Co obxectivo de coñecer máis de preto o uso do hardware libre nos procesos industriais, falamos coa empresa Strelia, fornecedora de solucións con hardware libre.
O pasado 23 de Outubro participaron nunha sesión demostradora no
CDTIC sobre a Industrialización de produtos con Hardware Libre na
que presentaron as vantaxes do uso de Software e Hardware libres para
o deseño e comercialización de produtos innovadores.
A que tipo de clientes vai dirixida a
industrialización de produtos de hardware libre? A que tipo de
negocio lles pode ser útil esta solución?
Diriamos que principalmente hai dous tipos:
a) empresas que teñen unha iniciativa de produto para a que se
precisa desenvolver un hardware electrónico. Non teñen por que ter
coñecementos de electrónica, mas si unha boa idea na que queren
investir; e que o seu produto sexa baseado nun hardware propio vaille
dar exclusividade e unha imaxe moi sólida. Nalgúns casos a clienta
xa ten capacidade de desenvolver o software asociado (firmware, apps,
aplicacións en servidores, etc.), se non é así desde Agasol temos
tamén a solución.
b) empresas que están xa especializadas en hardware ou I+D en
TICs que precisan apoio e colaboración para bloques moi concretos de
comunicacións, sensorización, contornas especiais, etc.
Como diría que se atopan Arduino, Raspberry Pi,
etc respecto de alternativas privativas en termos de madurez e
funcionalidade?
En xeral a solucións privativas implican partir practicamente de
cero cos semicondutores base e circuítos integrados, con placas de
proba e algunha plataforma de exemplo, no entanto que as solucións
libres o catálogo de aplicacións, ferramentas, exemplos,
bibliotecas, etc é moi extenso.
Na nosa experiencia a calidade do soporte nas solucións
privativas caeu e con tantas equipas e experiencia acumulada xa nas
solucións libres, a fiabilidade e a capacidade de soporte é hoxe
moi alta. Está a agromar tamén na comunidade de código aberto o
desenvolvemento de FPGAs libres que con certeza van revolucionar o
mundo do hardware libre.
Que porcentaxe de casos de uso na industria
cobren as solucións con Hardware Libre?
Moitas mais das que pode parecer a primeira vista. En moitos
sistemas industriais e produtos electrónicos nos que van elementos
de hardware libre, isto non se mostra claramente. Mais as empresas
desenvolvedoras de hardware son moi conscientes da vantaxe de
empregaren hardware libre. Gañan en rapidez para saíren ao mercado
e por tanto é unha potente vantaxe competitiva, polo que tiran muito
mais destas solucións do que se percibe.
Canto pode supoñer en aforro o emprego de
solucións baseadas en Hardware Libre como as que emprega a vosa
empresa?
Pois en termos de horas de desenvolvemento podemos falar
facilmente de diminuír á cuarta parte. E iso é moitísimo na
contabilidade analítica dun proceso de innovación.
Que vantaxes achegan estas solucións libres
respecto doutras solucións? E a respecto doutras solucións
privativas
Unha fórmula que funciona moi ben en empresas que están algo
familiarizadas con software, e que lles permite desenvolver un modelo
de concepto ou prototipo moi rapidamente.
Trátase simplemente de xuntar os módulos de hardware adecuados
(hai de todo e son moi económicos, practicamente calquera módulo
custa bastante menos de 50€), e comezar a facer probas da nova
aplicación ou produto empregando a infinidade de librerías que xa
existen. En poucos días poden obter cousas que comezan a demostrar
operatividade.
En fases posteriores, empresas especializadas como Strelia podemos
transformar o hardware na versión industrial, coa súa forma
adecuada, prestacións, fiabilidade, fabricabilidade seriada, etc.
Que servizos ofrece a súa empresa sobre hardware
libre?
Deseñamos profesionalmente hardware electrónico para os nosos
clientes aproveitando todo o desenvolvido pola comunidade libre, con
todas as vantaxes competitivas que implica, e máis as
características operativas e de fiabilidade que derivan da nosa
longa experiencia en importantes empresas europeas da electrónica.
Ten desenvolvido algunha solución personalizada
sobre Hardware Libre? Cales? Liberounas?
Temos. Traballos importantes no campo da instrumentación para
oceanografía e tamén en sensores específicos para a industria da
madeira e a biomasa, alén doutras pequenas participacións.
En moitos casos facemos o traballo para os clientes e son estas
empresas as que se encargan de xestionar a divulgación do contido en
hardware libre en conxunto coa súa política de propiedade
industrial.
Canto cre que inflúe nos seus clientes o feito
de que as solucións desenvolvidas sexan Hardware Libre?
Quizais nun primeiro momento a algúns clientes por descoñecemento
lles poda resultar inesperado unha proposta baseada en hardware
libre, mais ao ver a fluidez na que deriva o proceso e os aforros en
tempo e custes, dentro da complexidade habitual dun proceso de I+D+i,
fican moi satisfeitos cos resultados e a fiabilidade final.
Ten algún caso de éxito destacado dalgunha
solución con Hardware Libre?
Pois témolo no campo da oceanografía, en boias de medida de
ondas, coa nosa parceira Hércules Control. O emprego de hardware
libre permitiulles lanzar unha liña de produtos moi competitivos, e
de altísimas prestacións para unha rede mundial de adquisición de
dados de ondas no mar con unidades operativas tanto nas costas
galegas como en diferentes mares de varios continentes. Estamos agora
co desenvolvemento dunha nova xeración.
Cre que o Hardware libre é suficientemente
coñecido no ámbito empresarial?
Penso que pouco aínda. Mas pouco a pouco irá entrando mais, pola
vantaxes competitivas que ofrece.
Recentemente celebrouse a OSHWDEM na Coruña, e
en breve celebrarase a Maker Faire en Santiago de Compostela. Cre que
estas feiras contribúen a mellorar o coñecemento deste tipo de
solucións?
Está claro que no ámbito local si. Nestas feiras afortalámonos
no local e isto danos pulo e permítenos facer rede para a proxección
global.
Para finalizar, gustaríanos coñecer algo máis de vós como
provedores tecnolóxicos de Hardware Libre e da vosa opinión sobre
este sector na nosa comunidade.
Que solucións de Hardware Libre oferta?
Nos servizos de desenvolvemento de produtos electrónicos para a
nosa clientela, unha moi boa alternativa é o emprego de elementos de
hardware libre como Arduino ou Raspberry Pi.
Hai ocasións en que a empresa cliente vén cun prototipo que foi
desenvolvido con módulos electrónicos de hardware libre e Strelia
encárgase da revisión e mellora do deseño electrónico (cuestións
de eficiencia na alimentación, resposta para contornas profesionais,
novas interfaces de comunicacións, obxectivos de custe, etc.). Tamén
nos encargamos da industrialización para a súa fabricación fiable
e repetible no sistema industrial.
Colabora upstream con proxectos de
Software/Hardware Libre?
Gustaríanos colaborar máis. En ocasións facemos pequenas
achegas económicas nas plataformas que piden esta colaboración e
tratamos de participar nos foros co noso parecer técnico nas
materias nas que temos coñecemento experto.
Que porcentaxe da súa facturación está
relacionado con solucións de Hardware Libre?
Como mínimo o 40%. Foi incrementándose nos últimos dous anos.
Que opinión lle merece o tecido TIC galego?
Hai elementos moi interesantes, desde grandes entidades
consolidadas ata unha rede de pequenas empresas moi colaborativas.
Lévase a traballar moitos anos, e se cadra un dos fitos base foi a
creación da prestixiosa escola de Teleco de Vigo hai arredor de 40
anos. Aínda así, coidamos que hai moito por facer. Galiza no seu
proceso de modernización e transformación desde unha sociedade
fundamentalmente agro-mariñeira hai cincuenta anos, foi mudando a
unha sociedade que aposta hoxe por ser TIC sen perder a súa raizame,
e precisa situarse na cabeceira en certas tecnoloxías e industria.
Na súa opinión, que iniciativas se deberían
fomentar dende a administración para o fomento das TIC, e en
particular do Software/Hardware Libre, nas pemes?
Pensamos que no referente ao software libre fanse intentos, mais a
industria “non libre” traballa á contra e vai dificultando a
implantación ao ritmo que seria desexable, e isto é negativo para o
avance da sociedade e mesmo inhibe a creación de postos de traballo
e industria TIC, que seria muito mais dinámica e aberta cunha
implantación mais decidida do código aberto. Pensamos que a
administración debe vencer esas ataduras, apoiar decididamente esta
industria, e implantar estas solucións claramente no ámbito
público.