Ata o vindeiro día 26 de novembro é posible preinscribirse no curso Xestión de proxectos baseada en PMBoK con ferramentas libres que se impartirá no CNTG entre o 15 e o 19 de decembro en horario de tarde nun total de 25 horas.

Logo do CNTGO CNTG inclúe por primeira vez na súa oferta formativa este curso de Xestión de proxectos con software libre. O obxectivo do mesmo é achegar aos asistentes os coñecementos necesarios para trasladar os principios e procesos de xestión de proxectos propostos no PMBoK a unha contorna laboral empregando para isto ferramentas con licenza libre, tanto ferramentas de escritorio como ferramentas web.

Así, a través do uso de Redmine e ProjectLibre ensinarase a crear planificacións temporais, traballar con tarefas, dependencias, fitos, fases, recursos e custos. Tamén será obxecto de tratamento a configuración dunha ferramenta web para traballar de xeito colaborativo cos diferentes compoñentes da equipa do proxecto así como a creación de informes sobre os principais indicadores de progreso e estado.
O prazo de inscrición para esta acción formativa estará aberto ata o día 26 de novembro. Ofértanse un total de 20 prazas. A proba de selección terá lugar o día 3 de decembro en xornada de tarde.

O curso vai dirixido a perfís de profesionais iniciados/as na administración e xestión de proxectos e/ou a responsables de calendarizar, estimar, controlar, presupostar, contratar persoal para un proxecto etc… que desexen acadar un mellor coñecemento de como utilizar de xeito eficiente estas ferramentas para axudarlles na realización das súas responsabilidades profesionais. Esta acción formativa non é un curso en dirección ou xestión de proxectos. Trátase dunha actividade orientada a formar no manexo das ferramentas de software libre e que require uns coñecementos previos sobre os principios básicos da xestión de proxectos tradicional e PMBoK, habilidade no manexo de ferramentas de software e algunha experiencia en xestión de proxectos. Os contidos do curso son válidos para profesionais de calquera sector.

Pola asistencia a este curso outórganse 25 PDUs do Project Management Institute (PMI)

O programa completo do curso é o seguinte:

  • Conceptos básicos da xestión de proxectos
    • Natureza e alcance dun proxecto
    • Actividades, fitos e dependencias
    • Ciclos de vida e agrupación de actividades por fases
    • Asignación de recursos
    • Custos por recurso
    • Indicadores e informes de progreso
  • Xestión de proxectos con Project Libre
    • Creación dun proxecto
    • Creación dunha lista de actividades
    • Engadindo restricións, fitos e dependencias
    • Creación e asignación de recursos
    • Estimacións de esforzo e duración de actividades
    • Xestión dos custos
    • Seguimento e control dun proxecto
    • Creación de informes de proxecto
  • Xestión de proxectos con RedMine
    • Creación dun proxecto
    • Creación dunha lista de actividades
    • Engadindo restricións, fitos e dependencias
    • Creación e asignación de recursos
    • Estimacións de esforzo e duración de actividades
    • Xestión dos custos
    • Seguimento e control dun proxecto
    • Creación de informes de proxecto
  • Creación de roles e usuarios
    • Traballando colaborativamente coa equipa do proxecto
    • Traballando con múltiples proxectos
    • Creación de informes para a PMO
  • Outras ferramentas Open Source de xestión de proxectos
    • Comparativa entre ferramentas de xestión de proxectos Open Source
    • Criterios a ter en conta para escoller unha ferramenta de xestión
  • Pasos para implantar unha ferramenta de xestión de proxectos
    • Metodoloxías de xestión de proxectos
    • O cambio organizativo, alén da tecnoloxía
    • Por onde empezo?

Para unha maior información ou para se inscribir no curso prema na seguinte ligazón:
https://cntg.xunta.es/web/cnt/

Pin It on Pinterest

Share This