O software libre, en maior ou menor medida, está presente nunha gran parte das vidas da meirande parte da poboación, tanto no ámbito profesional coma no ámbito persoal e practicamente a totalidade da sociedade ouviu falar ou leu acerca do software libre.

No entanto, o hardware libre non conta aínda na actualidade con tanta popularidade coma o software libre, ou polo menos non existe tanta difusión, aínda que esta está aumentando a grandes pasos nos últimos anos. Un dos motivos é que de momento non está tan estendido no ámbito industrial e profesional, mentres que no ambiente “maker” si que é onde está moi estendido e grazas a esta presenza a existencia de proxectos con hardware libre vese en alza dende hai tempo.

Outro dos motivos polos que o termo do hardware libre non é tan estendido é que ás veces non é tan doado distinguir que é hardware e que é software. Por exemplo, un chip está claro que é hardware, pero ese hipotético chip tamén pode contar na súa memoria cun software de baixo nivel para interactuar directamente co hardware, o que é coñecido como firmware e tanto se pode considerar software como hardware por formar parte do chip.

De forma análoga ao software libre, o concepto do hardware libre está baseado nas liberdades para usar, estudar, redistribuír o código así como as especificacións hardware dos compoñentes do mesmo, como poden ser os esquemáticos dos circuítos. Estas liberdades permiten ter independencia e manter o control da tecnoloxía, así mesmo, permiten mellorar as tecnoloxías entre todos. No hardware libre, ao igual que no software libre, tamén se conta con algunhas iniciativas que axudan tanto a definir como a difundir o concepto e a filosofía, como por exemplo a Open Source Hardware Association.

Casos de éxito no hardware libre

Existen moitos máis casos de uso na industria e no entorno profesional do que puidera parecer a primeira vista. A nivel global existen diversos proxectos de sona que forman parte do mundo do hardware libre, un dos máis veteranos e influentes é o proxecto Arduino, unha plataforma de prototipado electrónico que naceu en torno ao ano 2003 e dende aquela foron nacendo arredor deste unha morea de proxectos convertendo á comunidade de Arduino como a comunidade de hardware libre por excelencia.

A plataforma Arduino non é só os deseños de placas coas que poder facer prototipos, tamén existe unha linguaxe de programación libre, así como as ferramentas e bibliotecas para poder programar o funcionamento das placas. A plataforma está sendo moi utilizada en diversas áreas como poder ser o mundo do IoT para a realización de prototipos e incluso o nacemento doutros proxectos de hardware libre baseados no mesmo. Outro dos campos nos que o Arduino é empregado é o da robótica, sobre todo na educativa, onde están a xurdir diversos proxectos libres como por exemplo o mBot ou o Escornabot, proxecto iniciado por un grupo de galegos.

Unha das aplicacións con máis sona no mundo do hardware libre é a impresión 3D, sendo o buque insignia o proxecto RepRap, no cal chegaron a deseñar varias impresoras autoreplicantes, no sentido de que moitas das pezas para ensamblar unha impresora pode ser impresa por outra impresora. A impresión 3D trátase dunha disciplina en auxe e que anos atrás tratábase dunha tecnoloxía pouco madura e moi elitista debido, entre outros motivos, aos altos custos dos aparellos, pero hoxe en día e grazas ao hardware libre é posible realizar impresións 3D profesionais a un menor custe. Os casos de uso da tecnoloxía da impresión 3D son moitos e moi variados, entre os que se atopan a construción de prototipos e maquetas, fabricación de pezas a medida para todo tipo de aparellos ou mesmo a fabricación de próteses ortopédicas. A día de hoxe existen empresas adicadas á impresión 3D como principal actividade e tamén, debido á súa popularidade e ao abaratamento das impresoras 3D, hai moitas empresa que contan con impresoras 3D para realizar elas mesmas os seus traballos de impresión 3D derivados do seu negocio principal.

Outro dos usos de moda do hardware libre é o dos vehículos non tripulados ou autónomos. Existen diversos proxectos relacionados con esta área, como por exemplo Ardupilot ou Dronecode. Ardupilot é un firmware de autopiloto con soporte para diversas plataformas hardware que nos permite a configuración e a pilotaxe manual ou autónoma de diversos tipos de vehículos como poden ser os drons ou vehículos terrestres e marítimos. Dronecode é unha solución completa que conta con practicamente todos os compoñentes para a construción de drons como son o firmware de autopiloto, o hardware de autopiloto, o software de estación base para controlar as misións do vehículo e mesmo APIs e entornos de desenvolvemento que nos permitirían adaptar a solución á problemática concreta. As aplicacións dos drons na industria son moitas e moi variadas, as máis comúns son a realizar servizos audiovisuais, a vixilancia e a supervisión, ou inspeccións en contornas perigosas ou de difícil acceso.

Outra das situacións nas que o hardware libre nos pode axudar é cando unha empresa ou institución ten unha necesidade específica para a que non existe unha solución. Unha posible solución é buscar algún proxecto libre similar e adaptalo ás necesidades concretas, incluso crealo dende cero empregando compoñentes libres.

No último trimestre do ano 2018 o CDTIC organizou unha xornada sobre a industrialización de produtos con hardware libre, na que a empresa Strelia deu resposta a varias cuestións clave sobre o hardware libre e tamén realizou a presentación de diversos casos de éxito que levaron adiante como poden ser diversos traballos no campo da instrumentación para oceanografía e sensores específicos para a a industria da madeira e a biomasa. Co obxectivo de coñecer máis de preto o uso do hardware libre nos procesos industriais, falamos tanto coa empresa Strelia, fornecedora de solucións con hardware libre, coma coa empresa Hércules Control, cliente de Strelia.

 

Entrevistas relacionadas

Opinión sobre o Hardware Libre polo fornecedor galego Strelia Electrotécnia

Opinión sobre o Hardware Libre polo fornecedor galego Strelia Electrotécnia

Resumo

Caso de éxito de Hardware Libre na empresa Hércules Control

Caso de éxito de Hardware Libre na empresa Hércules Control

Resumo

Pin It on Pinterest

Share This