
Pílulas para o teletraballo
Nova sección en Mancomún: Pílulas para o teletraballo
Pequenos videotutoriais, de 2 minutos de duración, para amosar ferramentas libres (de software libre ou código aberto) que podemos usar para mellorar o teletraballo.
Se che interesa ver outras noticias e recursos relacionados co teletraballo que temos no portal de Mancomún, podes pulsar sobre esta ligazón.
Jitsi
Videoconferencias con Jitsi
Pílula sobre Jitsi
Jitsi é unha aplicación coa que poderemos facer tanto videoconferencias, usala como solución VoIP e como mensaxería instantánea, tanto a través do ordenador, con aplicacións para iOS e Android ou directamente a través dun navegador web.
Distribúese baixo a licenza libre Apache.
Algunhas das principais caracterísitacs de jitsi son:
- Cifrado de son
- Non é preciso dispoñer dunha conta de usuario rexistrado
- As salas pódense protexer con contrasinal
Uso e instalación
Pódese instalar no teu propio servidor e tamén pódese empregar un servidor público de terceiros como por exemplo:
- O propio da empresa Jitsi https://jitsi.org/jitsi-meet/
- Greenhost https://meet.greenhost.net/
- Framsoft https://framatalk.org/
- Disroot https://calls.disroot.org/
- Mayfirst https://meet.mayfirst.org/
- autistici https://vc.autistici.org/
NOTA: Temos que ter en conta de todas formas que os servizos gratuítos poden sufrir caídas inesperadas ou ter problemas no servizo debido ao uso intensivo deles que está tendo lugar estos días, no que se multiplicou o teletraballo.
Matrix
Proxecto Matrix, estándar aberto para as comunicacións
Matrix utilízase principalmente para a mensaxería instantánea, pero tamén serve como solución de Voz IP e para videoconferencias.
Matrix realmente é un proxecto de código aberto mantido por unha fundación sen ánimo de lucro, que publica un estándar aberto para a comunicación:
– interoperable con outras redes de comunicación
– descentralizado
– en tempo real
– cifrado e seguro a través de IP
Estas características permiten que os usuarios envíen mensaxes e fagan chamadas entre si, sen ter que preocuparse pola aplicación na que se atopa o outro usuario, facéndoo tan fácil como se enviáramos un correo electrónico, e utilizando un sistema de identidade neutral como pode ser un nome de usuario, unha dirección de correo electrónico ou un número de teléfono.
Desta forma, os usuarios posúen e controlan os seus datos en todo momento, e poden seleccionar os servizos e provedores que desexan utilizar.
A forma máis fácil de empezar con Matrix é usando a interface web do cliente Riot.
Riot tamén posúe aplicación para Android e iOS, e aplicación de escritorio.
Etherpad
Etherpad, caderno de notas dixital e colaborativo
Etherpad é un editor de código aberto que se executa no teu navegador, polo que non necesitas instalar ningún outro aplicativo para usalo e proporciona edición colaborativa en tempo real para varios usuarios.
É tan sinxelo como crear un caderno de notas, compartir a ligazón cos nosos colaboradores e empeza a traballar todos no mesmo documento ao mesmo tempo.
Etherpad pódese instalar libremente, de forma sinxela no servidor da nosa empresa. Poderemos así personalizalo cunha chea de plugins, para que se adapte ás nosas necesidades, desta forma os datos non sairán da empresa.
Pero non é necesario instalar Etherpad para poder usalo, só tes que elixir unha das instancias dispoñibles publicamente que podes atopar nesta web.
Nota importante: temos que ter en conta que nas instancias públicas, os cadernos soen destruírse por seguridade despois de 30 días da súa creación.
Taiga
Taiga, xestión de proxectos
Taiga é unha plataforma de xestión de proxectos, áxil, de código aberto, simple, intuitiva e pensada tanto para proxectos simples coma complexos.
Unha ferramenta para todos, non so para xente con coñecementos avanzados de informática.
En resumo, unha ferramenta para facer o traballo máis agradable.
En Taiga poderemos usar plugins de terceiros, contamos con ferramentas de migración, informes en CSV e unha API oficial.
Ao ser código aberto, temos dispoñible todo o código de Taiga para a súa descarga libre no seu repostiorio en github.
Poderemos instalalo na nosa empresa e desa forma ter o control dos nosos datos.
Podemos descargar a aplicación para smartphone desde esta web.
Pero tamén podemos probar e usar Taiga, sen necesidade de instalar nada, a través dun navegador e creando unha conta gratuíta na web oficial de Taiga.
Tamén está dispoñible para a súa proba, previa solicitude, no CDTIC Virtual.
Framadate
Framadate, planificación e toma de decisións
Framadate é un servizo en liña que permite planificar unha cita ou evento, e a toma dunha decisión de forma rápida e sinxela, entre un grupo de persoas.
Non é necesario rexistrarse para usar o servizo. Soamente necesitas un navegador para crear a consulta e para respondela. Necesita, iso si, que teñamos habilitado JavaScript e as cookies.
Framadate podemos descargalo desde o repositorio oficial e instalalo no noso propio servidor, desa forma teremos o control dos nosos datos.
Podedes probar esta ferramenta nas seguintes ligazóns:
https://framadate.org/
https://poll.disroot.org/
https://framadate.nomagic.uk/
https://www.softaculous.com/softaculous/demos/Framadate
Nota informativa: debido á alta demanda que están tendo este días os servizos gratuítos, poden estar caídos temporalmente.
Drawpile
Drawpile, deseño colaborativo
Drawpile é un programa de debuxo colaborativo en rede, multiplataforma e de software libre que permite a múltiples usuarios crear deseños na mesma imaxe simultaneamente.
Soporta o formato de arquivo de imaxe OpenRaster e por tanto funciona ben con aplicacións como MyPaint, Krita e GIMP.
Temos á nosa disposición diferentes pinceis configurables para debuxar, ferramentas de borrado e capas que admiten varios modos de fusión de cores. Poderemos usar imaxes como fondo.
Drawpile está orientada ao uso colaborativo, entre varios usuarios ou dentro dun grupo de traballo.
Algúns dos seus posibles usos dentro dunha empresa poden ser:
– revisión e edición en rede de planos e esquemas
– de mapas
– e de calquera outro tipo de documento que precise dunha revisión visual para a toma de decisións
Podemos crear e aloxar as sesións localmente no noso pc, (grazas ao servidor incorporado que trae o programa) ou usando un servidor dedicado para tal fin. Este servidor pode ser un propio da nosa empresa (e dese xeito temos control dos nosos datos) ou podemos usar un servidor público. As sesións pódense protexer cun contrasinal.
A forma máis fácil de probar unha sesión en rede desta ferramenta é usar o servidor público de Drawpile.net.
Bitwarden
Bitwarden, xestor de contrasinais
O uso seguro de aplicacións e servizos dixitais en liña, require que manexemos un gran número de contrasinais diferentes, cunha extensión longa, mesturando letras, números e símbolos. Co uso dun xestor de contrasinais, poderemos resolver estes problemas de xestión de múltiples usuarios e contrasinais.
Bitwarden é un destes xestores de código aberto que nos axuda dunha forma fácil e segura. A transparencia do código fonte debería ser un dos requisitos imprescindibles para as solucións de seguridade.
Pódese usar tanto a nivel particular, como en equipos e organizacións que necesiten compartir e sincronizar datos sensibles. Este xestor está optimizado para o seu uso tanto en dispositivos de escritorio, coma en tablets e teléfonos intelixentes.
Os datos son cifrados antes de saír do noso dispositivo, de extremo a extremo, polo que soamente nós poderemos ter acceso a eles. Pero a forma máis fácil de usar Bitwarden é integrándoo a través dunha extensión no noso navegador.
Axuda en remoto con Jitsi
A tecnoloxía de escritorio remoto permite a un usuario realizar certas tarefas nunha computadora sen ter que estar fisicamente en contacto co equipo, utilizando o teclado e rato como se estivera traballando diante da computadora remota e recibindo na pantalla a información xerada alí.
A solución Jitsi para videoconferencias, xa a vimos noutra das pílulas de Mancomún pero non amosamos esta característica de escritorio remoto.
Para poder usala, a computadora que será controlado necesita estar executando a aplicación electrón de jitsi, que se pode descargar libremente desde o seu repositorio en github.
Para un traballo máis esixente ou continuado no tempo, existen outras solucións máis completas que nos permiten ter un mellor control, pero requiren de máis coñecementos técnicos para implantala. Veremos un exemplo delas na próxima pílula para o teletraballo.
Guacamole, escritorio remoto
Na anterior pílula vimos en que consisten as tecnoloxías de escritorio remoto e unha solución sinxela para a axuda puntual en remoto con Jitsi.
