida.

Características destacadas
– Posúe edición non destrutiva ao longo de todo o fluxo de traballo, as imaxes orixinais nunca se modifican.
– Procesamento de imaxes acelerado na GPU grazas á compatibilidade con OpenCL.
– Xestión profesional da cor: compatibilidade con perfís ICC incorporados para espazos de cor sRGB, Adobe RGB, XYZ e RGB lineais.
– Filtrado e clasificación avanzado: permite a procura por etiquetas, clasificación de imaxes, etiquetas de cor e moito máis.
– Formatos de imaxe soportados: importa formatos crus, de alto rango dinámico (JPEG, CR2, NEF, HDR, PFM, RAF…) e de baixo rango dinámico como (JPEG, PNG, TIFF, PPM)
– Permite o Tethered shooting (disparo e control remoto da cámara a través da interface de Darktable) con algúns modelos concretos de cámaras.
– Automatización de tarefas repetitivas: pode usarse a linguaxe Lua.

Novas características da versión 3.2.1
Revisión completa do código CSS para obter un aspecto profesional
– Módulos de localización e selector de cor actualizados
– É posible agregar regras CSS nas preferencias para modificar o aspecto de darktable, así como para controlar o tamaño de fonte e os valores de DPI
– Nova pantalla de histograma chamada RGB Parade
– Agregado soporte para gradientes curvos
– Agregado soporte para formato de arquivo AVIF
– Soporte para novas cámaras

Se vos interesa saber máis sobre esta ferramenta, temos un Artigo TIC extenso dela no portal de Mancomún.

Máis información na nota oficial de lanzamento

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal