WordPress: Solución para a creación de sitios web con Software Libre

Luns, 12 Xuño 2017
WordPress: Solución para a creación de sitios web con Software Libre

Hoxe falamos dunha solución de Software Libre que permite a creación de sitios web: WordPress.

Un sitio web é a identidade dunha empresa na Internet. Calquera empresa do tamaño que sexa ten hoxe en día a necesidade de ter unha identidade na rede, para darse a coñecer, para dar a coñecer os servizos ou produtos que ofrece, ou mesmo para vender na nube directamente eses produtos e servizos.

Ademais de presentar esta solución de software libre como tal, para este artigo contamos coa colaboración de dúas empresas, unha de cada lado, unha empresa usuaria da solución e outra provedora de servizos sobre a mesma, as cales entrevistamos para coñecer de primeira man o estado de madurez da mesma, as súas vantaxes, e a experiencia de uso nun entorno real.

Así escoitaremos de primeira man o caso de éxito de implantación de WordPress por parte da empresa BADANAMU SPAIN, S.L. que implantou esta solución como base do seu negocio online.

Tamén falaremos cun provedor galego de servizos sobre WordPress, Initcoms Soluciones TIC, rexistrado no MapaTic.gal, que nos achegarán as súas impresións sobre esta tecnoloxía e sobre os servizos que se poden ofrecer como provedor da mesma.

Creación dun sitio web con Software Libre

Segundo se recolle no documento de análise “A Sociedade da Información nas empresas de Galicia” na súa edición do ano 2015, realizado por OSIMGA (Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia), o 78% das empresas de máis de 10 traballadores teñen páxina web, no caso das microempresas a cifra baixa ata o 28%. Nos últimos anos a tendencia deste indicador é a de ir subindo paulatinamente, xa que por exemplo no ano 2012 estaba no 71%.

En canto a contidos, por exemplo, o mesmo estudo revela que o máis habitual é atoparse coa presentación da empresa, a declaración de política de intimidade, o acceso ao catálogo de produtos e servizos, listas de prezos, ou servir como referencia para enlazar outros perfís da empresa na Internet.

Parece claro con estes datos que a creación dunha páxina web é unha necesidade das empresas galegas, independentemente do seu sector, xa que a información do estudo analiza todo tipo de empresas, non só as empresas TIC. Moita da información que as empresas ofrecen nas súas páxinas web é dinámica e precisa de certo grao de actualización. Isto implica que non chega con desenvolver unha páxina web estática, senón que as empresas precisan empoderarse na capacidade de manter estes sitios web ao día, e aquí é onde entran ferramentas como WordPress, que ademais de permitir crear un sitio web dende cero, ofrecen unha serie de ferramentas, sinxelas de usar, para que o sitio web se manteña actualizado, modificando e engadido novo contido.

WordPress: CMS de Software Libre

WordPress é un sistema de xestión de contidos ou CMS (siglas en Inglés de Content Management System) enfocado para a creación de sitios web na Internet. Aínda que principalmente se coñece pola súa utilización para a creación de blogs, hoxe en día permite a creación de calquera tipo de sitio web e mesmo portais complexos. Segundo diversos análises está presente en algo máis do 25% dos sitios web na Internet, é dicir, unha de cada catro páxinas que hai na Internet está feita con WordPress. É unha solución de software libre liberada baixo a licenza GPL.

Unha das principais características é a modularidade e capacidade de personalización, grazas á cantidade de plugins e temas dispoñibles, tanto oficiais como desenvoltos pola grande comunidade de deseñadores e desenvolvedores ao seu redor.

Outras das súas potencialidades son o alto grado de actualizacións, vital en termos de seguridade, e a facilidade de uso, contando cun backend moi intuitivo a través do cal se pode manter actualizado o sitio web, personalizalo e engadir novo contido.

Entrevistas relacionadas

Entrevista : Caso de éxito de WordPress na empresa Badanamu

Para coñecer máis de preto a solución de mans de algunha empresa que a teña empregado nun entorno real, falamos cunha empresa que actualmente ten o seu sitio web desenvolto baixo esta tecnoloxía. Así coñeceremos de primeira man cales son as súas impresións respecto desta solución.

Como coñeceu WordPress?

Buscando na Internet solucións Open Source para crear unha páxina de empresa.

Cubriu totalmente WordPress as súas expectativas e necesidades?

Si. Diría que máis ben grazas ao provedor Initcoms, que á plataforma en si.

En caso de que non, que lle faltaría?

Un backend máis intuitivo.

Contratou vostede o desenvolvemento dalgún plugin a medida para adaptar WordPress ás súas necesidades?

