XEA-CeMIT, aplicación de xestión da rede CeMIT, facilita a xestión de todos os recursos da rede, adaptándose ás necesidades de axentes TIC e usuarios. Por unha banda, a aplicación permite aos usuarios a consulta sobre todas as actividades de formación que se ofertan nos distintos centros da rede, a inscrición nas mesmas, o apoio para a súa realización e a obtención de certificados de aproveitamento dos mesmos. Por outra, facilita aos axentes TIC, responsables dos centros e das actividades a organización da súa actividade diaria.

XEA é unha adaptación, desenvolvida por Fundetec para a Amtega, da aplicación ISIS que Fundetec desenvolvera previamente para a xestión do programa CyLDigital da Junta de Castilla y León.

Co obxectivo de facer extensible os beneficios desta reutilización de software a toda a comunidade, a Amtega iniciou a colaboración con Fundetec a fin de publicar a aplicación XEA-Cemit no Repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia.

A rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega que integra un total de 98 aulas, repartidas por toda a xeografía galega, e que ten por obxectivo a redución da fenda dixital, impulsando, ofreciendo formación pública e gratuíta en novas tecnoloxías a cidadáns e empresas. A rede CeMIT ten rexistrados máis de 40.000 usuarios e leva impartidas máis de 144.000 horas de formación.

Pin It on Pinterest

Share This