Pero como comentamos, para un traballo máis esixente ou continuado no tempo, existen solucións máis completas que nos permiten ter un mellor control, como é o caso de Apache Guacamole.
Guacamole é unha solución completa para escritorio remoto, libre e de código aberto.
Pode instalarse nun pequeno servidor na túa empresa, e todo o que necesitarás para acceder ao servidor e ás computadoras conectadas a ese servidor, será un simple navegador web.
As empresas que non contan cun informático entre os seus empregados, poden dispor a través de empresas de terceiros do apoio comercial necesario para a instalación e mantemento de Guacamole. Con esta solución, poderemos ter acceso ás nosas máquinas desde calquera lugar, a través de calquera dispositivo (smartphone, tablet ou computadora que teña instalado un navegador moderno e unha conexión a internet).
Guacamole soporta os protocolos estándar para as conexións remotas como son: VNC, RDP e SSH. Todo o código do proxecto pódese descargar desde o repositorio oficial en Github.
Envío de arquivos de forma sinxela con Firefox Send
Nalgún momento do noso traballo no mundo dixital, vamos ter a necesidade de enviar arquivos que pasan do tamaño máximo permitido a través do correo electrónico.
Hoxe vamos contarvos como facelo directamente co noso navegador libre favorito, Firefox, sen ter que usar solucións de terceiros.
A xente de Mozilla, creou o servizo libre e gratuíto chamado Firefox Send, para o envío de arquivos dunha forma sinxela para o usuario, simplemente cun navegador e usando os propios servidores de Mozilla, sen necesidade de dar os nosos datos persoais para poder usar o servizo.
Os arquivos permanecerán cifrados nos servidores de Mozilla o tempo que fixamos no momento da subida. Simplemente teremos que copiar a ligazón que xera Firefox Send e enviala á persoa que ten que facer a descarga.
Control e sincronización de arquivos con Nextcloud
Continuando co tema do traballo con arquivos en remoto, hoxe coñeceremos algunha das vantaxes que supón Nextcloud, unha solución de código aberto para a xestión dos arquivos nas empresas.
Con Nextcloud, a empresa dispón do seu propio servizo onde almacenar, controlar e sincronizar os seus ficheiros entre múltiples dispositivos e compartilos cos seus compañeiros de traballo, clientes… e todo baixo os seus propios criterios de privacidade e seguridade.
A empresa pode manter aloxados os datos no seu propio servidor e xestionados con Nextcloud, desta forma non se está a ceder o control dos ficheiros e os datos persoais a outras empresas.
A solución completa de Nextcloud para as empresas, chámase Nextcloud Hub e está composta por Nextcloud Files, Talk e Groupware, pero hoxe vamos centrarnos soamente na xestión dos arquivos, da que se encarga Nextcloud Files. Con Nextcloud Files, os empregados teñen fácil acceso aos arquivos, fotos e documentos de traballo e poden compartir e colaborar con membros do equipo, con clientes e socios.
Nextcloud conta cunha interface web moderna e fácil de usar, clientes de escritorio e aplicacións móbiles.
Reunións e conferencias online con Nextcloud Talk
Nesta nova pílula seguimos vendo funcionalidades de Nextcloud, esta vez centrándonos en Nextcloud Talk, ferramenta coa que poderemos comunicarnos, compartir pantallas, facer reunións online (tanto de vídeo coma de voz) e utilizar un chat.
Nextcloud Talk protexe as comunicación mellor que outras plataformas para colaboración de equipos, asegurándose de que os datos permanecen nos teus servidores.
As principais características de Nextlcoud Talk son:
– Disporemos do control total das comunicacións.
– Poderemos facer chamadas privadas, grupais e tamén públicas, facilitando así as chamadas a clientes e socios en escenarios individuais ou de grupo.
– Os usuarios poden convidar a participantes externos da charla cunha URL ás salas públicas do servidor de Nextcloud.
– O chat permite aos participantes intercambiar facilmente mensaxes, ligazóns e notas.
– Poderemos compartir o contido dunha xanela ou o escritorio completo nas presentacións.
– Temos xestión dos participantes, podendo convidalos, silencialos ou eliminalos.
– Opción de programar reunións e ser notificado cando empecen.
– Proporciona unha sala para que os invitados esperen ata que se inicie a chamada.
– Os documentos poden compartirse directamente nun chat e póñense ao dispor de todos os participantes, tanto usuarios como convidados.
– Dispón de clientes para smartphones e pódese usar a través dos navegadores.
Aumenta as funcionalidades de Nextcloud con aplicacións
Nesta nova pílula veremos como dotar a Nextcloud de máis funcionalidades grazas ás aplicacións que podemos instalar nel.
Existe unha gran cantidade de aplicacións, hoxe vamos centrarnos nalgunha das destacadas pola comunidade.
Calendar
A aplicación Calendario é unha interface coa que poder sincronizar facilmente os eventos en varios dispositivos con Nextcloud, podendo editalos en liña.
Poderemos convidar a xente aos nosos eventos, marcar como Libre ou Ocupado para posibles reunións, recibir alarmas de eventos no navegador e por correo electrónico.
Contacts
Coa aplicación de contactos, poderemos sincronizar facilmente os contactos entre varios dispositivos con Nextcloud, podendo tamén editalos en liña.
Posúe integración coa aplicación Mail e Calendar, de momento. Temos a opción de compartir os nosos contactos cos amigos ou compañeiros de traballo.
Notes
A aplicación “Notas” é unha aplicación para tomar notas sen distraccións. Proporciona categorías para unha mellor organización e ten soporte para Markdown. As notas gardaranse como arquivos en Nextcloud, de modo que podemos velas e editalas cun cliente de Nextcloud.
Collabora Online
Con esta aplicación poderemos conectarnos a un servidor de Collabora Online.
Collabora Online é un potente paquete de oficina en liña baseado en LibreOffice, co que poderemos facer edicións colaborativas dos documentos entre varios usuarios en tempo real. Admite os principais formatos de documentos, follas de cálculo e arquivos de presentación e funciona en todos os navegadores modernos.
Talk
Nextcloud Talk é unha ferramenta coa que poderemos comunicarnos, compartir pantallas, facer reunións online (tanto de vídeo coma de voz) e utilizar un chat.
Se queredes saber máis sobre ela, atoparedes toda a información na anterior pílula: Reunións e conferencias online con Nextcloud Talk
BigBlueButton
BigBlueButton é un sistema de conferencias web deseñado como unha solución de aprendizaxe en liña.
Con el teremos unha solución profesional para poder ensinar a estudantes a distancia.
BigBlueButton permite compartir en tempo real son, diapositivas, chat, vídeo e escritorio cos estudantes:
– As enquisas incorporadas facilitan a participación dos estudantes.
– Permite a gravación das clases, podendo colgalas para o seu visionado posterior.
– As anotacións móstranse automaticamente aos estudantes en tempo real.
– Os presentadores teñen a capacidade de facer zoom, resaltar, debuxar e escribir nas presentacións, facendo que os seus puntos sexan máis claros para os estudantes.
– Todo o mundo pode compartir unha cámara web.
– Pódense enviar mensaxes públicas e privadas.
– E tamén permite agrupar aos usuarios en salas de descanso para a colaboración en equipo.
BigBlueButton é unha solución de código aberto, apoiado por unha comunidade mundial de desenvolvedores (e empresas comerciais) que se preocupan por melloralo.
Mumble
Mumble é unha aplicación de chat de voz de baixa latencia e alta calidade, gratuíta e de código aberto.
Usado tanto como chat de voz, como para gravar podcast coa gravadora de son multicanle que ten incorporada, como por xogadores que buscan realismo grazas as súas características de son posicional nos xogos. Nas empresas pódese empregar como ferramenta de comunicación interna por parte dos empregados, podendo separar os diferentes departamentos, proxectos e reunións en tantas salas independentes como necesitemos, así coma ter tamén algunha sala global para comunicados xerais ou reunións de todo o persoal.
Se aloxamos Mumble no servidor propio da empresa, teremos o control das nosas comunicacións e non dependeremos dun terceiro. Aos administradores gústalles Mumble por ser capaz de aloxarse nos seus servidores e ter así o control sobre a seguridade e privacidade dos datos.
Características principais
– Lista de servidores públicos aos que poder conectarse, sen necesidade de instalar un servidor propio.
– Baixa latencia, ideal para falar e xogar.
– Comunicación cifrada.
– Autenticación de clave pública/privada por defecto.
– Son posicional.
– Asistentes para a configuración.
– Software libre.
– Amplo sistema de permisos de usuario (ACL).
– Software de servidor moi estable e baixo consumo de recursos no aloxamento en servidores.
– Usa o códec de son Opus.
– Incorpora a eliminación de eco, o que permite o uso de altofalantes así como de auriculares.