• A amtega concedeu o pasado venres o premio ao mellor proxecto fin de carreira con licenza libe
  • O gañador foi Pablo Belay polo proxecto Xeopesca, que permite coñecer os puntos con maior probabilidade de pesca en función das condicións meteorolóxicas de cada día
  • O segundo premio recaeu en Esperanza Natalia González pola súa instalación interactiva Abioxénese.

Foto de grupo: Xurado do premio e finalistas

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) concedeu o pasado venres 29 de novembro o Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Licenza Libre 2013 a Pablo Belay polo proxecto Xeopesca. Este recoñecemento ten unha dotación económica de 1.500 euros achegada polo Consorcio para o desenvolvemento de Aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG).  O xurado destacou o esforzo realizado polo candidato ademais de na liberación do seu proxecto, na creación dunha comunidade de desenvolvemento e de usuarios en torno a él.

Ademais, concedeuse un segundo premio a Esperanza Natalia González polo proxecto Abioxénese, cunha dotación económica de 750€ achegados pola Asociación GPUL. O xurado destacou o bo traballo realizado pola candidata na liberación do seu proxecto, amosando que non é preciso ser de carreiras técnicas para desenvolver e empregar software libre.

Esta iniciativa, que vai xa pola súa VI edición, dá continuidade ao premio creado pola empresa Igalia no ano 2007 e enmárcase na estratexia do Plan de Software Libre 2013 da Xunta para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do software de fontes abertas entre a cidadanía galega.
Os premiados

O primeiro premio desta edición recaeu en Pablo Belay Fernández por Xeopesca. Xeopesca é unha aplicación web que permite crear un rexistro das faenas pesqueiras e asocialas ás variables meteorolóxicas e xeográficas que máis inflúen no comportamento dos seres mariños. Isto converte a aplicación nun compendio da experiencia pesqueira que pode ser de gran valor para os patróns dos barcos, que saberán cales son os puntos con maior probabilidade de pesca en función das condicións meteorolóxicas de cada día.

Esperanza Natalia González González, foi recoñecida co segundo premio por Abioxénese. Trátase dunha instalación interactiva do ámbito das belas artes, e consiste nunha instalación interactiva que responde aos movementos do espectador xerando visuais e música segundo ditos movementos. Esta instalación estivo en funcionamento no Pazo da Cultura de Pontevedra dentro da exposición “Do final e do comezo” dende o 14 de xuño ata o 1 de setembro de 2013.

Os finalistas

Os outros dous finalistas do premio, a quen o xurado felicitou tamén polo seu traballo foron:

  • Antía Puentes Felpeto, que presentou ao galardón o Verificador de Accesibilidade Web, un aplicativo que permite verificar a accesibilidade web segundo o estándar "Web Content Accessibility Guidelines (WCGA 2.0)", publicado pola W3C.
  • Eutelo Pena Barreiro polo seu Sistema de Control mediante movementos faciais para Android. Este proxecto consistiu no desenvolvemento dun sistema que permite controlar aplicativos para Android mediante movemento faciais. Inicialmente captura catro movementos da cabeza (arriba, abaixo, esquerda e dereita) que son asignados respectivamente ás funcionalidades (back, enter, direccionamento dereita e direccionamento esquerda). Como proba da funcionalidade integrou o sistema desenvolvido nunha aplicación xa existente para Android: PictoDroid Lite

Xurado

O xurado estivo composto por Susana Ladra González, vicedecana de Organización Académica da Facultade de Informática da Universidade da Coruña; Jose Varela Pet da Universidade de Santiago de Compostela; Francisco Javier Rodríguez Martínez, da Universidade de Vigo; Emilio José Padrón González representante da Asociación de Programadores e Usuarios de Linux, GPUL; e dous representantes da Amtega, Juan Víctor Rodríguez Aros e Roberto Vieito Raña.

Dos seis proxectos presentados ao premio o xurado seleccionou previamente 4 finalistas, destacando a gran calidade de todos os presentados.

Sobre o Premio ao mellor Proxecto de Fin de Carreira con Software Libre

O obxectivo do premio é achegar aos universitarios galegos ao software libre, de xeito que poidan incrementar o seu coñecemento sobre este tipo de tecnoloxías e abrirlles as portas a novas posibilidades de emprego relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación.

Dada a orientación deste premio aos estudantes do Sistema Universitario Galego, a Amtega conta coa colaboración da Oficina de Software Libre do CIXUG e integra, ademais, a todos os axentes do ecosistema do software libre galego. Así, para a organización e difución do premio cóntase coa achega económica da asociación GPUL, coa colaboración da a Asociación Galega de Empresas de Software Libre, AGASOL, e das asociacións galegas de usuarios de Software Libre GALPon, Ghandalf, GPUL, Melisa e Trasno.

Fonte: Amtega

Pin It on Pinterest

Share This