Darktable, revelado dixital de imaxes

Martes, 2 Xullo 2019
Darktable, revelado dixital de imaxes

Continuando coa serie de artigos tecnolóxicos “Ferramentas multimedia: Solucións para imaxes”, toca falar de Darktable, solución libre de código aberto para revelado dixital de imaxes en formato RAW ou tamén chamado formato cru.
Se buscas espremer ao máximo a potencia dunha cámara fotográfica e tes a opción nela de gardar as imaxes no formato RAW, non dubides en utilizala. Conseguirás resultados máis profesionais na edición posterior das imaxes porque dispoñemos de toda a información da toma (con moitos máis datos nas zonas de luces altas e sombras, entre outras).
A única pega é que neste formato os arquivos ocuparán moito máis espazo nas tarxetas de memoria. No formato jpg as imaxes terán un tamaño menor, a costa da compresión que lle aplica a cámara e a perda de parte da información nelas (o formato jpg é menos flexible á hora de editar as imaxes).
Darktable é unha ferramenta pensada para traballar cos formatos RAW (falamos en plural porque cada fabricante ten o seu propio formato RAW) e conseguir resultados máis profesionais á hora da edición das nosas fotografías, aínda que tamén poderemos traballar en Darktable con outros formatos como jpg ou tiff. Eso si, o resultado final exportarémolo a outro formato que non sexa o RAW de partida.


As imaxes que obtemos das cámaras fotográficas na maior parte dos casos non as podemos usar directamente (tanto en formato jpg, tiff ou RAW), necesitamos facerlles transformacións e adaptalas ás nosas necesidades.
Con Darktable dispoñemos dunha ferramenta multiplataforma, fácil de usar e potente ao mesmo tempo que xunto con GIMP, forman unha parella perfecta para ter un completo estudio fotográfico dixital ao noso alcance co que retocar e manipular imaxes.
Se non coñeces GIMP, podes descubrilo no noso artigo onde falamos das súas características.


Descrición xeral

Darktable é un programa de revelado dixital, que permite a edición non destrutiva e o retoque de imaxes. Unha mesa de luz e un cuarto escuro virtual para os fotógrafos, onde xestionar os negativos dixitais nunha base de datos.
É unha aplicación de software libre (dispoñible baixo a licenza GPL), multiplataforma (GNU/Linux, Windows, Mac OS) e que conta cunha comunidade de usuarios extensa.
A interface de Darktable está dispoñible en 21 idiomas, entre eles o español.


Historia

Darktable é un proxecto comunitario que comezou con Johannes Hanika no 2009, no que actualmente contribúen varios desenvolvedores e está aberto a novas colaboracións tanto na parte de código como nas traducións da interface e documentación, creación de manuais, videotitoriais e axudas de calquera outro tipo.

Características destacadas

– Posúe edición non destrutiva ao longo de todo o fluxo de traballo, as imaxes orixinais nunca se modifican.
– Procesamento de imaxes acelerado na GPU grazas á compatibilidade con OpenCL.
– Xestión profesional da cor: compatibilidade con perfís ICC incorporados para espazos de cor sRGB, Adobe RGB, XYZ e RGB lineais.
– Filtrado e clasificación avanzado: permite a procura por etiquetas, clasificación de imaxes, etiquetas de cor e moito máis.
– Formatos de imaxe soportados: importa formatos crus, de alto rango dinámico (JPEG, CR2, NEF, HDR, PFM, RAF…) e de baixo rango dinámico como (JPEG, PNG, TIFF, PPM)
– Permite o Tethered shooting (disparo e control remoto da cámara a través da interface de Darktable) con algúns modelos concretos de cámaras.
– Automatización de tarefas repetitivas: pode usarse a linguaxe Lua.

Usos da aplicación

Darktable pódese usar para diferentes tarefas que comprende o revelado dixital, como son a selección e catalogación de imaxes ou o retoque e edición de imaxes:
– Operacións básicas coas imaxes como cambiar o tamaño e dimensións, recortar, exportar a diferentes formatos de imaxe, alixeirar o peso do arquivo.
– Outras tarefas máis especializadas como a edición avanzada usando ferramentas como máscaras, canles de cor, curvas, modo Lab e moitas outras.
A súa comunidade de desenvolvedores esfórzase en manter e evolucionar unha aplicación gráfica de alta calidade.

