• O gañador foi Vreixo González Caneda polo proxecto “Aplicativo de cálculo de rutas en transporte público con software libre”
  • O gañador do segundo premio foi Iago Veloso Abalo polo proxecto “ Sistema de grabación automática da emisión en directo dunha emisora de radio comunitaria con Software Libre”
  • Esta edición destacou pola alta participación con 15 proxectos inscritos
  • Esta iniciativa enmárcase no Plan de Software Libre 2014 da Xunta para mellorar e potenciar a formación e difusión do software de fontes abertas entre a cidadanía

Este venres 17 de outubro tivo lugar o acto de defensa dos 5 finalistas da VII edición do Premio ao mellor Proxecto de Fin de Carreira con Licenza Libre tralo cal procedeuse a dar a coñecer o fallo do xurado.

Gañadores da VI edición do Premio ao mellor PFC con licenza libreA Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) concedeu o Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Licenza Libre a Vreixo González Caneda da Universidade da Coruña polo proxecto “Aplicativo de cálculo de rutas en transporte público con software libre” consistente no desenvolvemento dun aplicativo para o sistema operativo Android, que ofrece cálculo multimodal de rutas en distintos medios de transporte publico, a pé e en bicicleta co obxectivo de servir de ferramenta de busca das mellores rutas. Este recoñecemento ten unha dotación económica de 1.500 euros achegada polo CIXUG ao abeiro do Convenio de colaboración asinado coa AMTEGA.

Ademais, concedeuse tamén un segundo premio a Iago Veloso Abalo polo proxecto “ Sistema de grabación automática da emisión en directo dunha emisora de radio comunitaria con Software Libre” consistente nunha aplicativo web para a xestión da programación dunha radio comunitaria, así como dun sistema de gravación e publicación automática das emisións, cunha dotación económica de 750€ achegados pola Asociación GPUL, colaboradora da iniciativa ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa AMTEGA.
Esta iniciativa enmárcase no Plan de Software Libre 2014 da Xunta para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do software de fontes abertas entre a cidadanía galega.

Alta participación e calidade

Esta edición caracterizouse pola alta participación con 15 proxecto inscritos. Cómpre destacar ademais da cantidade, a variedade de áreas temáticas, xa que ademais das habituais titulacións Informáticas, hai proxectos da Escola Técnica de Enxeñería Técnica Industrial da UDC, Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas de Vigo, Escola Universitaria Politécnica da UDC e da Facultade de Matemáticas da USC. Un aspecto a valorar neste diversidade, é que por primeira vez dous proxectos, ademais de desenvolvemento de software publicado con licenza libre, empregaron tamén hardware libre o que demostra que a cultura libre non é exclusiva do ámbito do desenvolvemento de software.

Xurado

O xurado estivo composto por Luís María Hervella Nieto en representación da Universidade da Coruña, José Varela Pet en representación da Universidade de Santiago de Compostela, Francisco Javier Rodríguez Martínez en representación da Universidade de Vigo, Brais Arias Río en representación da Asociación Asociación de Programadores e Usuarios de Linux, GPUL e dous representantes da Amtega, Juan Víctor Rodríguez Arós e Breogán Cinza Cabarcos.

Foto de grupo do xurado e os finalistas da VII edición do premio.

Finalistas

Os outros tres finalistas do premio, a quen o xurado felicitou polo seu traballo foron:

Sobre o Premio ao mellor Proxecto de Fin de Carreira con Software Libre

A AMTEGA convoca este importante premio dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do Software Libre na cidadanía galega recollidas no Plan de Acción en Materia de Software Libre 2014.

O obxectivo do premio é o achegamento dos universitarios galegos ao software libre, de xeito que poida incrementar o coñecemento que estes teñan sobre este tipo de tecnoloxías, e en consecuencia abrirlles as portas a novas posibilidades de emprego de calidade relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación, xa que ademais das cuestións éticas e de compartición do coñecemento relacionadas co Software Libre, este constitúe un área de traballo en crecemento.

Dada a orientación deste premio aos estudantes do Sistema Universitario Galego, a AMTEGA considerou que o mellor para incrementar o achegamento e difusión do premio entre o estudantado universitario era contar coa colaboración da OSL do CIXUG para a organización do premio. Ademais seguindo a mesma estratexia global e integradora transversal a todas as actuacións do seu Plan de Software Libre, intégrase ao todos os axentes do ecosistema do software libre galego. Así cóntase ademais de co apoio do CIXUG para organización e difusión do premio, coa achega económica da asociación GPUL, coa colaboración de AGASOL, e das asociacións galegas de usuarios de Software Libre GALPon, Ghandalf, GPUL, Melisa e Trasno.

Con esta iniciativa a Xunta desexa continuar premiando a labor que están a realizar os universitarios galegos á vez que se pon en valor o traballo que realizan durante o seu Proxecto Fin de Carreira e todo elo promovendo o emprego e difusión do Software Libre como ferramenta de achegamento ao mundo laboral.

Pin It on Pinterest

Share This