Balance do plan de acción 2017

A avaliación das actividades realizadas e o exame de obxectivos alcanzados son dous piares fundamentais de toda estratexia de mellora continua. Así, a AMTEGA vén realizando cada ano estas dúas prácticas como eixo fundamental da súa política de software libre, presentando a través deste balance, as iniciativas levadas a cabo e os principais fitos alcanzados no impulso e difusión do software libre.

Estas iniciativas enmárcanse na estratexia recollida na Axenda Dixital de Galicia 2020 (ADG2020), na que o software libre aparece como un dos principios fundamentais para acadar a xestión eficiente da administración.

O impulso do uso do software libre e de estándares abertos e o fomento da reutilización de solucións, serán ferramentas para garantir a interoperabilidade dos sistemas informáticos e achegar a tecnoloxía á sociedade evitando a dependencia de determinados provedores TIC e os custos recorrentes.

Neste documento recóllense as principais actuacións levadas a cabo durante o ano 2017, atendendo ao recollido no Plan de Acción de Software Libre, divididas entre tres eixes fundamentais: A administración pública, o tecido empresarial e a cidadanía.

No ámbito das administracións públicas, destaca o proceso de migración progresivo dos postos de traballo cara ao paquete ofimático corporativo LibreOffice, co obxectivo de consolidalo como o software ofimático de referencia dentro dos criterios corporativos para a homoxeneización dos postos instalados.

A reutilización e liberación de software segue a ser unha das políticas fundamentais no ámbito da administración pública. Este ano liberáronse dous novos proxectos como software libre por parte da Xunta de Galicia, no que cómpre salientar ademais a colaboración coa comunidade de Ansible cunha contribución directa no proxecto upstream.

O Centro Demostrador TIC segue a ser o punto de referencia que aglutina a maioría de actuacións dedicadas ao tecido empresarial galego. Máis de 70 empresas galegas beneficiáronse das súas actividades durante o ano 2017, así mesmo destaca tamén o Centro Demostrador TIC Virtual, no que se despregaron dúas novas solucións de software libre, dispoñibles para que calquera persoa ou entidade as poida avaliar de xeito sinxelo e sen necesidade dunha infraestrutura propia.

O software libre segue a medrar en presenza dentro do tecido empresarial, como se demostra a través dos estudos do Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización de Galicia (OSIMGA). Nos datos correspondentes ao ano 2017 amósase una tendencia crecente no emprego de software libre, chegando xa ata case un 55% nas empresas de menos de 9 empregados, e ata máis do 88% nas de máis de 10 empregados.

No tocante ao apartado da cidadanía, este 2017 foi o ano da actualización do portal Mancomún, sitio web que aglutina toda a información relativa ao software libre en Galicia dende hai máis de 10 anos.

A través dos diferentes convenios de colaboración cos axentes do software libre en Galicia, leváronse a cabo máis de 100 actividades en diferentes puntos de Galicia, abertas para todo o público, relacionadas con diversas temáticas tanto no ámbito do software como do hardware libre.

No apartado de formación cómpre destacar que no ano 2017 leváronse a cabo a través da Rede CeMIT máis de 3.700 activades nas que participaron algo máis de 30.000 persoas, das cales practicamente a súa totalidade (o 99%) estivo relacionada con ferramentas de software libre.

Pin It on Pinterest

Share This