Traballando con Darktable

Darktable conta con diferentes apartados onde traballar e manipular as imaxes. Podemos acceder a eles a través das lapelas da parte superior dereita (Mesa de luz, Cuarto escuro e Outros).

Mesa de luz

O fluxo básico de traballo pasaría por empezar na chamada Mesa de luz, onde importaremos, seleccionaremos e etiquetaremos as imaxes que nos interesen.
Neste apartado, tamén poderemos facer axustes básicos ás imaxes seleccionadas (rotar, voltear), aplicar Estilos, ver información sobre a imaxe (contida nos metadatos) e exportar as imaxes que xa teñamos traballadas.


Aspecto da Mesa de luz en Darktable

Cuarto escuro

Neste apartado, é onde aplicaremos a maior parte dos efectos e manipulacións ás imaxes, a través da gran cantidade de plugins de Darktable.
Atopamos estes plugins agrupados en 5 grupos de efectos na parte dereita da interface (ademais de 2 grupos previos onde veremos os que están activados e os favoritos), podendo configurar as ferramentas que queremos ver en cada un deles.

Aspecto do Cuarto escuro en Darktable

Os grupos de plugins son:

– Grupo básico, para operacións de axuste fotográfico simples como: saturación, brillo, contraste, sombras e luces, reconstrución da cor, curva base, recorte e rotación, orientación, exposición, balance de brancos, punto de negro/branco en bruto.
– Grupo de tons, relacionados co contraste e a iluminación: luz de recheo, niveis para configurar o negro, curva de ton, sistema de zonas, contraste local.
– Grupo de cores, relacionados co ton e a saturación:  velvia, mesturador de canle, perfil de cor de saída, contraste de cor, corrección de cor, monocromo, zonas de cor, balance de cor, perfil de cor de entrada.
– Grupo de corrección, para reparar imperfeccións visuais:  ecualizador,  reducións de ruído (filtro bilateral, raw e outros), corrección de perspectiva, corrección de lente, píxeles quentes e aberracións cromáticas.
– Grupo de efectos, para post procesamento artístico: marca de auga, enmarcado, ton dividido, suavizado, paso alto, paso baixo, coloreado e densidade graduada entre outros.


En cor vermella, os diferentes grupos de plugins en Darktable (de esquerda a dereita: Activados, Favoritos, Básicos, Tons, Cores, Corrección e Efectos)

Manipulación avanzada de imaxes

A maior parte dos plugins permiten axustes avanzados na súa aplicación a través de:

– Máscaras (normais, de desenfoque, paramétricas, brochas, rutas e gradientes), que permite seleccionar zonas da imaxe onde aplicar o efecto.
– Outro tipos de controis como diferentes modos de mestura, opacidade, ademais de poder ter varias instancias independentes aplicadas de cada plugin.
– Poder traballar en modo Lab, controlando a luminosidade e a cor de forma independente.


En amarelo, axustes avanzados do plugin (máscaras, mestura, opacidade, desenfoque)

Outros

Na lapela Outros, atoparemos outras funcionalidades do programa, como a posibilidade de controlar unha cámara fotográfica conectado ao ordenador, ver como un pase de diapositivas as imaxes ou a posibilidade de referenciar as imaxes a través dun mapa, engadindo así as coordenadas nos seus metadatos.

Apartado Mapa de Darktable

Exportación

E xa no último paso do noso fluxo de traballo, pasaría pola exportación da imaxe ou conxunto de imaxes traballadas desde a Mesa de luz que xa vimos previamente, onde teremos diferentes opcións de configuracións para seleccionar o formato de saída, a compresión, calidade, profundidade de bits, carpeta de destino e outros parámetros.


Opcións de exportación en Darktable

Onde atopar manuais e titoriais

A comunidade de Darktable pon á nosa disposición unha gran cantidade de materiais e recursos onde seguir aprendendo, pero a maioría deles en idioma inglés.

En español, temos unha gran colección de videotitoriais realizados por Juan Luis Fernández Gallo cos que aprender desde cero a usar esta gran ferramenta e perfeccionar o noso fluxo de traballo.

Videotitoriais en español sobre Darktable

Este artigo é soamente unha pequena mostra das posibilidades que ten Darktable.

En resumo, Darktable é unha ferramenta flexible e que se adapta perfectamente a diferentes fluxos de traballo e que podemos complementar con ferramentas como GIMPInkscapeKrita ou Scribus (das que falaremos noutros artigos en Mancomún) para ter un entorno completo onde poder facer traballos con imaxes dixitais de todo tipo.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal