QGIS: Solución de Sistema de Información Xeográfica con Software Libre

Mércores, 28 Febreiro 2018
QGIS: Solución de Sistema de Información Xeográfica con Software Libre

Hoxe estreamos unha serie de artigos tecnolóxicos na que nos vamos centrar en diversas ferramentas GIS, ou SIX en galego. Con anterioridade realizamos un artigo que se centraba na solución gvSIG, polo que decidimos seguir con outra solución SIX como é QGIS. Con este artigo seguimos adentrándonos nas solucións de Sistemas de Información Xeográfica (SIX) con software libre e así dar a coñecer que posibles solucións se poden utilizar nas administracións, empresas e por parte de usuario domésticos para facer os seus traballos xeoespaciais. Aínda que existen varias alternativas, tanto en solucións de escritorio como en solucións web, no presente vamos centrarnos na solución de escritorio QGIS.

Os SIX, tamén coñecidos como GIS (do inglés Geographic Information System) son sistemas que nos permiten capturar, visualizar, analizar, modificar e compartir información xeográfica. Estes sistemas empréganse en diversos ámbitos, como poden ser: a ordenación do territorio e urbanismo, xestión de recursos, loxística, transporte, desenvolvemento sostible…

QGIS é a solución da que vamos falar hoxe, trátase dun sistema de información xeográfica de software libre, liberado baixo a licencia GPL, que destaca por ser un dos primeiros proxectos da fundación OSGeo (Open Source Geospatial Foundation). Fundación que se adica a fomentar o desenvolvemento colaborativo e dirixido pola comunidade de tecnoloxías xeoespaciais e datos abertos. No abeiro da OSGeo tamén están outros proxectos como gvSIGPostGISGDALGeoNodeGeoServerOpenLayers

QGIS é un proxecto creado por Gary Sherman co nome de Quantum GIS en 2002, entrou na incubadora de OSGeo en 2007 e no ano 2009 lanzouse a versión 1.0, dende aquela foise facendo popular tanto en usuarios como en contribuidores. A día de hoxe, o proxecto reúne a máis de 200 desenvolvedores que fixeron posible chegar ao lanzamento da última versión estable liberada a día de hoxe, a 2.18.15.

QGIS é unha solución multiplataforma, escrita fundamentalmente en C++ e usando o framework Qt. Está dispoñible para GNU/Linux, Windows, Mac OS X, BSD e Android, a última versión é a 2.18.15, co nome en código Las Palmas, versión que conta coa localización ao galego e ao castelán case na súa totalidade e está accesible na web de descargas.

Funcionalidades de QGIS

As funcionalidades da última versión de QGIS podedes velas na súa páxina, pero faremos aquí un resumo das principais funcionalidades:

Visualización e superposición de diversos tipos de datos (vectoriais e imaxes) en diversos formatos e proxeccións, sen necesidade de conversión a ningún formato interno. Tamén se poden creareditar e xestionar estes datos con diversas ferramentas.

Exploración e composición de mapas usando unha interface gráfica cun montón de ferramentas, dende as típicas de copiar e pegar, ata ferramentas que poden intersecar datos xeográficos ou realizar outras operacións espaciais complexas.

QGIS tamén serve para publicar mapas usando diversos tipos de datos do estándar definido pola OGC (Open Geospatial Consortium), podendo facer tanto a función de cliente, consumindo os datos dalgunha fonte, coma a de servidor, ofrecendo a outros clientes os mapas realizados con QGIS.

Existen unha infinidade de complementos (plugins) para QGIS, como por exemplo QOSM, que permite obter as imaxes do mapa de Open Street Map. Tamén podes crear os teus propios complementos usando Python ou C++ como linguaxes de programación.

Hai unha categoría de complementos que forman parte do núcleo de QGIS, que se consideran esenciais para o uso típico de QGIS e que che permiten facer os procesamentos de datos comúns, acceder a fontes de información xeográfica… Algúns exemplos destes son GDALToolsGRASSadministrador de BBDDferramentas GPSverificador de topoloxía

QGIS tamén permite a execución de pequenos programas ou scripts en Python mediante o uso da consola de Python onde podes automatizar algunhas tarefas programando en Python.

Casos de éxito de QGIS

Existen unha morea de casos de organizacións, tanto públicas como privadas, que empregan QGIS para as súas tarefas espaciais. Na páxina de QGIS teñen exemplos de organismos que quixeron compartir as súas experiencias. Dende Mancomún destacamos os seguintes:

A primeira experiencia a salientar é o DINEMMinisterio de Desarrollo Social de Uruguay, en concreto, no departamento de xeografía, inicialmente empregaban solucións propietarias que foron mudando progresivamente a software libre, dentro do campo dos GIS comezaron a empregar PostGIS e posteriormente QGIS. O uso de QGIS neste departamento é fundamentalmente para producir cartografía temática e o manexo e xestión de información xeográfica.

Outro exemplo de migración a QGIS é o do concello de Newcastle, que foi motivo do boletín de reutilización de software libre na administración número 27. Nas décimas xornadas SIG Libre en Girona; Peter Wells, de Lutra Consulting; contounos a súa experiencia nesta migración, podedes ver o vídeo e a presentación se queredes ter máis detalles sobre ela.

Como caso de uso na empresa privada, temos Boundless Desktop, que é unha solución baseada en QGIS, desenvolvida pola empresa Boundless, tendo unha versión libre e gratuíta e outra versión que inclúe soporte e acceso a cursos así como a unha serie de plugins adicionais.

O futuro de QGIS

O proxecto QGIS é un proxecto moi vivo e activo, conta con máis de 200 contribuidores, por isto mesmo, a principios do ano 2016 o equipo de desenvolvedores comezaron a debatir e traballar sobre a versión 3.0, que vai ser a próxima versión maior despois da actual 2.18.

Con esta versión os desenvolvedores pretenden darlle unha limpeza xeral á API do proxecto e eliminar todas aquelas funcións da API marcadas como obsoletas, cambiar a versión do toolkit QT da 4 á 5, tamén se van mudar identificadores da API para ter unha maior consistencia dos nomes das cousas, realizarase unha actualización de Python, pasando a empregar Python 3. O maior impacto que vai ter esta nova versión será para os plugins, pois moitos deles terán que ser rescritos, polo que se estás pensando en desenvolver complementos para QGIS, convén que lle botes unha ollada aos posibles cambios que vaias ter que realizar nun futuro próximo.

Funcionalidades máis concretas que se introducen na versión 3 de QGIS son:

  • Botón de engadir unificado para todos os tipos de fonte.
  • Visión de mapas interactivo en 3D.
  • Multisesións de usuarios.

Todos estes cambios redundarán nunha experiencia de uso mellorada para o usuario medio, pois estas novas versións de base de QGIS darán a posibilidade de implementar funcionalidades máis complexas. Alén destes cambios tan transcendentais, tamén implementaron novas funcionalidades demandadas polos usuarios de QGIS.

Se vos interesa coñecer máis sobre o que planea nesta nova versión podedes ver máis detalles na publicación do presidente de QGIS PSC no blog. E se tendes moitas curiosidade por probar esta nova versión, podedes descargar a versión de desenvolvemento 2.99.

Se estades pensando en empregar QGIS como solución profesional e desexas ter algún tipo de soporte, na páxina do proxecto tedes unha lista dos fornecedores de soporte.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal