I Xornada de boas prácticas con Software Libre nas ONGs e Entidades de Acción Social

22 de outubro de 2015

Santiago de Compostela


¡Inscríbete, é gratis!

A Xornada


A adopción das TIC por parte de organizacións de pequeno e mediano tamaño non sempre é doada, debido moitas veces á escaseza de recursos humanos e económicos, e aí é onde o software libre sae ao encontro das ONG e entidades de acción social. Mais o software libre non só achega vantaxes técnico-económicas, senón que comparte plenamente coas entidades do terceiro sector as súas características ético-filosóficas así como a crenza no traballo colaborativo e en comunidade.

Así pois, o obxectivo principal desta xornada é achegar ás entidades do terceiro sector experiencias de implantación e uso de solucións TIC libres que lles permitan mellorar o xeito en que se xestionan, a súa operativa diaria e a súa organización.

Por outra parte, pretende tamén servir de punto de encontro para as entidades do terceiro sector e o sector TIC, no que poder compartir experiencias e boas prácticas no uso das TIC, particularmente daquelas con licenza libre. O obxectivo é que as entidades deste sector (ONGs, ONGDs, Asociacións, colectivos de voluntarios, etc) participen nesta xornada contando tanto as súas prácticas no uso de solucións TIC libres como as necesidades que aínda teñen sen cubrir, e por outra parte que aquelas organizacións ou empresas TIC, que desenvolven ou implantan software poidan achegar a súa experiencia ao sector e ao tempo coñecer as necesidades das entidades asistentes.

En resumo, esta xornada vai dirixida a todas aquelas entidades e profesionais que consuman, desenvolvan, precisen, compartan, melloren, queiran e crean que o software libre teña un papel relevante no presente e no futuro do Terceiro Sector.

Visión de usuario.
  • A Coordinadora Galega de ONGDs, Enxeñería Sen Fronteiras ou a radio comunitaria CUAC FM serán as entidades que estarán presentes nesta xornada.

  • Responsables destas ONGs e entidades de acción social falarán da súa experiencia no uso de solucións TIC libres nas súas propias entidades.

  • Contarannos cales foron as motivacións para o cambio, que vantaxes aprecian así como os problemas aos que se enfrontaron e as solucións atopadas.

Visión técnica.
  • Expertos e profesionais TIC darannos a visión máis técnica das experiencias expostas.

  • Falarán das boas prácticas a seguir na migración ou implantación das solucións libres.

Programa


As experiencias


O software libre nos centros penitenciarios de Galicia


Amosaranse as experiencias obtidas durante os dous últimos anos, despois de pór en marcha no ano 2013 o proxecto "Tecnoloxía e software libre nos centros penitenciarios de Galicia", incluído dentro do programa Voluntariado dixital da AMTEGA. Os obradoiros deste proxectos chegaron aos 5 centros penitenciarios e 2 CIS da nosa comunidade, e formaron a máis de 80 internos dos diferentes centros.

Rafael falará desta experiencia expoñendo:

  • Como naceu a idea.
  • Como se levaron a cabo as primeiras actividades.
  • Organización en conxunto co equipo directivo dos centros.
  • Colaboración con Voluntariado dixital e AMTEGA.
  • Futuras actividades.

Rafael Rodríguez Gayoso

É Enxeñeiro Informático e voluntario da Asociación de usuarios de software libre da Terra de Melide (Melisa). A día de hoxe ostenta o cargo de presidente do colectivo afincado en Melide. Desde o ano 2008 desenvolve diferentes actividades voluntarias na difusión e promoción do software libre. Inicialmente as actividades son realizadas no concello de Melide, e comarca, e desde hai tres anos, realizan eventos noutras cidades galegas, como Santiago de Compostela, ou Vigo.

Máis información
Rafael Rodríguez Gayoso
Melisa

Experiencia de colaboración no terceiro sector para a migración a Sofware Libre


É relativamente habitual observar como desde eidos nos que se defende e promove o uso de tecnoloxías libres e abertas —tanto polo aforro en custos que a súa adopción pode supoñer a medio e longo prazo como, sobre todo, pola independencia e soberanía tecnolóxica que permiten e a ética detrás do seu modelo de desenvolvemento— non se predica co exemplo, empregando tecnoloxías privativas no desempeño dese labor de promoción. Isto é frecuente en moitas organizacións adicadas ao Terceiro Sector, que seguen a traballar acotío con sistemas e ferramentas non libres.

Temos en Galicia un bo feixe de asociacións sen ánimo de lucro cunha ampla experiencia no uso e estudo do Software Libre, clasicamente coñecidas como LUGS ou GLUGS, do inglés de GNU/Linux User Group. Neste relatorio presentamos a experiencia de colaboración dun dos GLUGS que máis tempo leva funcionando en Galicia, o GPUL, con dúas organizacións do Terceiro Sector, Enxeñería Sen Fronteiras (ESF) e a Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento, ás que asesora e axuda na xestión e mantemento das súas TIC.

O principal froito desa colaboración foi a migración dos sistemas de ambas organizacións a Software Libre, cos que agora están a traballar. No relatorio presentaremos como foi o proceso de migración, que necesidades é preciso cubrir neste tipo de organizacións e algúns dos principais retos que xurdiron no mesmo.

Emilio J. Padrón González

É membro do Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL) e profesor e investigador do Grupo de Arquitectura de Computadores da Facultade de Informática da Coruña. Licenciado e Doutor en Informática pola Universidade da Coruña.

Ana Vázquez Fernández

É voluntaria da ONGD Enxeñería Sen Fronteiras Galicia e actual responsable da Área de Administración da Coordinadora Galega de ONGD. Licenciada en ADE pola Universidade da Coruña e Mestrado en Fiscalidade e Tributación polo Colexio de Economistas da Coruña.

Máis información
Emilio J. Padrón González
Grupo de Programadores y Usuarios de Linux
Ana Vázquez Fernández
Coordinadora Galega de ONGDs

Software libre nunha Radio Comunitaria: o caso de CUAC FM


CUAC FM é a radio comunitaria da Coruña. Unha radio comunitaria é unha emisora privada, sen ánimo de lucro, que ten un fin social: garantir o exercicio do dereito de acceso á comunicación e a liberdade de expresión da cidadanía.
En CUAC FM temos despregado unha infraestrutura tecnolóxica baseada en software libre que nos permite emitir a través de internet (Icecast+Darkice), realizar  labores de edición de son (Audacity), ter unha presenza web en internet (Wordpress), editar documentos de texto (LibreOffice) ou compartir os nosos arquivos internamente (Owncloud). CUAC FM ten migrado nos últimos dous anos ós seus servizos a unha infraestrutura GNU/Linux así como parte dos seus equipos de escritorio.

CUAC FM ten colaborado no desenvolvemento de Software Libre como é o caso do Sistema de gravación automática RadioCo elaborado para CUAC FM por Iago Veloso (traballo fin de grado da Enxeñaría Informática).
Neste relatorio presentarase a experiencia de CUAC FM no uso de ferramentas libres, que ten permitido ós socios traballar dende a casa co mesmo software que empregan na emisora e evitando os custes de licenza.
Así mesmo co obxectivo de que sirva para outras entidades do terceiro sector contaremos os fitos que temos superado, as principais problemáticas que nos temos atopado e os retos que temos para o futuro.

Isabel Lema Blanco

É socia de CUAC FM e investigadora na Universidade da Coruña, Ten estudado o rol dos medios de comunicación como educadores sociais e a responsabilidade social dos medios ante a cidadanía. Foi Presidenta de CUAC FM (radio comunitaria de A Coruña) durante os anos 2003 a 2006 e actualmente forma parte do Consello de Coordinación de CUAC FM, ademais de impartir formación sobre asociacionismo e medios comunitarios. Forma parte do Grupo de Traballo de AMARC-Europa (Asociación Mundial de Radios Comunitarias), co fin de promover o exercicio efectivo do dereito de comunicación das persoas e a promoción das linguas e culturas europeas. Ten sido relatora no Parlamento Europeo presentando o informe de Recomendacións á Unión Europea para a promoción das linguas minorizadas en Europa a través dos medios comunitarios.

José María Casanova Crespo

É socio de CUAC FM, enxeñeiro en informática e activista na difusión do Software Libre. Participa en Spoiler CUAC FM, o programa de radio sobre series de televisión emitido en CUAC FM, a Radio Comunitaria da Coruña. Colabora na coordinadora de Tecnoloxía da emisora impulsando a migración a sistemas GNU/Linux e ferramentas de Software Libre. Tamén participa en comunidades de Software Libre como GNOME ou a Asociación GPUL. É un dos fundadores da empresa Igalia especializada en desenvolvemento de Software Libre. Así mesmo imparte docencia na Facultade de Informática da Universidade da Coruña na que ten dirixido varios traballos fin de grado orientados o mundo da radiodifusión comunitaria como o sistema de gravación automática RadioCo.

