Plan de Software Libre 2021

A Amtega renova un ano máis a súa aposta polo uso do software libre. O plan de acción en software libre 2021 presentado neste documento recolle as distintas actuacións que se desenvolverán para o fomento, promoción e difusión de solucións tecnolóxicas baseadas en software libre no sector empresarial, o achegamento do software libre ao conxunto da sociedade e o fomento da reutilización do software na administración pública.

Estas actuacións serán desenvolvidas un ano máis contando coa colaboración de diferentes axentes do tecido do software libre en Galicia como son a asociación de empresas de software libre de Galicia (AGASOL), as asociacións de usuarios e usuarias de software libre (AGUSL), as universidades galegas (CIXUG), os colexios profesionais de informática, etc. Todos eles contarán co apoio da AMTEGA e a súa Oficina de Software Libre para maximizar a coordinación e obtención de resultados.

No ámbito empresarial, o Centro Demostrador TIC continuará a ser o elemento central ao redor do que pivotarán as actuacións de fomento das TIC en xeral e do Software Libre en particular. As actuacións enfocaranse a promover a oferta de solucións de calidade baseadas en software libre dirixida ás empresas, a través de sesións demostradoras no propio centro, a través da difusión a través do portal mancomun.gal ou a través da posta a disposición de novas solucións no Centro Demostrador TIC Virtual. Os estudos do Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA) sobre a evolución do uso do software libre serven de base para coñecer e responder o máis axeitadamente posible as necesidades das empresas galegas.

No eido da reutilización de software libre na administración pública, as principais liñas de actuación consistirán en manter a aposta pola reutilización de software para o desenvolvemento de novos servizos, a difusión entre os responsables TIC de casos de éxito doutras administracións públicas, a difusión dos casos de éxito propios fóra da nosa comunidade así como a publicación e liberación de dúas novas solucións de software desenvolvidas pola Xunta de Galicia.

Por ultimo, no ámbito da cidadanía cómpre destacar as actuacións que se promoverán a través da Rede CeMIT, a colaboración coas AGUSL e o CIXUG no eido universitario manteranse as actuacións de fomento e difusión do software libre. Reforzarase a difusión do software libre para a cidadanía, igual que no caso das empresas, a través do portal mancomun.gal, incorporando novos medios de difusión potenciando a elaboración de material audiovisual, que complemente as outras liñas de actuación.

Pin It on Pinterest

Share This