Audacity é unha solución multiplataforma para a edición de son que está licenciada baixo os termos da licenza GPL versión 2 e programada fundamentalmente con C e C++, conta con versións para GNU/Linux, Windows e MacOS.
Trátase dunha aplicación de escritorio moi consolidada e fácil de usar que está desenvolvida por un grupo de voluntarios e xestionada de forma comunitaria.
As características máis destacables de Audacity son:
- Realización de gravacións mediante micrófono, mesturador ou calquera outra fonte de son virtual ou física.
- Importación e exportación en múltiples tipos de ficheiros.
- Alta calidade do son soportando 16, 24 e 32 bits de profundidade.
- Edición de son de forma sinxela con operacións como cortar, copiar, pegar, borrar… que se poden desfacer e refacer sen límite.
- Biblioteca de efectos con previsualización en tempo real.
- Análise do son mediante espectrograma con detalle da análise de frecuencias do son.
- Características ampliables mediante o uso ou o desenvolvemento de plugins.
- Soporte para escribir scripts con varias linguaxes entre as que se atopan Python ou Perl.