Plan de Software Libre 2018

A Axenda Dixital 2020 recolle o Software Libre como unha ferramenta transversal para a consecución dos obxectivos marcados.

O impulso do uso do software libre e de estándares abertos e fomento da reutilización de solucións, serán ferramentas para garantir a interoperabilidade dos sistemas informáticos e achegar a tecnoloxía á sociedade evitando a dependencia de determinados provedores TIC e os custes recorrentes.

Neste contexto a Amtega mantén a súa aposta polo uso do Software Libre, plasmada neste plan de acción de software libre 2018, investindo no seu fomento como recurso para mellorar a eficacia acadada na administración.

Os eixes principais de actuación son a administración pública, o tecido empresarial e a cidadanía, e en torno a estes eixes de actuación defínense unha serie de accións, que como vén sendo habitual desenvolveranse en colaboración con distintos axentes do ecosistema do Software Libre galegos.

No eixe de actuación da propia administración pública, a Amtega impulsa a reutilización de software e contidos e achega aos responsables TIC información sobre casos de éxito doutras administracións públicas, ademais de facer difusión dos casos de éxito propios. Tamén se promove a reutilización a través da sindicación da forxa de mancomún co Catálogo do CTT e de Joinup, o portal europeo da reutilización.

A Xunta de Galicia quere ser referencia e exemplo de políticas de eficiencia e bo uso de tecnoloxías libres grazas á implantación de solucións de software libre na súa infraestrutura tecnolóxica, que reportan un considerable aforro e mellora de produtividade. Neste sentido, adquírese o compromiso de publicar o software que se desenvolve internamente como Software Libre, co obxectivo de fomentar a súa reutilización e establecer relacións con outras administracións e entidades estatais e europeas para colaborar en materia de Software Libre. Este compromiso implica a publicación de dúas novas solucións de software desenvolvidas pola Xunta de Galicia.

Ademais, continuarase coa prestación de servizos implantados nos últimos anos en materia de asesoramento na implantación de Software Libre, formación en tecnoloxías libres aos empregados públicos e a promoción do uso de estándares abertos en todos os novos desenvolvementos.

No ámbito empresarial, o Centro Demostrador TIC é o elemento vertebrador das actuacións de fomento das TIC en xeral e do Software Libre en particular. As actuacións enfocaranse a promover a oferta de solucións de calidade baseadas en software libre dirixida ás empresas, para favorecer a súa mellora en eficacia e competitividade. Esta actividade será reforzada ademais co Centro Demostrador TIC Virtual potenciando o seu actual catálogo de solucións libres con novas aplicacións á disposición das empresas, buscando sempre aquelas que sexan máis demandas polas empresas, atendendo aos estudos do Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA) como base para coñecer e responder o máis axeitadamente posible as necesidades das empresas galegas.

Por outra banda, no ámbito da alfabetización e capacitación avanzada da cidadanía cómpre destacar as actuacións que se promoverán a través da Rede CeMIT, a colaboración coas Asociacións de Usuarios de Software Libre de Galicia, e no ámbito educativo as actuacións realizadas a través do proxecto Abalar, e aquelas en colaboración co CIXUG no eido universitario.

Por último, seguirase facendo fincapé na difusión do software libre tanto para empresas como para a cidadanía, con novos servizos como boletíns periódicos con novas e casos de éxito de Software Libre, mantendo como referencia de software libre en Galicia o portal Mancomun.

Pin It on Pinterest

Share This