Neste artigo vamos a achegarnos ao mundo dos Sistemas de Información Xeográfica para ver que vantaxes poden supoñer para as empresas contar con estes tipos de sistemas de información, que teñen en conta ademais dos datos alfanuméricos habituais, datos con localización xeográfica.

Centramos o artigo na solución libre gvSIG, un Sistema de Información Xeográfica desenvolvida pola Generalitat Valenciana e cunha grande comunidade de usuarios e desenvolvedores en España, e específicamente en Galicia.

Para coñecer mellor esta solución, entrevistamos a dúas empresas galegas que traballan sobre ela, ofrecendo desenvolvmento de solucións personalizadas, como son iCarto, que ademáis é socia da Asociación gvSIG, e Avansig. Para ter tamén o punto de vista como usuarios, contamos tamén con dúas empresas que xa teñen implantada esta solución: AUDASA e Entyl Ingenieros S.L.L.

Solucións de sistema de información xeográfica con Software Libre

Todo acontece nalgún sitio. Se pensamos en calquera dato que nos dea calquera tipo de información seguramente poidamos ademais vinculalo a un punto xeográfico concreto, é dicir, poderemos poñelo nun mapa. Un mapa non é simplemente algo que nos permite orientarnos para chegar a un sitio concreto, senón que é un sistema de información que nos permite comunicar ou analizar esa información dun xeito gráfico e moitas veces máis ameno.

Un sistema de información xeográfica non é máis que un sistema de información, unha base de datos, no que ademais dos formatos habituais de información alfanumérica, temos tamén información xeorreferenciada, é dicir, información que está relacionada cun punto ou puntos concretos do territorio.

A mellora na información, que supón isto, podemos velo cun pequeno exemplo: Para un transportista, ter unha lista cos nomes dos sitios aos que ten que ir nunha xornada, implica que se quere optimizar o seu percorrido, precisa dun coñecemento previo de como de preto están entre si todos eses lugares. A mesma información posta sobre un mapa permitiríalle dunha soa ollada obter ese percorrido óptimo.

O presente artigo afonda na solución tecnolóxica gvSIG, un sistema de información xeográfica de software libre, que pode ser empregado para moitos casos de uso, sobre todo grazas á súa modularidade.

gvSIG, solución libre para a xestión de información xeográfica

gvSIG, cuxo nome significa Sistema de Información Xeográfica da Generalitat Valenciana, é un proxecto de Software Libre, que xurde como unha iniciativa de migración a software libre dentro da Consellería de Infraestruturas e Transporte de dita administración. Publicado dende as primeiras versións como software libre, baixo licenza GPL, hoxe vai xa pola súa versión 2.2 e segue a medrar como unha das principais solucións libres neste sector, grazas sobre todo á súa modularidade, que fai que poida ser adaptado a numerosos casos de uso. Esta modularidade propiciou que moitas empresas e entidades o adaptasen para diferentes usos, xerando así unha comunidade ao seu arredor. A día de hoxe está xestionado por unha asociación, a Asociación gvSIG, formada por varias empresas, entre as que se atopa a galega iCarto, que se encargan do seu desenvolvemento.

Dende o punto de vista do software, gvSIG é un sistema de información xeográfica para o manexo de datos espaciais. Permite facer análises complexos e compoñer mapas avanzados, traballando cos formatos de datos máis habituais, tanto ráster como vectorial. Como cliente IDE (Infraestrutura de Datos Espaciais) soporta o acceso aos datos remotos a través de Internet seguindo os estándares abertos da OGC (organismo que rexe os estándares de datos xeográficos a nivel mundial): WMS, WFS, WCS, … podendo integrar estes xunto con datos en local e dunha base de datos xeoespacial, soportando acceso a PostgreSQL ou Oracle.

Unha das principais vantaxes de gvSIG radica na súa posibilidade de adaptación, debido sobre todo ao seu sistema de plugins, habendo moitos dispoñibles entre os que escoller, tanto oficiais como por parte da comunidade, o que permite adaptar a solución para calquera uso, convertendo o propio gvSIG dende unha ferramenta básica e moi sinxela de empregar ata un potente sistema orientado a usuarios máis técnicos.

Servizos do Centro demostrador TIC de Galicia

Antes de ver as entrevistas coas empresas usuarias e provedores, aproveitamos a ocasión para lembrar algúns dos servizos que o Centro demostrador TIC de Galicia pon a disposición das empresas galegas.

Se vostede é unha empresa do sector TIC e está interesada en dar a coñecer as súas solucións TIC lembrámoslle que ten á súa disposición os servizos do Centro Demostrador TIC de Galicia, no que por exemplo poderá solicitar realizar unha sesión demostradora nas instalacións do centro.

Por outra parte, o Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, é unha ferramenta de referencia para o Centro Demostrador TIC de Galicia de cara a identificar provedores e solucións tecnolóxicas de Galicia e polo tanto punto de información para a elaboración deste tipo de artigos de difusión tecnolóxica.

Se vostede é unha empresa de calquera sector produtivo e ten interese en coñecer solucións tecnolóxicas que cubran as súas necesidades, ten á súa disposición o Servizo de Consultas TIC do CDTIC ao que pode remitir dúbidas ou consultas que vostede ou a súa empresa poidan ter e que estean vinculadas coas TIC.

Finalmente, indicar que poden remitir as súas suxestións de artigos de difusión tecnolóxica sobre solucións libres a través do formulario de contacto do portal mancomún, ou do contacto da Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega ou contactando co propio CDTIC.

Entrevistas relacionadas

A visión dunha solución libre como gvSIG polas empresas usuarias finais

A visión dunha solución libre como gvSIG polas empresas usuarias finais

Resumo

Nesta entrevista falamos con dúas empresas usuarias de gvSIG, Entyl Ingenieros S.L.L e Audasa, para coñecer a súa opinión respecto desta solución co obxectivo de afondar no coñecemento de gvsig dende unha visión práctica e máis aliñada coas dúbidas ou inquedanzas doutra empresa que estea valorando o seu uso.

Valoración da solución gvSIG por proveedores galegos: Avansig e iCarto

Valoración da solución gvSIG por proveedores galegos:  Avansig e iCarto

Resumo

Falamos con dous provedores galegos de gvSIG, Avansig e iCarto, para coñecer a súa opinión ao respecto das funcionalidades, vantaxes e madurez de gvsig dende o punto de vista de empresas especializadas.

Pin It on Pinterest

Share This