Sábado, 16 Marzo 2019

Plan de Software Libre 2019

PDF

O Plan anual de Software Libre recolle todas a actuacións que levarán a cabo os distintos axentes para o fomento, promoción e difusión desta forma de entender o desenvolvemento de software e hardware, en aberto e a través da colaboración.

As actuacións aquí recollidas son levadas a cabo polos diferentes axentes que conforman o tecido de software libre en Galicia, asociacións de usuarias e usuarios de software libre, asociacións de empresas, colexios profesionais, universidades, etc… todas elas apoiadas pola administración a través da AMTEGA e a súa Oficina de Software Libre, exercendo como cabeza tractora para que todas estas actuacións cheguen aos seus destinatarios: A propia administración pública, o tecido empresarial e a cidadanía.

O impulso do software libre, que representa a innovación, a aposta polos estándares abertos, que permiten a interacción entre sistemas sen prexuízo da escolla tecnolóxica, e o fomento da reutilización de solucións, son as tres claves que permiten o impulso da sociedade da información nesta nova era na que nos atopamos xa de cheo.

O tecido galego de software libre é o encargado desta difusión a través de diferentes actividades repartidas a través de toda a xeografía galega. Este tecido, rico en variedades e formas, permite a través de actividades locais, orientadas a perfís diferentes, sumar e alcanzar a unha grande cantidade de público obxectivo, garantindo así unha importante oferta para todo tipo de colectivos.

impulso polo uso de ferramentas de software libre na propia administración permite tamén un maior grao de cumprimento do uso de estándares abertos, o que permite que a comunicación entre os diferentes sistemas e tamén entre os diversos actores coa administración sexa máis sinxela.

O fomento da reutilización de solucións implica primeiro a necesidade de establecer unha vixilancia tecnolóxica, entendida como a necesidade de coñecer as iniciativas que se están a levar a cabo en outras administracións, así como as novas ferramentas dispoñibles. A través da Oficina de software libre da Amtega lévase a cabo esta vixilancia tecnolóxica que da lugar por exemplo á publicación mensual de dous boletíns con información sobre o uso de ferramentas de software libre e casos de éxito enfocados tanto á propia administración como ao tecido empresarial galego.

Pero para que se poidan reutilizar solucións, estas teñen que ser publicadas con licenzas de software libre. Por iso, a Xunta de Galicia ten o compromiso de publicar anualmente dúas solucións propias a través de licenzas de software libre, fomentado a súa reutilización así como a colaboración entre administracións para a súa mellora.

A difusión e posta en coñecemento das ferramentas dispoñibles no ámbito do software libre, así como os exemplos do seu uso por parte doutras entidades é determinante para a súa adopción. Por iso o portal Mancomún segue a xogar un papel moi importante ano tras ano na estratexia de difusión de software libre. Este portal seguirá a medrar, recollendo información sobre novas solucións e casos de éxito. Ademais adaptarase aos hábitos de consumo de información, ofrecendo o seu contido en formatos diversos, novas, artigos técnicos, comparativas, listados de solucións, boletíns, e tamén empezando a incorporar novos tipos de contido máis demandados actualmente como son os multimedia, a través do seu podcast, formato sonoro no que se recollan resumos da actividade no portal, entrevistas e resumos de eventos que teñen lugar no mundo do software libre.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal