Calibre é a aplicación de software libre de referencia para xestionar a biblioteca propia de libros electrónicos. Con ela pódese manter ordenada calquera colección de libros electrónicos, cunha interface intuitiva que permite facer buscas entre os libros polo seu xénero, título, autor, etiquetas ou mesmo polas valoracións que se lles vai dando. Ademais diso conta cun conversor entre unha grande cantidade de formatos así como ferramentas para exportar ou importar libros directamente desde os nosos dispositivos de lectura. Todo iso fixo que se convertese nunha aplicación de referencia neste eido, dispoñible para calquera sistema operativo.

Estes días vén de publicarse a súa versión 3.0, tres anos despois do lanzamento da última versión importante, a 2.0, e polo tanto como era de esperar vén cargada de grandes novidades. Sobre todo no ámbito da conexión entre dispositivos, cun novo sistema que nos permite compartir toda a biblioteca dende o noso ordenador e acceder a ela mesmo sen fíos, a través dun navegador web, podendo consultar toda a nosa colección e mesmo lendo sen ter que descargar o libro.

Tamén mellorou moito o apartado de edición dos libros, con soporte mesmo para pantallas de tipo retina, facendo que a configuración dos libros sexa especial para este tipo de pantallas. No apartado de formatos destaca tamén a compatibilidade co DOCX, permitindo a conversión dende e cara este formato, aínda que dende o proxecto Calibre recoméndase encarecidamente o emprego de estándares abertos.

Pin It on Pinterest

Share This