O proxecto DESOURB, (Desenvolvemento Sostible Urbano), ten como obxectivo a definición dun modelo innovador de planificación e xestión territorial baseado en indicadores. A iniciativa, desenvolvida polo Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia, xunto co Eixo Atlántico do Noroeste peninsular a través de Eixoecologia (Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular), está financiada con fondos europeos do “Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal” (POCTEP).

Como parte do proxecto desenvolveuse unha plataforma informática en web, que permite a captura e introdución de información, tanto en soporte alfanumérico como xeográfico, necesaria para a realización dos diagnósticos, establecer obxectivos ou monitorizar os resultados das accións realizadas en base a índices e indicadores. A aplicación permite o cálculo automático destes indicadores, dende os que comprenden cálculos máis sinxelos, ata os máis complexos que requiren operacións con datos xeográficos. Ademais, permite a incorporación, definición e creación de novos indicadores por parte dos usuarios da plataforma.

Todo este traballo ten como finalidade última dispoñer dunha ferramenta que permita a harmonización e centralización da información territorial nun único punto, para difundila ao público dun xeito sinxelo. A información está organizada en proxectos categorías, temas e indicadores e os usuarios de internet poden visualizar, consultar, descargar e imprimir os datos que están dispoñibles en forma de táboas, gráficos, mapas e informes.

É unha ferramenta de monitorización da xestión do territorio, que foi desenvolvida en código aberto de tal xeito que pode ser empregada por distintas administracións ou organizacións facendo as adaptacións necesarias sobre a base xa executada.

Pin It on Pinterest

Share This