Máis información
Isabel Lema Blanco
José María Casanova Crespo
CUAC FM

Tecnoloxías de Información Xeográfica e Software Libre na Cooperación para o Desenvolvemento


Casos de uso de ferramentas de información xeográfica baseadas en software libre en proxectos de cooperación ao desenvolvemento relacionados coa planificación e xestión do recurso hídrico en Mozambique, El Salvador e Honduras.
Antón Amado Pousa

É socio de iCarto e responsable da área de Cooperación ó Desenvolvemento da empresa. De formación Enxeñeiro Técnico de Obras Públicas e Máster de enxeñaría da Auga na Universidade da Coruña, é aquí onde tomou o primeiro contacto cos sistemas de información xeográfica. Vinculado á universidade a través do laboratorio de enxeñaría cartográfica (CartoLab), é neste período profesional onde se forma como técnico e colabora na realización de proxectos relacionados cos SIG. Actualmente en iCarto compaxina labores de dirección coa coordinación de proxectos da área de Cooperación, onde ten ademais unha ampla experiencia en terreo.

Máis información
Antón Amado Pousa
iCarto

CiviCRM: xestión da base social de Enxeñería Sen Fronteiras empregando Software Libre


CiviCRM é unha aplicación web de código aberto de tipo Consumer Relationship Management (Xestión de Relacións co Consumidor) orientada a entidades do terceiro sector. Permite xestionar de xeito remoto as actividades dos voluntarios, as doazóns dos socios, os programas e/ou campañas que están a desenvolver as entidades, comunicarse con socios e voluntarios, etc.

En ESF Galicia decidimos migrar a xestión da nosa base social desde unha sinxela folla de cálculo a CiviCRM. Falaremos dos requisitos de software, hardware e formación de persoal que foron necesarios, dos problemas e as solucións adoptadas para adaptar os datos da base social á plataforma e de como outras entidades do terceiro sector poderían afrontar a migración a CiviCRM. Durante o relatorio tamén se podería falar da experiencia que supuxo a realización de prácticas extracurriculares universitarias nunha entidade do terceiro sector, como vía de adquisición de experiencia no mercado laboral.

Iván Lago Castro

É estudante en PFC de Enxeñería Técnica en Informática de Sistemas. Desde o 2007 colabora como voluntario en Enxeñería Sen Fronteiras Galicia. No curso 2014-2015 realizou prácticas universitarias extracurriculares na propia ESF, implementando un xestor de base social de código aberto e baseado en servizos web (CiviCRM), así como un sistema de almacenamento de ficheiros na nube (OwnCloud).
Activista do Software Libre, impulsou a migración a sistemas libres dentro de ESF. Foi poñente en outras xornadas do S.L. en diversas entidades educativas.

Máis información
Iván Lago Castro
Enxeñería Sen Fronteiras Galicia

Voluntariadogalego.org : Unha xanela para o sector


Ao longo dos anos o portal da Dirección Xeral de Voluntariado converteuse nunha referencia para todo o sector, baseado no seu carácter aberto que permite que as diferentes entidades do sector intercambien información e tamén na formación, sendo a día de hoxe máis de 48.000 os alumnos e alumnas que pasaron polo seu "Campus en liña".
Manuel L. Pan

É Director de Abertal, empresa socia de AGASOL e desenvolvedora do Portal VoluntariadoGalego.org. Na actualidade Manuel L. Pan tamén é CEO de Phottic, unha plataforma global de fotografía histórica onde as comunidades locais reviven o seu pasado; ademáis, é membro do Comité de Dirección do Cluster TIC Galicia.

Máis información
Manuel L. Pan
Abertal Networks

En autobús

En coche. Dende a autoestrada.

  • Tomar a saída 67, Santiago Norte AP-9
  • Continuar pola SC20, dirección Multiusos Fontes do Sar
  • Subida á Cidade da Cultura

Plano de localización do edificio CINC da Cidade da Cultura

Acceso ao edificion CINC

© OpenStreetMap contributors


Ver un mapa máis grande

Contáctanos

Centro Demostrador TIC de Galicia. AMTEGA