Seguindo coa serie de artigos tecnolóxicos “Ferramentas multimedia: Solucións para imaxes”, hoxe falamos de Krita, solución libre para artistas dos pinceis.

Características

Krita (lapis de cera en sueco) é unha suite de debuxo e ilustración dixital, multiplataforma, deseñada para artistas de arte conceptual, ilustradores, artistas de pintura mate e texturas, cómics e animación, distribuída como software libre baixo licenza GNU GPL.

Krita estivo en desenvolvemento durante máis de 10 anos e, recentemente, experimentou un crecemento moi rápido, ofrecendo moitas funcións para axudar tanto a principiantes como a profesionais.


Interface de usuario de Krita, pinceis e capas

Pensada para a creación de imaxes dende cero, máis que para a manipulación de imaxes existentes. Ten a capacidade de poder traballar tanto con mapas de bits como con vectores pero céntrase en ofrecer características orientadas ao debuxo dixital máis que á edición fotográfica.

Historia

Comezou como un editor de fotos libre e gratuíto similar a GIMP, pero desde 2009 o equipo centrou os seus esforzos no debuxo e a pintura dixital.

“KImage Shop” foi proposto polo fundador de KDE, Matthias Ettrich, o 24 de maio de 1999, tras a súa insatisfacción coa interface de usuario de GIMP (KImage Shop estaba destinado a ser un clon de Photoshop).

Antes de calquera difusión pública o proxecto coñeceuse como KImage Shop e logo como Krayon, pero por asuntos legais tívose que cambiar o nome. Xa en 2004 o desexo dun cambio de enfoque foi claro: “Quero Krita para ocupar o nicho que ten Corel Painter no mundo de Windows, non Photoshop”.


Debuxo de Omiya Tou creado en Krita

Materiais educativos

A Fundación Krita anunciou que publicará regularmente novos vídeos na súa canle de YouTube (que tiña descoidada ultimamente), grazas a colaboración de Ramón Miranda de Muses and Digital Atelier.

Este é o primeiro vídeo da serie, centrado na primeira toma de contacto con Krita, ou para persoas que están a empezar coa pintura dixital.


Canle de YouTube de Krita

Krita, ademais, ofrece soporte aos usuarios proporcionándolles materiais educativos aos que poden acceder a través da web, como o manual de usuario.

Estes materiais de capacitación son preparados pola propia Fundación Krita.

Traballando con Krita

Vamos ver algúns dos compoñentes e características que fan a Krita, unha solución perfecta para pintar e debuxar con ela nun ordenador.

Interface do usuario


Interface de usuario

Unha interface intuitiva que facilita o traballo. Os paneis poden moverse e personalizarse para adecualos ao estilo de traballo de cada quen. As configuracións pódense gardar como “espazo de traballo”, para utilizala noutras ocasións ou noutros equipos.

Tamén permite modificar os atallos de teclado para estar máis cómodos traballando.

Pinceis


Algúns dos pinceis que podemos atopar en Krita

En Krita atoparemos un gran número de brochas e pinceis. Estas brochas ou pinceis están deseñados para realizar funcións únicas e especiais. Ademais, os usuarios poderán crear os seus propios pinceis e etiquetalos.

Existen diferentes tipos de pinceis e ferramentas de debuxo; a ferramenta de tinta é similar a un bolígrafo, e é o tipo de pincel recomendado para debuxar. Incorpora tamén pinceis de texturas.

Krita pódese usar cun rato e teclado, pero é moi recomendable usar unha tableta dixitalizadora para sacarlle todo o seu potencial.

Estabilizadores de pincel
Con estes estabilizadores, conseguiremos ter pinceis máis suavizados. Krita inclúe 3 maneiras distintas de suavizar e estabilizar os teus trazos, ademais dun Pincel Dinámico que consegue liñas máis limpas.

Nos pinceis podemos modificar gran cantidade de características, ademais pódese cambiar o seu tamaño xogando coa presión (dependendo da presión aplicada na tableta gráfica).


Debuxo de Omiya Tou creado en Krita

Podemos personalizar as ferramentas con 9 motores de pincel.

Cada motor ten unha gran cantidade de axustes para personalizar o pincel. Todos eles foron creados para satisfacer unha necesidade específica, como o motor de esborranchado de cor, motor de formas, motor de partículas e mesmo un motor de filtros.

Pódense importar paquetes de pinceis e texturas doutros artistas para expandir as túas ferramentas.

Co Modo de envoltura, podemos de forma moi fácil, crear texturas e patróns perfectos.

Por todas estas características, os pinceis en Krita promoven a flexibilidade e aumentan a creatividade.

Capas


Á dereita vemos o xestor de capas e debaixo os pinceis de Krita

Krita tamén ofrece a xestión de capas, podendo combinar e agrupar debuxos.

Moi útil para usar debuxos como fondo, situado noutra capa, podendo xogar coas capas e fusionar os dous debuxos ou para eliminar partes dun debuxo (utilizando a visibilidade de capas).

Paleta emerxente


Paleta emerxente de Krita, onde podemos seleccionar cores e pinceis rapidamente

Aceleramos o traballo podendo escoller rapidamente unha cor e un pincel, facendo clic á dereita no lenzo.

Tamén podes utilizar o sistema de etiquetaxe de Krita para intercambiar os pinceis dispoñibles que aparecen en pantalla. O anel exterior do selector de cor contén as cores usadas recentemente.


Debuxo de Omiya Tou creado en Krita

Este artigo é soamente unha pequena mostra dalgunhas das ferramentas que ten Krita. Se navegamos polos seus menús, atoparemos unha gran cantidade de posibilidades á hora de traballar coas imaxes neste potente editor.

En resumo, Krita é unha ferramenta flexible que aumentará a nosa creatividade, coa que conseguiremos debuxar e pintar dunha forma máis rápida e cómoda, e que se adapta perfectamente a fluxos de traballo noveis ou profesionais con ferramentas como Inkscape, GIMP, Darktable ou Scribus (das que xa falamos en artigos anteriores).

Pin It on Pinterest

Share This