Xornada "Como licenciar e traballar con licenzas libres" en Vigo e Santiago de Compostela

Martes, 8 Outubro 2013

Cartel das xornada sobre licenzas da OSLSe ben é certo que cada vez hai un maior coñecemento e uso do Software Libre entre a cidadanía e as empresas, tamén é certo que o coñecemento sobre as distintas licenzas libres e sobre o procedemento axeitado para empregalas nos proxectos propios é aínda bastante deficiente.

Conscientes desta problemática, a OSL do CIXUG organiza para o vindeiro día 16 de outubro a xornada Como licenciar e traballar con licenzas libres.

A xornada celebrarase pola mañá, de 10:00 a 13:00 horas na Universidade de Vigo, na aula 4 do Edificio Miralles, e pola tarde de 17:00 a 20:00 horas no Centro de Novas Tecnoloxías de Santiago de Compostela.

O programa da xornada é o seguinte:

  • Carlos Gómez Otero – Comunidade universitaria e titularidade do software
  • Juan Julián Merelo – O software libre contado aos universitarios
  • Javier de la Cueva – Licenzas creativas
  • Mesa redonda – Como liberar as nosas obras

Esta xornada conta con relatores de recoñecido prestixio neste ámbito que tentarán botar luz sobre estas e moitas outras dúbidas sobre o uso das licenzas libres, por exemplo que licenza escoller?, estou condicionado polo software empregado para o meu proxecto?, cales son as implicacións da licenza escollida?, cales son os meus dereitos se publico cunha licenza libre?, como debo aplicar a licenza ao meu código?, é suficiente con poñer o meu código nunha forxa pública e dicir que é GPL?

Javier de la Cueva é licenciado en Dereito e máster en estudos avanzados en Filosofía pola Universidade Complutense de Madrid. Traballa como avogado. Nas súas mans estivo a defensa, entre outros, de Ladinamo (primeira sentenza que recoñeceu o Copyleft), de Sharemula (que confirmou que as webs de recompilación de ligazóns a ficheiros en redes p2p non cometen delitos) e de casos de redes p2p. É profesor da materia de propiedade intelectual no Grad de Creación Musical na Universidade Europea de Madrid. Creador e impulsor dos Procedementos Libres, co primeiro procedemento da demanda contra o canon nos soportes dixitais. Dedícase na actualidade, ademais do seu traballo como avogado, a programar diversos proxectos tecnolóxicos. Así mesmo é conferenciante, usuario de GNU/Linux desde 1998 e administrador de sistemas baixo dito sistema operativo desde 2003.

Juan Julián Merelo é director da Oficina de Software Libre da Universidade de Granada, que foi creada no ano 2008, e desde entón leva realizadas numerosas actividades para a difusión dos conceptos e filosofía do software libre nunha das universidades con máis alumnos e profesores de España.

Tamén se conta coa participación de Carlos Gómez Otero, Secretario Xeral Adxunto da USC, quen fará unha exposición sobre a quen pertencen o software orixinal realizado por alumnos, profesores e investigadores das universidades, tendo en conta os últimos cambios normativos en particular a Lei da Ciencia, da Tecnoloxía e da Innovación e tamén como transferir este coñecemento á Sociedade.

A asistencia ás xornadas é de balde e está aberta ao público en xeral, universitarios, empresas, … sendo soamente preciso inscribirse previamente por limitacións do aforo.

Esta xornada forma parte das actividades que a OSL do CIXUG realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluída no Plan de Acción de Software Libre 2013 da Xunta de Galicia.

Balance do Plan de Acción 2023

1 Decembro 2021 Informe

Plan de Software Libre 2024

1 Decembro 2021 Informe

#IA #PlanDeAccion #EntrevistasComunidade

Tendencias
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal