• Mostraranse casos de éxito do uso de Software Libre en entidades do terceiro sector como a Coordinadora Galega de ONGD, CUAC FM ou Enxeñaría sen Fronteiras
  • A Xornada, organizada pola Amtega, celebrarase no Edificio CINC na Cidade da Cultura, o vindeiro xoves, 22 de outubro, a partir das 16.30
  • A asistencia é de balde, previa inscrición na web da xornada http://www.mancomun.org/xornadaterceirosector/
  • Os relatorios poderán seguirse co hashtag #softlibreONG

Cartel da xornadaA Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) celebra a tarde do 22 de outubro a “I Xornada de boas prácticas con Software Libre nas ONGs e Entidades de Acción Social”. O Edificio CINC da Cidade da Cultura acollerá relatorios sobre experiencias de implantación de Software Libre en diferentes entidades asociativas e sociais así como exemplos de uso de ferramentas de Software Libre no ámbito da cooperación e inclusión social.

A xornada desenvolveranse en horario de 16.30 a 20.30 como peche do ciclo formativo de Software Libre para o terceiro sector no marco das actividades do Programa de Voluntariado Dixital e do Plan de Software Libre 2015 da Amtega.

Trátase dunha xornada de intercambio de experiencias na que se contará tanto coa visión técnica de profesionais TIC, como coa visión de usuario final das propias entidades.

O programa do evento atópase dispoñible na páxina web da xornada.

Programa

Os relatorios impartidos por persoas voluntarias e responsables das entidades do terceiro sector analizarán a experiencia de proxectos como o voluntariado con software libre nos centros penitenciarios de Galicia da asociación Melisa, a experiencia da migración a Software Libre na Coordinadora Galega de ONGDs desenvolvida polo Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL) ou a implantación de Software Libre en CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña.

Así mesmo iCarto presentará o uso de tecnoloxías de información xeográfica libre en proxectos de Cooperación para o Desenvolvemento e Enxeñería sen Fronteiras compartirá a súa experiencia na xestión de persoas socias e voluntarias empregando software libre coa ferramenta CiviCRM.

Como peche da xornada o relatorio Voluntariadogalego.org fará un recorrido dos anos de vida do portal da Dirección Xeral de Voluntariado.

Así pois nesta xornada ONGs, ONGDs, asociacións e colectivos de voluntarios compartirán o uso que fan sobre ferramentas libres como o sistema operativo GNU/Linux, o paquete ofimático LibreOffice, o software de edición de audio Audacity, a nube de almacenamento de arquivos OwnCloud, o xestor de contidos web WordPress ou o xestor de información xeográfica gvSIG.

En resumo, esta xornada vai dirixida a aquelas entidades e profesionais que consuman, desenvolvan, precisen, compartan, melloren, queiran e crean que o software libre teña un papel relevante no presente e no futuro do Terceiro Sector.

O evento está aberto a todos os interesados e a asistencia é de balde, pero por limitacións de aforo para participar nesta xornada cómpre inscribirse na web (http://www.mancomun.org/xornadaterceirosector/) a través do sistema de xestión do Centro Demostrador TIC.

A xornada poderá seguirse tamén a través do twitter co hashtag #softlibreONG e vía streaming a través da web da xornada.

Actividades para o terceiro sector

Esta “I Xornada de boas prácticas con Software Libre nas ONGs e Entidades de Acción Social” pecha o ciclo de actividades formativas dirixidas ao terceiro sector e organizadas pola Amtega que se veu desenvolvendo nas instalacións do Centro Demostrador TIC en colaboración con EAPN, Rede Galega contra a Pobreza.

Este ciclo formado por nove actividades especialmente pensadas para o sector da economía composto por entidades sen ánimo de lucro comezou o 10 de setembro e contou coa presenza de máis de 120 asistentes e que finalizará este 22 outubro con esta xornada de peche na que se relatan as experiencias de éxito no emprego do software libre.

Pin It on Pinterest

Share This