BigBlueButton, é un sistema de conferencias web que proporciona unha solución de conferencias, está especialmente deseñada para o mundo da aprendizaxe en liña, pero serve para calquera tipo de conferencia.
A aplicación está liberada baixo os termos da LGPL-3.0 e está desenvolvida principalmente con JavaScript, Java e Scala cumprindo cos estándares HTML5 e WebRTC. A solución é unha aplicación web que se pode instalar en infraestrutura propia ou tamén se pode utilizar un servizo ofrecido por terceiros. Por parte do usuario, o único necesario para empregar a aplicación é ter un navegador moderno e conectarse ao enderezo onde se atope aloxada a aplicación.
A solución vai máis alén dunha simple conferencia e ten unha serie de ferramentas que amplían as funcionalidades da mesma. Algunhas destas características adicionais son:
- Ferramenta de enquisas para realizar votacións durante conferencias.
- Chat para a comunicación por escrito aos integrantes dunha conferencia, a comunicación pode ser tanto de forma grupal e pública como de xeito privado.
- Compartir imaxes, diapositivas, vídeos…
- Sobre as presentacións e imaxes pódese sinalar, pintar, escribir e destacar partes, accións que tamén se poden utilizar a modo de encerado virtual.
- Gravar da conferencia para a súa posterior publicación.
- Integracións varias con solucións como Moodle, Sakai, Drupal, Chamilo, Redmine, WordPress…