A asociación Xeopesca organiza un concurso de fotografía libre con temática mariñeira co obxectivo de difundir na rede o noso extenso patrimonio natural e cultural e por suposto con licenza libre. En palabras da organización, “queremos concienciar e fomentar a difusión de fotografías con licenzas libres para dar a coñecer a nosa terra sen ningún tipo de cancelo”.

Nesta primeira edición do Concurso de Fotografía Libre a temática centrarase na Cultura Mariñeira Galega, na que se inclúen elementos de pesca, trebellos navais, arquitectura, festas, gastronomía, espazos singulares e calquera outro elemento relacionado coa cultura mariñeira.

O gañador do premio será recompensado con 200€ e o xurado poderá adxudicar tamén un premio accesit de 100€. O xurado estará conformado por dous profesionais da fotografía e polo presidente e o secretario da Asociación Xeopesca.

O prazo de presentación de fotografías ao concurso comezou o pasado 1 de xuño e estenderase ata o 1 de setembro.

O formato das fotografías deberá ser jpg ou png cunha resolución mínima de 2560 x 1920 píxeles e deberán levar licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir Igual ou GNU Free Documentation License. Cada autor só poderá remitir un máximo de dúas fotografías a concurso, sendo estas orixinais e inéditas e non presentándose con anterioridade noutros concursos, ou publicacións en calquera medio dixital ou impreso. Segundo recollen as bases do concurso, existe un código ético polo que non se admitirán fotografías que representen prácticas ilícitas da pesca, irrespectuosas co medio ambiente ou outras casuísticas que o xurado poida considerar eticamente non aceptables.

A participación no concurso supón a plena aceptación das bases do concurso e do fallo inapelable do xurado. Os interesados en participar poder ler as bases completas na web de Xeopesca.

Esta actividade forma parte das actividades que a asociación Xeopesca realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2017 da Xunta de Galicia

Pin It on Pinterest

Share This