QGIS é un Sistema de Información Xeográfica (SIX) de escritorio. Os SIX, tamén coñecidos como GIS (do inglés Geographic Information System) son sistemas que nos permiten capturar, visualizar, analizar, modificar e compartir información xeográfica.
Estes sistemas empréganse en diversos ámbitos, como poden ser: a ordenación do territorio e urbanismo, xestión de recursos, loxística, transporte, desenvolvemento sostible…
As principais funcionalidades de QGIS son:
- Visualización de datos tanto vectoriais como imaxes.
- Creación, edición e xestión de datos con diversas ferramentas.
- Publicación de mapas seguindo os estándares OGC.
- Extensible mediante plugins.
- Consola de Python con posibilidade de automatización de tarefas mediante scripts.
QGIS trátase dunha aplicación multiplataforma que está traducida tanto ao galego coma ao castelán. Programada principalmente na linguaxe C++, baseada nas bibliotecas QT e con licenza GPL.
Esta aplicación conta con dúas versións con soporte, unha versión máis moderna coas últimas novidades e outra versión máis estable e con un soporte máis longo no tempo, esta última, que se coñece como LTR (Long Term Release), é a que está recomendada para contornas de produción.