Drupal é un xestor de contidos, de software libre baixo licenza GPL, modular e moi configurable, que permite despregar, configurar e publicar unha páxina web ou portal, así como agregar, eliminar ou editar os contidos do sitio web dende unha interface web fácil de utilizar, admitindo contidos en múltiples formatos como texto, imaxes, vídeos e demais ficheiros.
Drupal está liberado baixo os termos da licenza GPLv2 e programado nas linguaxes de programación PHP e JavaScript. Destaca pola calidade do seu código e das páxinas xeradas, o respecto aos estándares web, as súas posibilidades de extensión, a dispoñibilidade de 100 idiomas entre os que se atopan o galego e o castelán, así como por ter unha comunidade de desenvolvemento moi activa. Entre os seus principais usos destacan:
- Portais comunitarios
- Foros de discusión
- Sitios web corporativos
- Aplicacións de Intranet
- Directorios de recursos
- Bibliotecas e ficheiros
- Sitios de redes sociais
- Aplicacións de comercio electrónico