Non.

Elixiu facer unha instalación propia de WordPress ou está a empregala como servizo na nube? Por que?

Propia.

Que vantaxe ou vantaxes supuxo a implantación de WordPress para o seu negocio?

Temos unha solución que realiza todo o que precisamos actualmente para o noso negocio en liña.

Recomendaría o uso de WordPress a outra empresa?

Cremos que cada proxecto ten as súas particularidades e hai que analizar que solución é máis apropiada en cada caso.

Sabía o que era o Software Libre antes de implantar WordPress?

Si.

Tivo algún peso na elección da solución que esta fose Software Libre?

Si.

Valorou algunha outra alternativa?

Si.

De ser así, que foi o máis determinante á hora de escoller esta e non outra?

A recomendación da empresa que nos desenvolveu a tenda en liña.

Entrevista: Análise de WordPress polo provedor galego Initcoms

Analizada a ferramenta toca ver opcións que nos axuden a implantala se non temos os coñecementos necesarios. Por sorte o tecido empresarial galego é rico en opcións no ámbito do software libre, así contactamos cunha empresa galega que ofrece servizos sobre WordPress, Initcoms. Entrevistámola tamén para coñecer a súa opinión da ferramenta dende o punto máis técnico.

A que tipo de clientes vai dirixido WordPress? A que tipo de negocio lles pode ser útil esta solución?

Empresas ou autónomos que precisen un sitio web corporativo polo medio do cal dar a coñecer a súa actividade ou ofrecer servizos e produtos, levar a cabo acciones de posicionamento e inbound marketing a través da creación dun blog ou poñer en marcha un eCommerce cunhas características definidas.

Como diría que se atopa WordPress respecto de alternativas privativas en termos de madurez e funcionalidade?

Moi maduro.

Que porcentaxe de casos de uso cubre WordPress?

45%

Canto pode supoñer en aforro de licenzas o emprego de WordPress?

Dependerá do tipo de licenza contratada, pero sen dúbida un aforro anual considerable.

Que vantaxes achega respecto doutras solucións?

Facilidade de uso, rapidez de desenvolvemento e implantación, versatilidade debido ao número de modelos e plugins existentes, excelente optimización SEO.

Que vantaxes achega respecto doutras solucións privativas?

Todas as vantaxes derivadas do uso dunha solución open source.

Que servizos ofrece a súa empresa sobre WordPress?

  • Deseño e desenvolvemento de sitios webs corporativos.
  • Creación e mantemento de blogs.
  • Estratexias de inbound marketing e posicionamento.
  • Deseño e desenvolvemento de proxectos eCommerce.

Ten desenvolvido algún plugin para WordPress? Liberouno?

Si temos feito algún desenvolvemento pero non foi liberado polo momento.

Ofrece vostede esta solución como SaaS?

Polo momento non.

En caso negativo, porque non?

Non o consideramos unha opción adecuada para os nosos clientes.

Canto cre que inflúe nos seus clientes o que WordPress sexa Software Libre?

Cada vez son máis os que coñecen as vantaxes do software libre, principalmente o non quedar cautivos da empresa desenvolvedora e poder cambiar de provedor cando eles decidan sen ter que comezar de cero o proxecto cunha solución nova. Porén aínda existen moitos emprendedores e donos de negocio que descoñecen o que é o software libre e o que é software privativo, e cales son as súas diferenzas. Tal e como temos dito antes, aínda hai moito descoñecemento e incultura dixital entre as PEMES. Son necesarias máis accións de formación, divulgación e dixitalización de negocios.  

Aproveitando a entrevista queremos saber tamén que opinan as empresas TIC entrevistadas sobre o ecosistema de Software Libre galego:

Que opinión lle merece o tecido TIC galego?

Moi verde, falta información, difusión e concienciación entre as PEMES acerca da importancia do mundo dixital para mellorar a súa competitividade e garantir a súa supervivencia.

Na súa opinión, que iniciativas se deberían fomentar dende a administración para o fomento das TIC, e en particular do Software Libre, nas pemes?

Keynotes, talleres, demostracións, formación… todo tio de accións encamiñadas a implicar ás PEMES no uso das TIC e beneficios para os seus negocios. O principal problema é a falta de implicación das PEMES debido ao seu descoñecemento acerca da importancia de adaptarse á contorna dixital.

Balance do Plan de Acción 2023

1 Decembro 2021 Informe

Plan de Software Libre 2023

1 Decembro 2021 Informe

#PlanDeAccion #IA #InformesDeUsoAnuais

Tendencias
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal