Xornada de achegamento ao software libre para profesionais e empresas TIC

Xoves, 15 Abril 2010

CNTG

O CNTG informa que o vindeiro xoves 6 de maio, en horario de 16:30 a 20:00 horas, terá lugar na sede do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo e Benestar, unha xornada de achegamento ao SwL para profesionais e empresas TIC.

A xornada tratará de achegar aos asistentes a potencialidade do software libre e a capacidade das súas ferramentas. O evento estrutúrase en tres módulos diferenciados nos que, o primeiro deles, fará fincapé en aspectos relacionados coa legalidade (licenzas) e modelos de negocio asociados ao SwL, para, a seguir centrarse en contidos relacionados co desenvolvemento e a administración de sistemas nos módulos segundo e terceiro respectivamente.

O evento está especialmente dirixido a persoal técnico, autónomos e/ou directivos de empresas TIC, tanto do sector privado como público, así como para o persoal desempregado técnico que teña interese na temática.

Os relatores son persoas de recoñecido prestixio na comunidade galega de software libre e ben coñecidos por todos nós:

  • Roberto Brenlla. Economista, usuario de software libre dende 1997 (Linux Registred User #124437). Socio fundador e presidente de AGNIX ata xullo de 2006. Promotor do GNIX. Fundador e socio consultor de TEGNIX, empresa especializada en software libre. Dende xuño de 2009 ostenta a presidencia de AGASOL (Asociación de empresas galegas de software libre.
  • Francisco Diéguez. Analista da oficina de software libre da USC. Conta coas seguintes certificacións: LPI-1, Zend PHP 5, Desenvolvedor MySQL: Certificado MSDEV II. Membro activo da comunidade de SwL en Galicia.
  • Óscar Casal. Administrador de redes e sistemas no departamento de Electrónica e Computación da USC onde é responsable da instalación e mantemento dos equipos e servidores OpenLDAP, IS, Samba, NFS, firewalls, servidores web e de correo, etc . Posúe as certificacións LPI-3, ITIL, CCNA.

O acceso á xornada é de balde e condicionado ao aforo do local.

É preciso, como sempre, realizar unha inscrición previa para o que primeiro hai que rexistrarse na web do CNTG, e logo inscribirse dende a ficha da xornada na sección acontecementos.

O prazo de inscrición rematará o mércores día 5 de maio.

Fonte: CNTG

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal