Balance do plan de acción 2018

A avaliación das actividades realizadas así como a análise dos obxectivos alcanzados son dous piares fundamentais de toda estratexia de mellora continua. Por esta razón, a AMTEGA vén realizando cada ano estas dúas prácticas como eixo fundamental da súa política de software libre.

Neste documento recóllense pois as principais actuacións levadas a cabo durante o ano 2018 e os principais fitos alcanzados no impulso e difusión do software libre.

No ámbito das administracións públicas, destaca a reutilización e liberación de software como unha das políticas fundamentais no ámbito da administración pública. Este ano liberouse un novo proxecto como software libre por parte da Xunta de Galicia.

No que respecta ás actuacións dirixidas ao tecido empresarial galego, destacar que o Centro Demostrador TIC segue a ser o punto de referencia que aglutina a maioría delas. O 95% da oferta formativa impartida estivo relacionada con tecnoloxías libres ou ben con metodoloxías ou tecnoloxías TIC de carácter xenérico. Durante o 2018 un total de 122 empresas galegas beneficiáronse da participación nas actividades desenvolvidas sobre solucións de software libre. O Centro Demostrador TIC Virtual incorporou unha nova solución ao seu catálogo. Pola súa parte a difusión de solucións TIC, artigos tecnolóxicos e entrevistas de casos de éxito tivo un importante impulso no portal mancomun.gal durante o 2018.

O estudo da presenza do software libre no tecido empresarial demostra que estas actuacións están a ser efectivas. Así o uso de software libre nas empresas galegas continúa a ser moi alto cun aproximadamente 90% de empresas de máis de 10 empregados as que usan software libre nos seus equipos e un 60% no caso das microempresas galegas.

No relativo á cidadanía en xeral, podemos destacar que durante este ano continuouse mellorando o portal Mancomún, tanto en contidos como en organización dos mesmos. Pola súa parte, grazas á colaboración cos diferentes axentes do software libre de Galicia conseguiuse a realización dun total de 121 actividades ao longo da xeografía galega. Todas estas actividades foron de carácter gratuíto e abertas ao público xeral relacionadas con temáticas diversas tanto no ámbito do software como do hardware libre.

Por último, no apartado de formación cómpre destacar que durante o ano 2018 participaron unhas 31350 persoas en actividades de formación e difusión de software libre nun total de máis de 41800 horas.

Pin It on Pinterest

Share This