Premio ao mellor proxecto universitario libre 2017

Libera o teu proxecto Fin de Carreira, traballo de Fin de Grao ou traballo de Fin de Master como Software Libre e participa!

Ata o 30 de setembro!

Inscríbete xa!!

Preguntas máis frecuentes

Por que fomentamos esta iniciativa?

A Amtega asume a convocatoria e organización deste importante premio dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do Software Libre na cidadanía galega recollidas no Plan de Acción en Materia de Software Libre.

Así a Amtega recolle a testemuña da organización das anteriores edicións pola empresa Igalia co obxectivo de integrar neste premio a todos os axentes do ecosistema do software libre galego coa mesma estratexia global e integradora transversal a todas as actuacións de dito Plan de Acción.

Con esta iniciativa a Amtega desexa continuar premiando a labor que están a realizar os universitarios galegos á vez que se pon en valor o traballo que realizan durante o seu Proxecto Fin de Carreira.

Cal é o obxectivo deste premio?

O obxectivo é o fomento e o achegamento dos universitarios galegos ao software libre, incrementando o coñecemento que estes teñan sobre este tipo de tecnoloxías e en consecuencia abríndolles as portas a novas posibilidades de emprego de calidade relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación.

Ademáis das cuestións éticas e de compartición do coñecemento relacionadas co SwL, éste é un área de traballo en crecemento. Con esta iniciativa desexamos premiar a labor que están a realizar os universitarios galegos á vez que se pón en valor o traballo que realizan durante o seu Proxecto Fin de Carreira.

Quen pode participar?

Calquera estudante matriculado nalgunha das titulacións de enxeñería ou enxeñería técnica, titulacións de grao ou mestrado do Sistema Universitario Galego que teña presentado e defendio o seu Proxecto Fin de Carreira, Proxecto Fin de Grao, Proxecto de Mestrado cunha nota mínima de 5.0, nalgunha das convocatorias do ano académico en curso, ben sexa ordinaria ou extraordinaria, sempre que sexa fóra avaliado antes da data límite de inscrición.

Pode presentarse calquera Traballo de Fin de Carreira?

Ademais dos requisitos de titulación indicados en quen pode participar, os únicos requisitos que debe ter o traballo para poder participar son:

  1. Que sexa realizado cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación.
  2. Que o software desenvolvido durante o mesmo teña unha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative.
Teño un proxecto realizado no meu tempo persoal, ¿podo participar no premio?

É estupendo ver que a comunidade de desenvolvedores de software libre galega medra día a día.

Para nós sería estupendo poder contar coa participación de proxectos desenvolvidos no tempo libre ou relacionados con proxectos de prácticas ou doutros estudos non contemplados nas bases xa  que un dos obxectivos desta inciativa é fomentar a participación en proxectos de Software Libre, mais debido á complexidade que tería avaliar os distintos tipos de traballos, neste concurso só poden participar os Traballos de Fin de Carreira de titulacións de Enxeñería, Enxeñería Técnica, Grao ou Máster.

Que criterios serán avaliados para conceder o Premio?

O xurado, á hora de tomar a súa decisión, terá en conta os seguintes aspectos:

  • Nivel de actividade pública do traballo. Valorarase a publicación continua do traballo, ben sexa utilizando as listas de correo dun proxecto existente, as da forxa de mancomun.org ou calquera outro medio web, coma por exemplo blogs persoais; a colaboración con outros proxectos de software libre, a creación de comunidade, etc.
  • Uso adecuado dunha licenza libre: valorarase a correcta elección dunha licenza libre e posterior aplicación da mesma ao código do proxecto.
  • Calidade do proxecto: deseño e implementación.

Hai que recordar que este premio non trata só de recompensar a un proxecto tecnicamente bo, senón a un bo proxecto de software libre.

Quen formará o xurado do Premio?

O xurado estará composto por:

  • Xunta de Galicia (2 persoas): Representante da AMTEGA ou persoa na que delegue e Responsable da Oficina de Coordinación de Software Libre ou persoa na que delegue.
  • Universidades galegas (3 persoas): os directores/decanos das tres escolas/facultades de informática, ou a persoa na que deleguen.
  • Asociación GPUL (1 persoa): Presidente da asociación GPUL ou persoa na que delegue.
Compite en igualdade de condicións o meu proxecto de fin de carreira dunha enxeñería técnica cun Traballo de fin de mestrado?

É perfectamente posible que un traballo dunha titulación de primeiro ciclo gañe o concurso. O xurado non diferencia entre titulacións.

Nos criterios de avaliación, ademais de valorarse criterios técnicos de calidade, primaranse fundamentalmente os aspectos específicos de Software Libre indicados nos criteiros de avaliación, polo que queda totalmente á marxe a titulación da que proveña o estudante.

De feito se se revisan os premios outorgados en anos anteriores pode verse que hai gañadores tanto de titulacións de Enxeñerías Superiores como Técnicas, e mesmo de carreiras que non teñen relación co desenvolvemento de Software como pode verse no segundo premio do ano 2013, que correspondeu a un proxecto de Belas Artes.

En qué consiste o premio?

O premio consiste nunha dotación económica de 1,500€. Ademais, se o xurado o considerase adecuado, podería ser tamén entregado un segundo premio de 750€.

O concurso poderá ser declarado deserto no caso de que ningún dos presentados reúna a calidade mínima necesaria.

Cal é a mellor licenza para o meu Proxecto Fin de Carreira (PFC)?

Non hai unha licenza mellor ou peor, o único requisito é que sexa libre. Aínda que a máis usada é a GPL, podes elexir calquera das aprobadas como libres pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative.

Podo elexir a licenza que desexe para o meu PFC? Non é incompatible coa normativa universitaria?

Se tes dúbidas sobre o licenciamento do teu proxecto o mellor que podes facer é preguntar directamente ao teu titor ou no teu centro. De todos modos, logo de contactar cos responsables das facultades de informática e revisar a normativa vixente, vemos que é perfectamente posible elexir unha licenza de software libre para os Proxectos Fin de Carreira nas universidades galegas.

Como se aplica a licenza elixida ao código do PFC?

Unha vez escollida a licenza, é preciso indicalo na páxina principal do proxecto. Non fai falla incluír o texto completo da licenza, é dabondo con poñer o seu nome cunha ligazón ao texto completo. Isto ten un fin divulgativo, para facilitar que os futuros usuarios coñezan cal é a licenza mais non é suficiente con fins legais.

Para iso, o software en si mesmo debe conter a licenza. A maneira habitual de facelo é acompañar o código cun ficheiro denominado COPYING ou LICENSE, e poñer un aviso no cabezallo de cada ficheiro de código fonte, indicando data do copyright, autor e licenza usada e indicando onde atopar o texto completo.

O libro “Como levar a cabo con éxito un proxecto de software libre” de Karl Fogen, traducido ao galego pola asociación Ghandalf no ano 2010, pode ser unha excelente lectura para axudarvos na tarefa de desenvolvemento do voso PFC en Software Libre.

Se tedes aínda dúbidas, podedes consultalas na lista de correo do premio na que calquera dos colaboradores poderá asesorarvos.

Cal é a data límite de inscrición?

A inscripción poderase realizar ata o 30 de setembro de 2017, a través do formulario web desta mesma páxina. Lembrar que para considerarse correctamente inscrito nesa data cómpre ter realizado TODOS os pasos do proceso de inscrición, non só cubrir o formulario. Cómpre resaltar que o proceso de alta do proxecto na Forxa pode durar un día, polo que recomendamos non deixar este paso para o último momento.

Cales son os pasos necesarios para a inscrición?
  1. Inscribir o proxecto na forxa de mancomún no tópico “Concursos > Premio ó mellor PFC con Software Libre > 2017
  2. Darse de alta na lista de correo do premio.
  3. Cubrir o formulario de inscrición.
  4. Entregar unha memoria (máximo 10 páxinas) explicativa dos aspectos específicos do Software Libre e actividade pública do proxecto antes da data límite de inscrición
Como me dou de alta na forxa de mancomún?

Para dar de alta o proxecto na forxa de mancomún, hai que realizar os seguintes pasos:

  1. Darse de alta como usuario [PNG] [PDF]
  2. Rexistrar o PFC na forxa [PNG] [PDF]
  3. Rexistrar o PFC na categoría Premio ó mellor PFC con SwL (ano 2017) [PNG] [PDF]

Existen outros manuais e guías visuais na forxa de mancomún para introducirse no seu uso.

Utilizo outras forxas ou repositorios para xestionar a actividade do meu proxecto, ¿é necesario dalo de alta na forxa de mancomún?

Utilizar outros repositorios non é un problema nin unha traba para a participación no premio. Aínda que no día a día do proxecto utilices outras ferramentas de xestión, é preciso dalo igualmente de alta na forxa de mancomún na sección “Premio PFC Sw Libre > 2017“.

Neste caso, o que debes facer é que no proxecto creado na forxa estea visible a ligazón ao código de forma que sexa posible acceder a el facilmente sen necesidade de descargar a memoria para localizar a url do repositorio empregado.

A nosa recomendación é que se inclúa a URL na descrición do proxecto e tamén modificar o campo Páxina inicial do proxecto. Para isto, unha vez creado o proxecto, acceder ao mesmo e na pestaña Administración – Información do proxecto modifícase o campo “Ligazón á páxina de inicio” para que apunte ao repositorio. Isto último tamén se pode facer se se ten páxina web propia para o proxecto, o un blog, etc.

Onde se entregará o Premio?

Ademais da memoria, os finalistas terán que realizar unha presentación do PFC ante o xurado nun acto público no que se determinará o gañador do premio.

Este acto anunciarase coa debida antelación aos candidatos seleccionados, indicando data e lugar de celebración.

Documentación de apoio

Material de axuda para desenvolver o proxecto acorde aos criterios que se valoran no premio, os principios de traballo do software libre.

Pin It on Pinterest